Ecoespazo do Rexo

Localizado na parroquia de Requeixo de Valverde (Allariz), o Ecoespazo do Rexo é un proxecto pioneiro de recuperación de zonas rurais, patrocinado pola Fundación Ramón González Ferreiro e o Concello de Allariz.

Vista xeral

Busca o obxectivo da demostra-la posibilidade de recuperación económica e social do medio rural, evitando a súa despoboación mediante a construción de instalacións gandeiras, industriais, educativas e culturais propias da zona, e todo iso baseado no aproveitamento integral de enerxías renovables compatible co gozo dun espazo natural.

O Ecoespazo do Rexo consta dunha explotación de ovellas que inclúe granxa escola e fábrica de queixo (a Escola silvo-pastoril do Rexo), un Centro de Educación Ambiental, unha minicentral hidroeléctrica e unha intervención artística sobre rochas e árbores, todo á beira do río Arnoia, unha vez recuperado.

Para visitalo hai que saír de Allariz pola estrada a Xunqueira de Ambía e toma-la saída a Requeixo de Valverde, seguindo os indicadores. Tras pasar Vilaboa e o propio Valverde, débese coller unha desviación á esquerda (mal sinalizada) que nos leva directamente ó lugar. O acceso é libre e gratuíto.

A pegada de Ibarrola editar

 
Agustín Ibarrola en Celorio.

O elemento máis característico deste ecoespazo é a intervención escultórica e pictórica do escultor vasco Agustín Ibarrola (Basauri, Biscaia, n. 1930), que xa realizara obras semellantes no Bosque de Oma, cerca de Gernika, ou o "Bosque Encantado", na beira do río Tormes (Salamanca). Consiste nunha exposición ó aire libre de rochas de granito e lousa de formas e tamaños diversos, distribuídas irregularmente e pintadas con motivos xeométricos e naturais. A intervención inclúe tamén pinturas sobre os troncos e ramas principais dalgunhas árbores.

Para a súa realización utilizáronse materiais recuperados das canteiras galegas (unhas 600 toneladas de pedra), pintura biodregradable e enerxías renovables. Colaboraron na súa construción membros do taller de divulgación vigués "Renovart los espacios" [1] Arquivado 09 de maio de 2008 en Wayback Machine. e alumnos das facultades de Belas Artes españolas.

A intervención foi inaugurada en 1999. A intención do artista foi transforma-lo medio mediante a harmonización da pedra, terra e auga, elementos habituais e presentes na cultura galega de tódolos tempos, decorados con motivos de raíz celta, segundo o autor, que quedan así integrados nun mesmo espazo xeográfico. Buscaba, di o autor, crear un espazo natural que respecte tanto a natureza como a tradición e a historia de Galicia, propósito que influíu na elección da data de inauguración, na noite de San Xoán.

Ibarrola calificouno como "la obra más importante de mi vida" e engadiu que "He puesto en O Rexo todo lo que sabía e incluso lo que no sabía".

Outros elementos do Ecoespazo editar

Pódese visitar tamén unha granxa de 250 ovellas de raza lacha, de aptitude leiteira, na que se elabora queixo co seu leite. Nesta granza escola impártense cursos de especialización gandeira e cultivos pratenses.

Tamén unha minicentral hidroeléctrica, de 430 kw, contruída sobre un vello muíño hidráulico.

E, finalmente, un Centro de Educación Ambiental construído mediante técnicas bioclimáticas.

Todo o conxunto utiliza enerxía solar e a obtida de biomasa.

Galería de imaxes editar

Ligazóns externas editar