Febre hemorráxica viral
As febres hemorráxicas virais (FHV) son un diverso grupo de enfermidades humanas e animais que poden ser causadas por virus de cinco familias de virus de ARN, as cales son: Arenaviridae, Filoviridae, Bunyaviridae, Flaviviridae, e, máis raramente, Rhabdoviridae. Todos os tipos de febre hemorráxica viral caracterizanse por febre e trastornos hemorráxicos e poden progresar a febre moi alta, shock e morte en moitos casos. Algúns dos axentes das FHV causan doenzas relativamente leves, como a nefropatía epidémica escandinava (causada por un Hantavirus), mentres que outros, como o virus Ebola, poden causar enfermidades graves que poden ser mortais.
Febre hemorráxica viral | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
ICD-10 | A96-A99 |
eMedicine | artigo/830594 |
MeSH | D006482 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Axentes etiolóxicos
editarRecoñecéronse cinco familias de virus de ARN como causantes deste tipo de síndromes. Son:
- Familia Arenaviridae. Inclúe os virus responsables da febre de Lassa, a febre do virus Lujo, e as febres hemorráxicas arxentina, boliviana, brasileira e venezolana.
- Familia Bunyaviridae. Inclúe os membros do xénero Hantavirus, que causan a febre hemorráxica con síndrome renal, e os membros do xénero Nairovirus que causan a febre hemorráxica de Crimea-Congo, e os virus Garissa e Ilesha (do serogrupo Bunyamvera) pertencentes ao xénero Orthobunyavirus, e o virus da febre do Rift Valley do xénero Phlebovirus.
- Familia Filoviridae. Comprende os Ebolavirus, como o virus Ebola, e os Marburgvirus, como o virus Marburg.
- Familia Flaviviridae. Comprende os virus causantes do dengue e a febre amarela, e dous virus do grupo da encefalite transmitida por carrachas que causan a febre hemorráxica de Omsk e a enfermidade do bosque de Kyasanur.
- Ademais destas 4 familias, en 2012 informouse do illamento dun membro da familia Rhabdoviridae que era responsable de catros casos, dous deles mortais, de febre hemorráxica no distrito de Bas-Congo na República Democrática do Congo.[1] Este virus parece que non está relacionado cos outros membros previamente coñecidos da familia Rhabdoviridae.
Aspectos clínicos e tratamento
editarOs signos e síntomas das FHV inclúen como o seu nome indica febre e un aumento da susceptibilidade de sufrir hemorraxias. Outras manifestacións frecuentes son rubor na cara e peito, manchas vermellas ou púrpuras na pel (petequias), hemorraxias maiores, inchamento causado por edemas, baixa presión arterial (hipotensión), e shock circulatorio. Frecuentemente hai tamén malestar xeral, dor muscular (mialxia), dor de cabeza, vómitos, e diarrea. A gravidade dos síntomas varía segundo o virus de que se trate, e a “síndrome FHV” (permeabilidade capilar, hemorraxias, problemas circulatorios que orixinan shock) aparece na maioría dos pacientes con febres hemorráxicas causadas por filovirus (como o Ebola e Marburg), e por febre hemorráxica Crimea-Congo e nas febres hemorráxicas suramericanas, pero só se dá nunha pequena minoría dos pacientes de dengue, febre do Rift Valley e febre de Lassa.
A diagnose definitiva faise xeralmente nun laboratorio de referencia con capacidades avanzadas de biocontención. Os descubrimentos realizados nas investigacións de laboratorio varían algo entre os distintos virus, pero en xeral hai unha diminución no número total de células brancas (especialmente de linfocitos), unha diminución no reconto de plaquetas, un incremento no soro sanguíneo de encimas hepáticos, e unha redución da capacidade de coagulación sanguínea medida como un incremento nos tempos de protrombina e tempos parciais de tromboplastina activada. O hematócrito pode ser elevado. No soro sanguíneo a urea e a creatina poden estar elevadas pero isto depende do status de hidratación do paciente. O tempo de sangrado tende a ser prolongado.
