Entremés famoso sobre a pesca do río Miño

obra literaria de Gabriel Feixoo de Araúxo

A contenda dos labradores de Caldelas, máis coñecida como Entremés famoso sobre da pesca do río Miño é unha peza teatral de Gabriel Feixoo de Araúxo de arredor de 1671, que pasa por ser a primeira escrita en galego[1].

Entremés famoso sobre a pesca do río Miño
Autor/aGabriel Feijoo de Araújo
OrixeReino de Galicia
Lingualingua galega
Xénero(s)teatro
Data de pub.c. 1671
editar datos en Wikidata ]

Circunstancias e características

editar

A obra está recollida no manuscrito número 16.717 da Biblioteca Nacional de España[2] e foi descuberta por Fermín Bouza-Brey, quen lle deu o título polo que é máis coñecido.[3] Consta de 433 versos distribuídos en nove escenas.

Segundo o propio Bouza-Brey, este exemplar non sería un texto orixinal senón unha copia realizada por un copista cunha nacionalidade diferente á galega e á portuguesa. O argumento utilizado por este estudoso é de tipo lingüístico, baseado no uso do español nas didascalias e no manexo pouco ortodoxo da lingua portuguesa.

Autoría e título

editar

Do autor da contenda non se sabe nada máis que tiña que ser un habitante da parte galega, e o máis curioso da obra é que presenta unhas características que a diferencian bastante do entremés típico do teatro castelán da época. Estas diferenzas son tanto de carácter temático como de carácter formal.

Por outra parte, o título desta peza constituíu un "problema" ao longo de todos estes anos. O título que aparece no manuscrito que se conserva é o seguinte: Entremés famoso en que se contiene La contienda que tuvieron los labradores de la provincia de Caldelas con los portugueses, sobre la pesca del río Miño. Año de 167...[2] Mais, como sinalou María José Martínez,[4] é bastante cuestionábel que esta peza sexa un entremés. O xénero do entremés xa estaba ben codificado no teatro español do século XVII. Debía ser unha peza breve, escrita nun único tipo de verso, na que se contase unha anécdota ou chiste protagonizado por un personaxe tipo, sen referencias espazo-temporais, cuxo único obxectivo era buscar a risa do espectador e que se pechaba cun baile. Ademais, a xesticulación e os golpes tiñan un papel fundamental na linguaxe dramática; nunca estaban localizados nun tempo e nun espazo determinados, e admiten o caos social como algo que non se cuestiona e o espectador está sempre por encima das personaxes.

Destas características, A contenda só cumpre a do baile e a da curta extensión. Ademais, o adxectivo "famoso" naquela época, referido ao teatro, só quería dicir que esa obra fora representada polo menos unha vez. Por este motivo, M. J. Martínez propuxo o título de A contenda dos labradores de Caldelas, hoxe case xeralmente aceptado pola totalidade dos estudosos teatrais.

 
Vista do río Miño e de Tui desde Valença.

Ten como tema un dos moitos enfrontamentos que os habitantes das dúas beiras do río Miño mantiñan polos dereitos da pesca. Na peza, un fidalgo portugués pretende saltarse a regulamentación tradicional facendo dous lances (saída dos barcos pesqueiros) por cada lance que fagan os galegos. Fronte a el, o cabaleiro Roleiro está disposto a impedilo e ambos loitan en escena, saíndo campión o galego, que unha vez só en escena conta como é a batalla. Os espectadores saben que os portugueses son derrotados polo pranto que unha portuguesa realiza no escenario sobre o cadáver do seu home. A obra termina coa reconciliación final entre os habitantes das dúas beiras e a celebración conxunta dunha festa e dun baile.

Na Contenda, o fidalgo si que responde a tipo de fachendoso e mullereiro que presentaban os fidalgos dos entremeses, pero Roleiro non é o rústico parvo e, ademais, por riba, gaña, de modo que hai unha subversión social. Ademais, a peza está localizada nun tempo e nunha xeografía concretas. E o espectador identifícase con Roleiro.

Lingua

editar

O autor marca ademais as diferenzas sociais e o enfrontamento, caracterizando ao portugués coas falas barrocas e amaneiradas dos fidalgos e con variantes fonéticas que o distinguen do falar galego. Non é unha obra bilingüe, senón que utiliza tres ou catro signos ortográficos e variantes morfolóxicas para diferenciar as falas dunha e outra beira.

Tampouco na métrica responde ao esquema de entremés tipo, pois o autor utiliza o romance, quintillas, silvas e pareados hendecasílabos, en canto que o entremés utilizaba exclusivamente o romance.

Normalmente tendeu a dicirse que se trataba dunha obra bilingüe en galego e portugués, mais Manuel Ferreiro (1996), defende que, pese a que as intervencións dos personaxes portugueses teñen trazos propios do idioma portugués (conxugación de certos verbos; ditongacións do tipo de tamein, tein, ...; o ditongo /awn/;...), a totalidade da peza está escrita en galego[Cómpre referencia].

  1. A peza teatral máis antiga en lingua galega, con tres séculos e medio, volverá ós escenarios este verán, Historiasdegalicia.gal, 1 de xuño de 2021.
  2. 2,0 2,1 La contienda que tuvieron los labradores de la provincia de Caldelas con los portugueses, sobre la pesca del río Miño manuscrito, Biblioteca Nacional de España
  3. Bouza-Brey, Fermín (1953). "Limiar" en Entremés famoso sobre da pesca do río Miño. Editorial Monterrey. Vigo.
  4. Martínez López, María José (2000). "El entremés de La contienda sobre la pesca del río Miño (1671): problema de definición genérica". Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero 2. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. pp. 425–444. ISBN 84-8121-826X. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar