Gregorio Sanz

mestre e pedagogo español

Gregorio Sanz García, nado en Ayllón (provincia de Segovia) o 4 de xaneiro de 1900 e finado en Ribadeo o 13 de setembro de 1997,[1] foi un mestre e dinamizador pedagóxico.

Gregorio Sanz
Nome completoGregorio Sanz García
Nacemento4 de xaneiro de 1900
Lugar de nacementoAyllón
Falecemento13 de setembro de 1997
Lugar de falecementoRibadeo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmestre e dinamizador pedagóxico
Linguacastelán
Estudosmaxisterio
editar datos en Wikidata ]
Separador de follas editado polo CEIP Gregorio Sanz con motivo do seu X pasamento.

Traxectoria editar

Naceu nunha familia humilde, de pai agricultor e logo carteiro. Na escola nacional da súa vila fixo os estudos primarios, chegando a facer de motior* dos máis pequenos como se levaba na época. Despois, por libre, fixo a carreira de Maxisterio. Posteriormente, en Madrid, o frecuentar o Museo Pedagóxico levou aparellado o tratar a Cossío e o acceso a un posto de profesor.[2]

Á falta dun posto como mestre, tentou facer carreira militar, o que truncou primeiro unha reforma e logo, o seu propio carácter.[2] O seu primeiro traballo como mestre levouno a Madrid, á Casa Escola "Concepción Arenal" do Protectorado del Niño Delincuente, pasando logo á Escola Agrícola "Pedro Murias" de Ribadeo en 1922[3], sendo director en 1923 da Fundación Agrícola[4] que a instituíra (á morte de Enrique Suárez Couto[2]), e ata a chegada de dous enxeñeiros que foron copartícipes da dirección. Desavinzas coas ideas e ilusións destes últimos fixeron que resignara o seu posto de mestre e animador sociocultural nas parroquias veciñas.

Pasou logo a dar clases particulares e levar contabilidade dun indiano. Foi nesta época cando contribuíu a crear a Biblioteca Popular Circulante.

No 1928 aprobou as oposicións a Maxisterio, pasando a exercer en San Pedro de Benquerencia, onde fixo un ensaio sobre a Escola Nova ("Escola Rural Activa") publicado na Revista de Pedagogía liderada por Lorenzo Luzuriaga Medina. En 1932 pasou ao nivel preparatorio do Instituto de ensino medio de Ribadeo, onde contribuíu a diversas iniciativas como a revisión semanal da clase dun compañeiro para analizar o método didáctico. En Ribadeo fundou a Biblioteca Popular Circulante, deu diversas conferencias e interveu en actos diversos de tipo cultural e na defensa da escola pública. Foi o principal impulsor do periódico El Pequeño Escolar (1935)[5].

Foi presidente da Asociación de Mestres do Partido Xudicial de Ribadeo (UGT) e secretario da Federación Ribadense. Participou en varios mitins do Fente Popular na campaña electoral das eleccións de febreiro de 1936.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi encarcerado o 24 de xullo no Depósito de Ribadeo, pasando despois ao Cárcere de Lugo. Foi xulgado por auxilio á rebelión e condenado a 20 anos de prisión. Saíu en liberdade o 12 de marzo de 1941. A inhabilitación para o exercicio público fixo que tivera que dedicarse ao ensino privado; despois traballou como contable nunha empresa de Guitiriz e volveu ao ensino nunha academia de Lugo. Reingresou no Maxisterio en 1959 e destinárono a Covas (Viveiro). Ao ano seguinte (1960), opositou para poboacións de máis de 10 000 habitantes, pasando a exercer en Vigo ata a súa xubilación en xaneiro de 1970.[6] Retirouse logo a Ribadeo, onde viviu ata o seu falecemento.

Aínda en vida (1994)[3], deu nome ó CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo. Asemade, leva o seu nome unha rúa en Guadalaxara.[7]

Obras editar

En 1986 publicou o libro Uno de tantos. Cinco años a la sombra, un documento autobiográfico do seu período de cárcere que dá unha idea diferente da vida no período posterior á guerra civil española. Asemade, parece ser a orixe básica da obra "A lingua das bolboretas" de Manuel Rivas.

Notas editar

  1. Necrolóxica en La Voz de Galicia, Lugo, 14-9-1997, p. 50.
  2. 2,0 2,1 2,2 Costa, Antón (outubro 1992). "Na escola do franquismo non había a ilusión que debía haber". Nova Escola Galega (14): 66–68. 
  3. 3,0 3,1 "Gregorio Sanz 1". Consultado o 2019-08-25. 
  4. "Enrique Suárez Couto no Álbum da ciencia". consellodacultura.org. Consultado o 2019-08-26. 
  5. No 80 aniversario de "El pequeño escolar"
  6. Álvarez Lebredo, Carlos (24/08/2019). "Publicado un estudo sobre o proceso contra o mestre Gregorio Sanz". La Comarca del Eo (5188): 4. 
  7. "Código Postal calle Gregorio Sanz en Guadalajara". Codigopostalde.es (en castelán). Consultado o 2019-08-25. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar