Doreen Warriner

economista e filántropa británica


Doreen Agnes Rosemary Julia Warriner (DBE), nada en Long Compton o 16 de marzo de 1904 e finada o 17 de decembro de 1972, foi unha economista británica. En outubro de 1938 viaxou a Checoslovaquia para axudar os refuxiados anti-nazis a escaparen do Sudetenland, que acababa de ser ocupado por Alemaña. Deveu a cabeza do Comité Británico para os Refuxiados de Checoslovaquia en Praga, que axudou a 15.000 refuxiados alemáns, checos e xudeus a fuxiren de Checoslovaquia. O país fora ocupado e anexionado pola Alemaña nazi en 1938 e 1939. Ao saber que sería arrestada polo nazismo, Warriner marchou de Checoslovaquia o 23 de abril de 1939. En 1942 foi nomeada Dama da Orde do Imperio británico.[2][3]

Infotaula de personaDoreen Warriner
Biografía
NacementoDoreen Agnes Rosemary Julia Warriner
16 de marzo de 1904 Editar o valor em Wikidata
Warwickshire, Reino Unido (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte17 de decembro de 1972 Editar o valor em Wikidata (68 anos)
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Praga Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónprofesora universitaria Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Premios
Placa conmemorativa de Warriner en Praga, descuberta en abril de 2019[1]

Primeiros anos editar

Warriner naceu en Long Compton (Warwickshire, Inglaterra), no actual distrito de Stratford-on-Avon. O seu pai foi Henry Arthur Warriner, un administrador de predios de Weston Park, Long Compton. A súa muller, Henrietta Beatrice, era filla de Thomas McNulty, un crego da Igrexa de Inglaterra natural dun suburbio de Black Country.

Warriner estudou no Malvern Girls' College e posteriormente no St Hugh's College de Oxford, onde obtivo matrícula de honra en Filosofía, Política e Economía. Tras realizar estudos de posgrao na London School of Economics, doutorouse no Somerville College de Oxford en 1931 coa bolsa de investigación Mary Somerville. Warriner foi descrita como «unha feminista acérrima e unha internacionalista interesada no comunismo». Entre 1938 e 1952 foi investigada pola axencia de seguranza británica, MI5, polos seus supostos contactos comunistas, mais na aparencia non se rexistrou ningunha información na súa contra.[4] A maioría dos seus traballos publicados abordaban a agricultura campesiña a pequena escala e a reforma agraria.

Rescate de refuxiados checos editar

No Pacto de Múnic do 30 de setembro de 1938 Checoslovaquia cedeu o Sudetenland ao Terceiro Reich.[5] Socialistas, comunistas e socialdemócratas fuxiron do Sudetenland a áreas non ocupadas de Checoslovaquia, xunto con antinazis da propia Alemaña. O pogrom antixudeu da Noite dos Cristais Rotos en Alemaña do 910 de novembro de 1938 levou a moitos xudeus a deixaren Alemaña e Checoslovaquia foi un dos seus destinos.[6] Cara finais de 1938 había arredor de 200.000 refuxiados alemáns e xudeus en Checoslovaquia, así como desprazados do Sudetenland.[7]

Warriner chegou a Praga o 13 de outubro de 1938. Levaba 450 libras que lle doaran para atender os refuxiados. A situación da cidade era caótica, e a previsión de que o nazismo tomaría o país enteiro acabou por se materializar. Contactou coa comunidade cuáquera e con outras organizacións humanitarias. Porén, axiña se decatou de que a prioridade non era a asistencia, senón que cumpría sacar do país ás persoas máis vulnerábeis á opresión nazi.

Xunto co político galés David Grenfell e con Siegfried Taub, dirixente do Sudetenland, elaborou unha lista cos 250 refuxiados máis vulnerábeis, todos homes, en Checoslovaquia. Grenfell regresou a Inglaterra para tentar obter permiso para que puidesen refuxiarse na Gran Bretaña. Grenfell axiña logrou dito permiso, mais sen previsión de que puidesen levar as súas familias con eles. Warriner supervisou a saída dos homes por tren a Polonia, desde onde continuaron cara á Gran Bretaña.[8] A súa prioridade era rescatar refuxiados políticos antinazis para reasentalos.[2]

En novembro Warriner comezou a dirixir a súa atención tamén aos campos de refuxiados espallados polas áreas rurais próximas a Praga. A finais dese mes o xornalista británico Walter Layton visitou Checoslovaquia e nomeouna representante do Comité Británico para Refuxiados en Checoslovaquia (BCRC). Adxudicoulle un orzamento de 7.000 libras e un grupo de mulleres para axudala.