O tratamento médico dos pacientes de FHV pode requirir uns coidados paliativos intensivos. A terapia antiviral con ribavirina intravenosa pode ser útil en infeccións por Bunyaviridae e Arenaviridae (especificamente na febre de Lassa, febre do Rift Valley, febre hemorráxica Crimea-Congo, e febre hemorráxica con síndrome renal debida a Hantavirus do Vello Mundo) e pode utilizarse só baixo un protocolo experimental como un fármaco novo de investigación aprobado legalmente para casos dese tipo. A administración de ribavirina profiláctica (preventiva) pode ser efectiva neses casos. O interferón pode ser efectivo nas febres hemorráxicas arxentina e boliviana (tamén como fármaco novo de investigación). Tamén hai vacinas experimentais en desenvolvemento para outras febres hemorráxicas virais, pero que están dificilmente dispoñibles.
As directrices para o illamento de doentes con febre hemorráxica viral (FHV) indican que con todos os pacientes con FHV (con excepción dos pacientes de dengue) deberían usarse estritas precaucións de contacto, como hixiene das mans, luvas dobres, batas e traxes impermeables, cubertas para o calzado e cara e cabeza. Os virus Lassa, Ebola, Marburg e o da febre hemorráxica Crimea-Congo poden facilmente producir infeccións hospitalarias e os traballadores sanitarios son un grupo de risco. Deberían utilizarse precaucións para a transmisión por aire, como mínimo, un respirador equipado con filtro HEPA (como unha máscara N-95), un respirador purificador de aire alimentado por batería, ou un respirador de aire a presión positiva que debería ser utilizado polo persoal que está a uns 1,8 metros dun paciente con febre hemorráxica viral. Cando hai moitos pacientes deberían estar illados nun pavillón ou edificio separado ou nunha planta con sistemas de illamento do aire. A descontaminación ambiental realízase tipicamente con hipocloritos (por exemplo lixivia) ou desinfectantes fenólicos.[2]
Fisiopatoloxía
editarOs distintos virus causantes de febres hemorráxicas actúan no corpo de diferentes xeitos, orixinando diferentes síntomas. Na maioría das FHV, é probable que sexan varios os mecanismos que contribúen aos síntomas, entre eles os danos ao fígado, a coagulación intravascular diseminada, e a disfunción da medula ósea. Na coagulación vascular diseminada, fórmanse pequenos coágulos de sangue nos vasos sanguíneos por todo o corpo, retirando da circulación sanguínea as plaquetas necesarias para a coagulación e reducindo a capacidade de coagulación. A coagulación intravascular diseminada crese que causa as hemorraxias que se producen nas febres do Rift Valley, de Marburgo, e do Ebola.
As razóns para a variación de síntomas entre pacientes infectados co mesmo virus é descoñecida, mais deriva do complexo sistema de interaccións virus-hóspede. A febre do dengue preséntase con máis virulencia durante unha segunda infección debido a unha potenciación dependente de anticorpo. Despois da primeira infección, os macrófagos expoñen anticorpos específicos para o virus do dengue nas súas membranas celulares. Ao unírense a estes anticorpos, os virus do dengue nunha segunda infección teñen máis facilidade para infectar aos macrófagos, reducindo así a capacidade do sistema inmunitario de loitar contra a infección.
Guerra biolóxica e bioterrorismo
editarOs virus das FHV poden espallarse de diversas maneiras. Algúns poden transmitirse aos humanos pola ruta respiratoria. Aínda que non existen probas sobre a conversión de moitos destes virus en arma biolóxica, todos son considerados polos planificadores médicos militares como virus que teñen un potencial para ser diseminados en forma de aerosol, convertidos en armas biolóxicas ou que teñen a probabilidade de confundirse con axentes similares que poderían ser convertidos en armas biolóxicas. Algúns requiren nivel de bioseguridade 4.[3][4]
Notas
editar- ↑ Grard G, Fair JN, Lee D; et al. (September). "A novel rhabdovirus associated with acute hemorrhagic fever in central Africa". PLoS Pathog. 8 (9): e1002924. PMC 3460624. PMID 23028323. doi:10.1371/journal.ppat.1002924.
- ↑ Woods, Lt Col Jon B., ed. (2005). USAMRIID’s Medical Management of Biological Casualties Handbook (PDF) (6th ed.). Fort Detrick MA: U.S. Army Medical Institute of Infectious Diseases. pp. 143–4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de xuño de 2007. Consultado o 11 de outubro de 2014.
- ↑ Woods 2005, p. 145
- ↑ Peters, C. (2000). "Are Hemorrhagic Fever Viruses Practical Agents for Biological Terrorism?". En Scheld, W. M.; Craig, W. A.; Hughes, J. M. Emerging Infections 4. Washington, DC: ASM Press. pp. 201–209. ISBN 1555811973.