Evan Dando

músico estadounidense

Evan Griffith Dando, nado en Boston (Massachusetts) o 4 de marzo de 1967 é un músico estadounidense, coñecido por ser o líder da banda de rock alternativo The Lemonheads. É o único membro orixinal que permanece no grupo e é o seu vocalisa dende a súa formación.

Modelo:BiografíaEvan Dando

(2014) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento4 de marzo de 1967 Editar o valor en Wikidata (57 anos)
Boston, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
EducaciónSkidmore College (en) Traducir
Commonwealth School (pt) Traducir
The Park School (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióncantautor, músico, cantante, guitarrista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1986 Editar o valor en Wikidata -
Membro de
Xénero artísticoRock alternativo Editar o valor en Wikidata
InstrumentoGuitarra e voz Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
Sitio webthelemonheads.net Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0199247 Allocine: 21801 Allmovie: p195649
Last fm: Evan+Dando Musicbrainz: 0f8d8bae-f387-4c36-9635-24769351f7d5 Songkick: 183108 Discogs: 45748 Allmusic: mn0000143018 Editar o valor en Wikidata

Biografía

editar

Primeiros anos e educación

editar

Evan Dando era fillo do matrimonio formado por unha modelo e un avogado. Durante a súa mocidade recibiu a influencia de importantes bandas bandas de punk rock dos 80, como Hüsker Dü e The Replacements. Nos seus anos de instituto asistiu ao Commonwealth School, en Boston. Dando matriculouse no Skidmore College, pero non puido manter as súas notas e deixouno para perseguir unha carreira como músico.

The Lemonheads

editar

Xunto co seu amigo da escola Ben Deily, formou The Lemonheads na Commonwealth School de Boston en 1986, e a banda realizaría o seu primeiro concerto o 18 de agosto dese ano. Nesa época tocaban punk rock, e foron brevemente coñecidos como The Whelps, ata que cambiaron o nome en 1987. A súa primeira gravación como grupo titulouse Laughing All the Way to the Cleaners. Despois de asinar un contrato co selo local Taang!, The Lemonheads editaron os álbums Hate Your Friends, Creator e Lick con Deily e Dando compartindo as voces principais e as tarefas de composición ata 1989, cando Dando deixou a banda. Porén, a posibilidade dunha xira europea e o moderado éxito do sinxelo "Luka" fixeron volver a Dando con The Lemonheads. As relacións entre Dando e Deily ían a peor e finalmente este último acabou deixando a banda.

Dando entón recrutou a David Ryan para a batería, asinou un contrato co selo Atlantic/Warner, e produciu o álbum Lovey en 1990. A cabalo entre o punk rock, rock, country e metal, o álbum vendeu ao redor das 30.000 copias. Dando decidiu entón marchar a Australia para compoñer algunhas cancións cos seus amigos Nic Dalton e Tom Morgan.

Esas cancións foron a base para o álbum It's a Shame About Ray, que deu a coñecer á banda. Porén, unha versión do tema "Mrs. Robinson" (gravada para promocionar a edición en vídeo de The Graduate) lanzouse en contra da opinión da banda e proporcionoulles a maior exposición que tiveran ata ese momento. Cando o álbum It's a Shame About Ray foi reeditado a versión foi incluída ao final. A banda tivo moito éxito nas radios universitarias e conseguiu colarse entre o gran público.

Durante 1992 e 1993 Dando apareceu en numerosas portadas de revistas. People votouno como unha das 50 persoas máis fermosas, e tamén gañou atención cando admitiu que fumaba crack.

A finais de 1993 a banda editou Come on Feel the Lemonheads. Foi un exitoso álbum que incluía os temas "Style" e "The Jello Fund". Novamente, a banda conseguiu a atención do gran público, desta vez grazas ao sinxelo "Into Your Arms".

The Lemonheads actuaron durante o ano 1994 e Dando fíxose amigo dos membros de Oasis, cos que apareceu nalgúns concertos. Durante ese época tamén saíu un tempo con Courtney Love. Tamén no ano 1994 Dando fixo un cameo na película Reality Bites.

En 1996 Dando xuntou a un novo grupo de músicos aínda co nome The Lemonheads, entre os que estaban os seus vellos amigos John Strohm e Murph (ex-Dinosaur Jr). Con eles editou un novo álbum titulado Car Button Cloth.

A banda fixo unha xira con éxito en 1997 e realizou o seu último concerto no Reading Festival, despois do cal Dando desapareceu da vida pública. Atlantic editou The Best Of The Lemonheads en 1998.

Carreira en solitario

editar

Mentres estaba en Sydney con Nic Dalton e Tom Morgan, Dando traballou con varios artistas do selo Half A Cow e fixo algunhas aparicións nalgúns dos seus álbums.

Dando gravou un dueto con Juliana Hatfield para o álbum de 1999 Return of the Grievous Angel: A Tribute to Gram Parsons, interpretando o tema "$1000 Wedding".

Comezou a facer aparicións públicas a finais do ano 2000 cantando con Blake Babies e ralizando algúns concertos acústicos. Comezou unha xira acústica por todo o mundo a principios do ano 2001, conseguindo boas críticas e renovando o interese pola súa discografía pasada. Tocou con Ben Lee e Ben Kweller, tocando varios temas novos e recuperando novamente a confianza.

Eses concertos levaron á primeira edición de Dando en solitario, Live at the Brattle Theatre, que foi lanzada en Australia no ano 2001. Ademais de varias cancións dun concerto en Cambridge, o álbum inclúe un segundo disco con versións de cancións country.

Dando cantou as segundas voces no tema "Long Way Down" de Mary Lorson aparecido no seu traballo do 2002 Tricks for Dawn.

En marzo do 2003, finalmente editou o seu primeiro álbum de estudio en solitario, Baby I'm Bored, con boa acollida por parte da crítica e que chegou a entrar no top 40 de álbums británico.

Ademais de ser convidado no retorno de MC5, de escribir cancións con The Dandy Warhols, de colaborar co músico de bandas sonoras Craig Armstrong, e de conseguir dous CDs de tributo feitos polos seus seareiros a través da súa páxina web, Dando fixo bastantes concertos, incluíndo a interpretación do álbum completo It's a Shame About Ray como parte do festival Don't Look Back organizado por All Tomorrow's Parties.

Regreso de The Lemonheads

editar

No ano 2005, Dando elaborou unha nova formación para The Lemonheads, con Karl Alvarez e Bill Stevenson (coñecidos polo seu traballo con The Descendents) e asinou un contrato con Vagrant Records. Editou un novo álbum coa banda titulado The Lemonheads en setembro do 2006, producido por Stevenson. Dende entón, Dando (xunto coa súa nova formación de xira composta por Vess Ruhtenberg e Devon Ashley de The Pieces) tocaron polo Reino Unido, Europa, Australia e Norteamérica con bandas como Vietnam e Hymns.

Un álbum de versións, Varshons, foi lanzado nos Estados Unidos o 23 de xuño do ano 2009, sendo ata o de agora [cando?] a última edición da banda.