Graciano
Flavio Graciano Augusto (¿abril, maio? de 359 - 25 de agosto de 383), coñecido como Graciano ou Graciano o Mozo para diferencialo do seu avó Graciano o Vello, foi emperador de Occidente entre 375 e 383. Era fillo do emperador Valentiniano I e a primeira esposa deste, Marina Severa, e naceu na cidade de Sirmium (hoxe Sremska Mitrovica, Serbia), na daquela provincia romana de Panonia.
Nome orixinal | Flavio Graciano Augusto |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de abril de 359 Sirmium (Imperio Romano) |
Morte | 25 de agosto de 383 (24 anos) Lugdunum (Imperio Romano) |
Causa da morte | homicidio pena de morte |
Emperador romano | |
4 de agosto de 367 (Gregoriano) – 25 de agosto de 383 (Gregoriano) | |
Senador romano | |
Cónsul romano | |
Actividade | |
Ocupación | político, militar |
Período de tempo | Baixo Imperio Romano, Antigüidade tardía e Byzantine Egypt (en) |
Outro | |
Título | Emperador romano |
Familia | Valentinianic dynasty (en) |
Cónxuxe | Flávia Máxima Constância Leta |
Pais | Valentiniano I e Marina Severa |
Irmáns | Valentiniano II Gala Grata |
Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft The Nuttall Encyclopædia >>>:Gratianus, Augustus Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Traxectoria
editarO 4 de agosto de 367 foi proclamado Augusto polo seu pai. Á morte de Valentiniano (17 de novembro de 375), as tropas destacadas en Panonia proclamaron emperador ao seu pequeno fillo Valentiniano, que entón era só un bebé. Valentiniano era medio irmán de Graciano, nacido de Xustina, viúva de Maxencio e segunda esposa de Valentiniano I.
Graciano aproveitou a oportunidade que se lle brindaba; reservouse para si a administración das provincias galas, mentres que puxo Italia, Iliria e África baixo o mando de Valentiniano e a súa nai, os cales estableceron a súa residencia en Milán. A división, no entanto, era simplemente nominal e a autoridade real quedou por completo en mans de Graciano.
O Imperio Romano de Oriente estaba baixo o dominio do seu tío Valente. En maio de 378, Graciano derrotou completamente aos lentienses, a tribo máis austral dos alamáns, na Batalla de Argentovaria, preto da actual Colmar. Ese mesmo ano, Valente atopou a morte o 9 de agosto na Batalla de Adrianópole, loitando contra os godos.
O goberno do Imperio de Oriente quedou en poder de Graciano, pero ao sentirse incapaz de resistir as incursións dos bárbaros propuxo ao xeneral hispano Flavio Teodosio o goberno da parte oriental, o cal foi coroado emperador de Oriente o 19 de xaneiro de 379. Graciano e Teodosio limparon entón os Balcáns de invasores bárbaros.
Durante algúns anos gobernou o imperio con éxito e enerxía, pero caeu gradualmente na indolencia, ocupándose principalmente do pracer da persecución político-relixiosa e converténdose nunha ferramenta en mans do xeneral franco Merobaudes e o bispo de Milán, Ambrosio.
Ao tomar ao seu servizo un corpo de alanos e aparecer en público coa vestimenta propia dun guerreiro escita, Graciano espertou o desprezo e os resentimentos das tropas romanas. Un xeneral chamado Magno Máximo aproveitou o aumento das revoltas en Britania e invadiu a Galia cun enorme exército. Graciano, que o esperaba en París, foi traizoado polas súas tropas e levado a Lión. Alí foi entregado polo gobernador da cidade a un dos xenerais rebeldes e asasinado o 25 de agosto de 383.
O reinado de Graciano é unha época importante na historia eclesiástica, pois durante este período o Cristianismo converteuse por primeira vez na relixión dominante en todo o imperio. Baixo a influencia de Ambrosio, Graciano prohibiu as cerimonias pagás en Roma; negouse a levar o título de Pontifex Maximus por consideralo incompatíbel co seu Cristianismo; retirou o Altar da Vitoria da Casa Senatorial en Roma, malia as protestas dos membros pagáns do Senado, e confiscou as súas rendas; prohibiu as doazóns de propiedades materiais ás Vestalis; e aboliu outros privilexios que posuían os sacerdotes e sacerdotisas pagáns.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Graciano |
Imperio Bizantino | ||
---|---|---|
Segue a: Valente |
Graciano | Precede a: Teodosio I |
Dinastía Valentiniana-Teodosiana |
Imperio Romano | ||
---|---|---|
Segue a: Valentiniano I |
Graciano | Precede a: Valentiniano II |
Dinastía Valentiniana-Teodosiana |