Evaristo de Macedo

(Redirixido desde «Evaristo Macedo»)

Evaristo de Macedo Filho, nado no Río de Xaneiro o 22 de xuño de 1933, é un exfutbolista e exadestrador brasileiro. Xogaba de dianteiro e destacou como goleador principalmente no Flamengo e no FC Barcelona. Xogou tamén no Real Madrid e foi internacional coa selección brasileira.

Evaristo
Información persoal
Nome Evaristo de Macedo Filho
Nacemento 22 de xuño de 1933
Lugar de nacemento Río de Xaneiro
Altura 172 centímetros
Posición dianteiro, dianteira
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1950–1952 Madureira 35 (15)
1952–1957 Flamengo 61 (38)
1957–1962 Barcelona 114 (78)
1962–1964 Real Madrid 17 (4)
1964–1966 Flamengo 7 (0)
Selección nacional
1955–1957 Brasil 14 (8)
Adestrador
1968 Fluminense
1969 Vasco da Gama
1971 Bahia
1971 Bangu
1972 Santa Cruz
1973 Bahia
1977–1979 Santa Cruz
1980–1986 Qatar
1985 America
1985 Brasil
1986 Iraq
1988–1989 Bahia
1990 Grêmio
1991–1992 Cruzeiro
1992 Qatar
1993 Santos
1993–1995 Flamengo
1996 Athletico Paranaense
1997 Grêmio
1997 Vitória
1998 Bahia
1998 Flamengo
1999 Corinthians
2001 Bahia
2002 Vasco da Gama
2002–2003 Flamengo
2003 Bahia
2004 Vitória
2005 Athletico Paranaense
2007 Santa Cruz
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Madureira (1950–1952)Editar

Criado no norte do Río de Xaneiro, xogaba ao fútbol nas rúas, como moitos outros nenos, e nas fins de semana asistía aos partidos do Flamengo co seu tío. En 1950, aos 17 anos, fichou polo Madureira despois de realizar unha proba. Marcou 18 goles en 35 partidos, incluído un contra o Fluminense no Estádio do Maracanã.[1]

Flamengo (1953–1957)Editar

Ao seu regreso dos Xogos Olímpicos de 1952, todos os xogadores da selección brasileira recibiron ofertas doutros equipos. Tras rexeitar as ofertas do Vasco da Gama e do Fluminense, Evaristo fichou polo Flamengo, co que gañou tres Campionatos Cariocas consecutivos. Marcou 103 goles en 191 partidos co Flamengo, incluídos catro goles nunha vitoria por 12-2 sobre o São Cristóvão, a maior vitoria rexistrada no Maracanã.[1]

Barcelona (1957-1962)Editar

A exhibición de cinco goles de Evaristo co Brasil na vitoria por 9-0 sobre Colombia no Campionato Suramericano de 1957 chamou a atención do secretario técnico do FC Barcelona, Josep Samitier, que viaxara a América do Sur en busca dun dianteiro.[1] Realizoulle entón ao do pai de Evaristo unha oferta de 700.000 pesetas ao ano, ademais dunha casa e un Mercedes-Benz.[1]

Debutou co club catalán en partido oficial na segunda xornada da tempada 1957/58 da Primeira División contra o Valencia en Mestalla, marcando o único gol do seu equipo (1-1). En marzo de 1958 marcou o primeiro triplete da historia no Camp Nou, nunha goleada por 7-1 sobre o Valladolid, e catro xornadas despois conseguiu o segundo contra o Zaragoza.

Marcou 17 goles na súa primeira tempada, na que compartiu dianteira con Tejada, Kubala, Basora e Eulogio Martínez. Marcou dous goles na final da Copa de Feiras contra unha selección de Londres (6-0), contribuíndo a que o título fose para o equipo catalán, dirixido xa por Helenio Herrera.

Na tempada seguinte incorporouse á dianteira barcelonista o húngaro Zoltán Czibor. Dirixido no campo polo coruñés Luis Suárez, o Barcelona avanzou con paso firme en todas as competicións, contando case todos os partidos por vitorias e proclamouse campión de liga e de Copa. Evaristo rematou como o máximo goleador do equipo con 22 tantos, tres deles marcados nun mesmo partido contra o Real Madrid no Camp Nou (4-0).[1] Na tempada 1959/60 o club catalán repetiu título de liga e sumou a súa segunda Copa de Feiras, contribuíndo Evaristo con 20 goles entre todas as competicións.

O 23 de novembro de 1960, no partido de volta dos oitavos de final da Copa de Europa ante o Real Madrid no Camp Nou, Evaristo anotou dunha cabezada a falta de oito minutos para o final, o gol que supuxo a primeira eliminación do Real Madrid na historia da competición europea, que viña de gañar nas cinco primeiras edicións.[2] Evaristo marcou seis goles nesa Copa de Europa, na que o Barcelona acadou a final, na que se enfrontou ao Benfica. O partido disputouse no estadio Wankdorf de Berna e a vitoria foi para o equipo portugués capitaneado por José Águas, por 3-2.[1]

Deixou o Barcelona en 1962, despois de cinco tempada s nas que marcou 105 goles en 151 partidos oficiais, sumando cinco títulos.

Real Madrid (1962-1964)Editar

Tras deixar o Barcelona asinou polo Real Madrid, co que gañou outras dúas ligas. Con todo, unha lesión de xeonllo fixo que só puidese xogar 19 partidos nesas dúas tempadas. En outubro de 1964 recibiu a carta de liberdade por parte do club.[3]

Regreso ao Flamengo (1964–1966)Editar

A continuación deixou España e regresou ao Brasil, fichando de novo polo Flamengo en outubro de 1964.[4] Co club do Río gañou un novo Campionato Carioca antes de retirarse aos 33 anos.[1]

Selección brasileiraEditar

Foi 14 veces internacional coa selección brasileira, coa que marcou 8 goles. Competiu nos Xogos Olímpicos de 1952, nun equipo no que xogaban destacados futbolistas como Vavá ou Zózimo, caendo eliminados nos cuartos de final fronte a Alemaña.[5]

Ostenta o récord de goles coa selección brasileira nun só partido, que conseguiu ao marcar cinco goles na vitoria por 9-0 sobre Colombia no Campionato Suramericano de 1957.[6]

Esperábase que integrase o equipo brasileiro no Mundial de 1958 en Suecia, pero ao non conseguir España a clasificación, a Copa do Xeneralísimo adiantouse para ser disputada ao mesmo tempo que o Mundial, e o Barcelona non liberou ao xogador para ir coa selección.[1]

Como adestradorEditar

Pouco despois da súa retirada como futbolista iniciou unha longa carreira como adestrador, dirixindo durante case catro décadas numerosos clubs brasileiros, entre eles o Fluminense, o Vasco da Gama, o Bahia, o Cruzeiro, o Santos, o Flamengo ou o Corinthians. Dirixiu durante varios anos a selección de Qatar, coa que participou nos Xogos Olímpicos de 1984 e nos de 1992, e en 1985 tivo un breve paso como técnico da selección brasileira. Ao ano seguinte dirixiu a selección de Iraq no Mundial de 1986, na primeira participación do país, caendo na fase de grupos despois de lograr un só gol, obra de Ahmed Radhi.

PalmarésEditar

Flamengo
Barcelona
Real Madrid

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Meenaghan, Gary (14 de xaneiro de 2021). "Evaristo de Macedo: The record-breaking Brazilian loved by Barca & Madrid". BBC (en inglés). Consultado o 11 de marzo de 2022. 
  2. "Evaristo de Macedo" (en castelán). 19 de marzo de 2018. Consultado o 11 de marzo de 2022. 
  3. "Evaristo deja España". El Pueblo Gallego (en castelán). 15 de outubro de 1964. p. 12. Consultado o 11 de marzo de 2022. 
  4. "Evaristo vuelve al Flamengo". El Pueblo Gallego (en castelán). 30 de outubro de 1964. p. 12. Consultado o 11 de marzo de 2022. 
  5. "Evaristo". olympedia.org (en inglés). Consultado o 11 de marzo de 2022. 
  6. "Southamerican Championship 1957". rsssf.com (en inglés). Consultado o 11 de marzo de 2022. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar