Globo de Betanzos

O Globo de Betanzos é un aeróstato de papel non tripulado que se solta tódolos anos na vila de Betanzos a noite do 16 de agosto na honra de San Roque.

Globo de Betanzos
O Globo de Betanzos en 2009.
TipoGlobo de papel
FabricanteDescendentes de Claudino Pita
Deseñado porClaudino Pita Pandelo
Introducido1875 (actual deseño)
Principais usuariosFestas de San Roque de Betanzos

Historia

editar

Primeiros globos en Betanzos

editar

Atribúese a invención dos globos de papel aos chineses e a súa chegada a Europa a Marco Polo, sería supostamente un dos axudantes do explorador veneciano quen introducira esa tradición en Betanzos.[1]

A tradición de lanzar globos de papel en Betanzos ten máis de douscentos anos. O primeiro aeróstato do que se hai constancia elevouse o 29 de maio de 1814 para celebra-la onomástica do rei Fernando VII, que retornara a España poucos días antes. Non se coñece exactamente como era este primeiro globo, tan só que era un "voluminoso globo" de papel causou admiración entre as persoas que presenciaron o acontecemento.[2] Dende entón hai constancia da solta de globos en acontecementos sinalados: o segundo aeróstato documentado data de 1837 como conmemoración da promulgación da Constitución española dese mesmo ano, facendo voar dous globos para a ocasión; outro evento conmemorativo foi o matrimonio de Isabel II con Francisco de Asís, sendo celebrado co voo dun novo globo; en 1858 a monarca pasou pola cidade de regreso a Madrid dende A Coruña, sendo celebrado elevando un novo globo.[3]

Relación coas festas de San Roque

editar

Paralelamente, aínda que se descoñecen os anos e a súa continuidade, o concello comezou a incluír a elevación dun ou máis globos durante as festas patronais na honra de San Roque. Consta a construción de aeróstatos con tal fin nos anos de 1834, 1840, 1863 ou 1865, realizados por artesáns como Manuel Ramos Casal ou Juan Contas. Entre os anos 1868 e 1871 o globo foi confeccionado por Luis Abella, a quen tamén se lle encargou facer o do ano 1876, mentres que no 1872 foi feito por Antonio Pedreira. Emporiso, Claudino Pita Pandelo é o persoeiro relacionado inseparablemente ó Globo de Betanzos, quen o fixo no ano 1875 e de 1877 en diante. Vales Villamarín citaba que no primeiro terzo do século XX voábanse dous grandes globos durante as festas padroeiras: un o día 15 de agosto coincidindo coa Asunción de María, e outro o día 16, o día de San Roque, sendo o segundo de dimensións máis reducidas.[4]

En 1868 voáronse tres globos polos que pagaron a Luis Abella a suma de 96 escudos. No ano seguinte foron de novo tres, mais desta volta o encargado da construción dos globos foi Manuel Ramos Casal, que ademais subministrou os materias necesarios para a súa construción.[5] A partir do ano 1935 suprimiuse o globo do día 15, elevándose un único globo de grandes dimensións o día 16.[6] Claudino Pita é o responsable do actual deseño, que cada ano continúan recreando os seus descendentes ata os nosos días, interrompéndose o evento unicamente durante a Guerra Civil[7][3] e durante a pandemia por coronavirus en 2020.[8]

En 2018 o globo de Betanzos non voou por primeira vez na súa historia a causa dunha rotura motivada presuntamente por engancharse a algún elemento, presumiblemente unha farola da torre da igrexa de Santo Domingo, se ben descoñécese cal puido ser o lugar exacto onde rompeu un dos cuarteróns. Ante a imposibilidade de que o aeróstato voase valorouse queimalo no chan, do mesmo xeito como "se queimaría" no ceo, aínda que finalmente optouse por repartir o papel entre o público asistente.[9]

 
Ascenso do Globo.
 
Igrexa de Santo Domingo de Betanzos.

Características

editar

O Globo de Betanzos faise de xeito artesanal e cos materiais empregados tradicionalmente. As dezaseis porcións que o conforman están feitas con papel pardo, pegado con engrudo de fariña de centeo e reforzado con cinta de algodón. Está ilustrado con viñetas humorísticas. Acada unha altura máxima de 25 metros, un diámetro máximo de 16 metros e unha circunferencia máxima de pouco máis de 50 metros. Pesa baleiro arredor de 150 quilogramos, alberga ata 2 300 de aire, que se quenta mediante a queima de "pachuzos" (fachos de palla) e "chourizos" (paquetes de papel apertado) impregnados en aceite. Considérase o globo de papel máis grande do mundo[10].

O globo lánzase a noite do 16 ó 17 de agosto dende a praza Irmáns García Naveira de Betanzos e sóltase dende campanario da igrexa de Santo Domingo. Ó evento, que dura algo máis de media hora, asisten cada ano decenas de miles de espectadores[11].

  1. López Orosa, Pablo (25 de xuño de 2010). "La tradición del globo de Betanzos cumple 135 años el próximo 16 de agosto". El Correo Gallego (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2019. Consultado o 25 de xullo de 2019. 
  2. de las Morás Hervella 1992, pp. 46-47.
  3. 3,0 3,1 de las Morás Hervella 1992, pp. 47.
  4. Vales Villamarín, Francisco (1981). "O globo de Betanzos" (PDF). Anuario Brigantino (Betanzos) (4): 208. 
  5. Erias, p. 56-57
  6. de las Morás Hervella 1992, pp. 48.
  7. Lissarrague Leis 1990, pp. 139.
  8. Cancela, Lucía; S., T. (6 de xullo de 2020). "Este ano non haberá globo nin Caneiros en Betanzos". La Voz de Galicia. Consultado o 19 de agosto de 2020. 
  9. "El globo de Betanzos no puede volar por primera en su historia tras romperse". EuropaPress.es (en castelán). 17 de agosto de 2018. Consultado o 25 de xullo de 2019. 
  10. Nebreda, Marcos (17 de agosto de 2011). "El globo de papel más grande del mundo vuelve a surcar el cielo de Betanzos". El Mundo (en castelán). 
  11. A. S. R. (17 de agosto de 2014). "O globo de Betanzos reinvéntase". La Voz de Galicia. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar