Ebolavirus

xénero de virus

Este artigo trata sobre o xénero vírico. Para a especie causante da epidemia de 2014 ver virus Ebola. Para a enfermidade ver febre hemorráxica do Ebola.

Ebolavirus é un xénero de virus que o Comité Internacional de Taxonomía de Virus (ICTV polas súas siglas en inglés) inclúe na familia Filoviridae.[1] As especies deste xénero denomínanse ebolavirus,[1] e coñécense cinco. Catro destas especies poden causar a enfermidade do virus Ebola en humanos, que é un tipo de febre hemorráxica. As cinco especies recoñecidas polo ICTV son: Ebolavirus Bundibugyo, Ebolavirus Reston, Ebolavirus Sudán, Ebolavirus Bosque Taï (inicialmente chamado Ebolavirus Côte d'Ivoire e tamén Ebolavirus Taï Forest) e Ebolavirus Zaire.

O nome Ebolavirus deriva do río Ebola (ás veces ortografado Ébola) da República Democrática do Congo (antes Zaire), onde foi descuberto, e o sufixo taxonómico de xénero -virus.[1] O xénero foi introducido en 1998 coa denominación "virus de tipo Ébola" ("Ebola-like viruses"). [2] En 2002 o nome cambiouse a Ebolavirus[3] e en 2010, o xénero foi emendado.[1]

Criterios de inclusión no xénero editar

Un virus da familia Filoviridae é membro do xénero Ebolavirus se cumpre os seguintes criterios:[1]

  • o seu xenoma ten varios solapamentos de xenes;
  • o seu cuarto xene (GP) codifica catro proteínas (sGP, ssGP, Δ-péptido, e GP1,2) utilizando unha edición cotranscricional para expresar ssGP e GP1,2 e unha clivaxe ou corte proteolítico para expresar sGP e o Δ-péptido;
  • o pico de infectividade destes virións está asociado con partículas de ≈805 nm de lonxitude;
  • o seu xenoma difire en nucleótidos do que ten o virus Marburg en ≥50% e do do virus Ebola en <50%;
  • os seus virións non mostran case ningunha reactividade antixénica cruzada cos virións de marburgvirus.

Organización do xénero editar

O xénero Ebolavirus está organizado en cinco especies; con todo, a súa nomenclatura é algo controvertida, e moitos autores seguen usando os nomes comúns en vez dos nomes das especies para referirse a estes virus.[1] En particular, o termo xenérico "virus Ebola" é amplamente usado para referirse especificamente aos membros da especie Ebolavirus Zaire. En consecuencia, en 2010, un grupo de investigadores recomendou que o nome "virus Ebola" fose adoptado para unha subclasificación por debaixo do nivel de especie.[4] Pero en cada "especie" do xénero só se distinguía un só "virus".[1] O nome da especie escríbese en cursiva e o do virus non. Os únicos que teñen abreviatura son os virus. En 2011, o Comité Internacional de Taxonomía de Virus (ICTV) rexeitou a proposta (2010.010bV) que se fixera para recoñecer formalmente estes nomes, xa que o Comité non designa nomes para subtipos, variantes, cepas, ou outros agrupamentos a nivel de subespecie (que os especialistas usan).[5] Por tanto, os nomes comúns amplamente usados na práctica non son formalmente recoñecidos como parte da nomenclatura taxonómica "oficial". En concreto, no caso do "virus Ebola", este non ten un nome oficial recoñecido polo ICTV, o cal continúa usando e recomendando só o nome específico Ebolavirus Zaire (en inglés Zaire ebolavirus).[6]

Xénero Ebolavirus: especies e virus
Nome da especie Nome da especie do ICTV (en inglés) Nome do virus (abreviatura)
Ebolavirus Bundibugyo Bundibugyo ebolavirus Virus Bundibugyo (BDBV; antes BEBOV)
Ebolavirus Reston Reston ebolavirus Virus Reston (RESTV; antes REBOV)
Ebolavirus Sudán Sudan ebolavirus Virus Sudán (SUDV; antes SEBOV)
Ebolavirus Bosque Taï Taï Forest ebolavirus Virus Bosque Taï (TAFV; antes CIEBOV)
Ebolavirus Zaire (especie tipo) Zaire ebolavirus Virus Ebola (EBOV; antes ZEBOV)

Clasificación editar

 
Micrografía electrónica dun virión de virus Ebola.
 
Árbore filoxenética que compara Ebolavirus e Marburgvirus. Os número indican a porcentaxe de confianza das ramas.

Os xéneros Ebolavirus e Marburgvirus comprenden especies que inicialmente foron clasificadas no xénero, hoxe obsoleto, Filovirus. En 1998, o Subcomité de Virus de Vertebrados propuxo no ICTV cambiar o xénero Filovirus á familia Filoviridae dividíndoo en dous xéneros específicos: virus de tipo Ebola (Ebola-like viruses) e virus de tipo Marburg (Marburg-like viruses). Esta proposta foi aplicada na sesión de Washington, D.C. en 2001 e en París en 2002. En 2000, fíxose outra proposta en Washington, D.C., para que se cambiase a denominación "virus tipo..." ("-like viruses") a "-virus", o que deu como resultado os nomes de xéneros actuais Ebolavirus e Marburgvirus.[7][8]

As cinco especies caracterizadas de ebolavirus, que cada unha contén un só virus, son:

Ebolavirus Zaire (contén o virus Ebola, EBOV)
Tamén chamado simplemente virus Zaire ou virus Ebola, EBOV, que ten a maior taxa de mortalidade, de ata o 90% nalgunhas epidemias, cunha media do 83% nos últimos 27 anos. Houbo máis estalidos epidémicos do ebolavirus Zaire que de calquera das outras especies. O primeiro ocorreu en 1976 en Yambuku.[9] Os síntomas lembraban aos da malaria, e aos pacientes se lles deu quinina. A tansmisión foi atribuída á reutilización de agullas non esterilizadas e a un contacto persoal estreito. É o causante da epidemia de 2014, a máis grave ata o momento.
Ebolavirus Sudán (contén o virus Sudán, SUDV)
Igual que o virus Zaire, o SUDV apareceu en 1976, e ao principio pensouse que era idéntico á especie Zaire.[10] O SUDV crese que empezou en traballadores dunha fábrica de algodón en Nzara, Sudán (hoxe no Sudán do Sur), e o primeiro caso foi o dun traballador exposto a un reservorio natural potencial. Os científicos examinaron os insectos e outros animais locais, mais ningún deu positivo para o virus. O portador aínda é descoñecido. A falta de barreiras contra o contaxio durante a atención médica (ou "illamento de camas") facilitou o espallamento da enfermidade. O estalido máis recente ocorreu en 2004. Confirmáronse 20 casos en Yambio, Sudán, dos que cinco morreron. As taxas medias de mortalidade da infección por SUDV foron o 54% en 1976, o 68% en 1979, e o 53% en 2000 e 2001.
Ebolavirus Reston (contén o virus Reston, RESTV)
Este virus descubriuse durante o estalido epidémico do virus da febre hemorráxica de simios (SHFV) en macacos cangrexeiros que tiñan os Hazleton Laboratories (hoxe Covance) en Reston, Virxinia, EUA en 1989. Desde o estalido inicial en Virxinia, volveuse a dar en primates non humanos en Pensilvania, Texas, e Siena, Italia. En todos os casos, os animais afectados foran importados dunha instalación de Filipinas.[11] Posteriormente, en Filipinas o virus tamén afectou a porcos.[12] Malia a súa consideración como organismo de Nivel 4 de bioseguridade e a súa aparente patoxenicidade en monos, o REBOV non causou a enfermidade en ningún dos humanos expostos nos laboratorios.[13]
Ebolavirus Bosque Taï (contén o virus Bosque Taï, TAFV)
Antes denominado Côte d'Ivoire ebolavirus, descubriuse nos chimpancés do Parque Nacional de Taï de Costa do Marfil, África, en 1994, polo que se lle acabou chamado virus Bosque Taï (ou Taï Forest). As autopsias mostraron que o sangue no corazón tiña cor castaña; non había signos evidentes nos órganos; e nunha das necropsias os pulmóns estaban cheos de sangue. Os estudos dos tecidos extraídos dos chimpancés mostraron resultados similares aos dos casos humanos do gromo de Ebola de 1976 en Zaire e Sudán. A medida que se atoparon máis chimpancés mortos, moitos deron positivo para o Ebola utilizando técnicas moleculares. A fonte dos virus crese que foi a carne de monos colobos occidentais infectados (Procolobus badius) que os chimpancés depredaron. Unha das científicas que realizaron as autopsias dos chimpancés infectados contraeu o Ebola, e desenvolveu síntomas similares aos do dengue aproximadamente unha semana despois de que realizase a autopsia, tardou en curar seis semanas desde a infección, das cales dúas foron de hospitalización.[14]
Ebolavirus Bundibugyo (contén o virus Bundibugyo, BDBV)
En 2007, confirmouse un estalido epidémico de febre de Ebola no distrito de Bundibugyo en Uganda. A Organización Mundial da Saúde confirmou a presenza desta nova especie unha vez que se realizaron probas ás mostras nos Laboratorios de Referencia Nacionais dos Estadsos Unidos e nos CDC. En 2008, anunciouse o fin da epidemia en Bundibugyo.[15] Un estudo epidemiolóxico realizado pola OMS e o ministerio ugandés de Sanidade determinou que houbera 116 casos confirmados e probables da nova especie de Ebola, e que a taxa de mortalidade fora do 34% (39 falecidos).[16]

Evolución editar

A velocidade de cambio xenético nestes virus é cen veces menor que no virus da influenza A en humanos, pero da mesma magnitude que a do virus da hepatite B. Facendo unha extrapolación cara ao pasado utilizando estas velocidades vese que o Ebolavirus e Marburgvirus diverxeron hai varios miles de anos.[17] Porén, os paleovirus (fósiles xenómicos) de filovirus (Filoviridae) encontrados en mamíferos indican que esta familia ten unha antigüidade de polo menos dez millóns de anos.[18]

Investigacións editar

Un estudo de 2013 illou anticorpos de morcegos da froita en Bangladesh específicos contra os virus Ebola Zaire e Reston, identificando así potenciais hóspedes víricos e signos da presenza de filovirus en Asia.[19]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Kuhn, J. H.; Becker, S.; Ebihara, H.; Geisbert, T. W.; Johnson, K. M.; Kawaoka, Y.; Lipkin, W. I.; Negredo, A. I.; Netesov, S. V.; Nichol, S. T.; Palacios, G.; Peters, C. J.; Tenorio, A.; Volchkov, V. E.; Jahrling, P. B. (2010). "Proposal for a revised taxonomy of the family Filoviridae: Classification, names of taxa and viruses, and virus abbreviations". Archives of Virology 155 (12): 2083–2103. doi:10.1007/s00705-010-0814-x. PMC 3074192. PMID 21046175.
  2. Pringle, C. R. (1998). "Virus taxonomy-San Diego 1998". Archives of Virology 143 (7): 1449–59. PMID 9742051. doi:10.1007/s007050050389. 
  3. Mayo, M. A. (2002). "ICTV at the Paris ICV: results of the plenary session and the binomial ballot". Archives of Virology 147 (11): 2254–60. doi:10.1007/s007050200052. 
  4. A proposta feita por Kuhn et al. en 2010 suxería especificamente que ao nome "virus Ebola" se lle dese o rango taxonómico de "Virus" dentro da especie Zaire ebolavirus. Na súa proposta, un "virus Ebola" sería calquera membro da especie Zaire ebolavirus cuxo xenoma diverxise da variante tipo Zaire ebolavirus (Mayinga) en menos do 10%. En xeral, os membros da especie Zaire ebolavirus poderían diverxir xenetricamente da variante tipo Mayinga ata un 30%. Como resultado, esta proposta convertía o "virus Ebola" nun subconxunto da especie Zaire ebolavirus en vez dun sinónimo da especie (aínda que dentro da "especie" só se distinguía un "virus"). A distinción de tratar o termo "virus Ebola" como un subconxunto da especie en vez de como un sinónimo da especie raramente se usa.
  5. "Replace the species name Lake Victoria marburgvirus with Marburg marburgvirus in the genus Marburgvirus". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 05 de febreiro de 2015. 
  6. International Committee on Taxonomy of Viruses. "Virus Taxonomy: 2013 Release". 
  7. Büchen-Osmond, Cornelia (2006-04-25). "ICTVdB Virus Description – 01.025.0.02. Ebolavirus". International Committee on Taxonomy of Viruses. Consultado o 2009-06-02. 
  8. ICTV cambios de nome dos ebolavirus ebolavirus Arquivado 10 de agosto de 2014 en Wayback Machine.
  9. Isaacson, M; Sureau, P; Courteille, G; Pattyn, SR;. "Clinical Aspects of Ebola Virus Disease at the Ngaliema Hospital, Kinshasa, Zaire, 1976". Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2008. Consultado o 2009-07-08. 
  10. Feldmann, H.; Geisbert, T. W. (2011). "Ebola haemorrhagic fever". The Lancet 377 (9768): 849–862. doi:10.1016/S0140-6736(10)60667-8. PMID 21084112.
  11. Special Pathogens Branch CDC (2008-01-14). "Known Cases and Outbreaks of Ebola Hemorrhagic Fever". Center for Disease Control and Prevention. Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2008. Consultado o 2008-08-02. 
  12. McNeil Jr, Donald G. (2009-01-24). "Pig-to-Human Ebola Case Suspected in Philippines". New York Times. Consultado o 2009-01-26. 
  13. McCormick & Fisher-Hoch 1999, p. 300
  14. Waterman, Tara (1999). Ebola Cote D'Ivoire Outbreaks. Stanford University. Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2008. Consultado o 2009-05-30. 
  15. World Health Organization, ed. (2008-02-20). "End of Ebola outbreak in Uganda". 
  16. Wamala, J; Lukwago, L; Malimbo, M; Nguku, P; Yoti, Z; Musenero, M; Amone, J; Mbabazi, W; Nanyunja, M; Zaramba, S; Opio, A; Lutwama, J; Talisuna, A; Okware, I; (2010). "Ebola Hemorrhagic Fever Associated with Novel Virus Strain, Uganda, 2007–2008". Emerging Infectious Disease 16 (7). Arquivado dende o orixinal o 24/07/2010. Consultado o 2010-06-24. 
  17. Suzuki, Y; Gojobori (1997). "The origin and evolution of Ebola and Marburg viruses". Molecular Biology and Evolution 14 (8): 800–6. PMID 9254917.
  18. Taylor, D.; Leach, R.; Bruenn, J. (2010). "Filoviruses are ancient and integrated into mammalian genomes". BMC Evolutionary Biology 10: 193. doi:10.1186/1471-2148-10-193. PMC 2906475. PMID 20569424.
  19. Kevin J. Olival, Ariful Islam, Meng Yu, Simon J. Anthony, Jonathan H. Epstein, Shahneaz Ali Khan, Salah Uddin Khan, Gary Crameri, Lin-Fa Wang, W. Ian Lipkin, Stephen P. Luby, and Peter Daszak (2013). "Ebola Virus Antibodies in Fruit Bats, Bangladesh". Emerging Infectious Disease (CDC) 19 (2). doi:10.3201/eid1902.120524. Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2014. Consultado o 04 de agosto de 2014. 

Ligazóns externas editar