O 12 de decembro The Daily Telegraph publicou unha carta súa en que criticaba as iniciativas de socorro británicas e a baldía resposta da cidadanía británica á crise checa. Foi amoestada en consecuencia por un funcionario do BCRC, quen estimou que a misiva custaríalle á organización 10.000 libras en potenciais doazóns. En xaneiro de 1939 os gobernos de Francia e o Reino Unido recoñeceron dita crise e prometeron destinar 12 millóns de libras para a redistribución dos refuxiados checos. O Canadá tamén concordou en financiar e acoller 1.000 refuxiados procedentes do Sudetenland.[9]

Warriner, varios colaboradores destacados e numerosas organizacións humanitarias, tanto checas como internacionais, pretendían sacar do país o maior número posíbel de refuxiados checos antes da invasión alemá. Porén, o goberno británico demorábase moito en conceder visados. Ante a situación, decidiu viaxar á Gran Bretaña a finais de xaneiro e conseguiu autorización para evacuar de inmediato 600 familias e alixeirarlles a burocracia aos refuxiados checos. O 15 de marzo as tropas alemás tomaron o control de toda Checoslovaquia. Contra o fin dese mes, as autoridades alemás empezaron a denegar visados de saída para checos, especialmente comunistas. Con todo, non obstaculizaron a saída de nenos xudeus.

As restricións da Alemaña nazi fomentaron un gran mercado de falsificación de pasaportes e documentos de saída no que probabelmente Warriner estivese implicada. Robert J. Stopford, diplomático da embaixada británica próximo a Warriner, continuou a buscar autorizacións legais das autoridades alemás para os refuxiados deixaren Checoslovaquia. No entanto, Warriner e os seus colaboradores sacaban refuxiados do país de maneira clandestina e con documentación falsa. A maioría viaxaba en tren até Polonia. Ademais esconderon centos de persoas ameazadas, maioritariamente mulleres, en hoteis de mala morte.[10]

O 14 de abril a Gestapo asaltou a oficina de Warriner. Ao non atopala, detiveron e interrogaron a Beatrice Wellington, unha cuáquera canadense que traballaba con ela. Stopford dixéralle a Warriner que os nazis planeaban arrestala e aconselloulle saír de inmediato de Checoslovaquia. O 23 de abril Warriner marchou do país e Wellington foi designada para substituíla como representante do BCRC en Praga. Stopford estimou que Warriner e os seus colaboradores do BCRC, incluídos quen ficaron no país após ela marchar, facilitaron a saída de de Checoslovaquia de 15.000 refuxiados entre 1938 e 1939. Os máis deles ficaron na Gran Bretaña.[11]

Despois da guerra editar

En 1942 Warriner foi nomeada Dama da Orde do Imperio británico).

Durante a segunda guerra mundial traballou para o Ministro da Guerra Económica na Gran Bretaña e Exipto. Entre 1944 e 1946 liderou a sección de subministración alimentaria da misión da Administración das Nacións Unidas para o Socorro e a Reconstrución en Iugoslavia.[12] Regresou á vida académica en 1947, na que permaneceu até 1961, como membro da Escola de Estudos Eslavos e da Europa do Leste da Universidade de Londres. Mostrouse favorábel ás revolucións comunistas da Europa oriental após a guerra. O seu traballo académico centrouse, sobre todo, na reforma agraria. Porén, contra 1969 mudou o seu punto de vista e apoiou a necesidade da propiedade individual sobre a terra. Criticou, xa que logo, o comunismo e culpouno de desatender a economía por dar prioridade «ao control sobre o campesiñado».

Doreen Warriner morreu dun ictus o 17 de decembro de 1972. As memorias do seu labor en Checoslovaquia, Winter in Prague («Inverno en Praga»), foron publicadas de xeito póstumo en 1984.

Publicacións (selección) editar

  • Economic Problems of Peasant Farming (1939)
  • Food and Farming in Postwar Europe (1943)
  • Land and Poverty in the Middle East (1948)
  • First report on progress in land reform compiled for the United Nations (1954)
  • Land Reform in Principle and Practice (1969)
  • «Winter in Prague» (1984)[13]

Notas editar

  1. McEnchroe, Thomas (18 de maio de 2019). "The hidden story of Doreen Warriner – academic turned humanitarian hero". Radio Prague International (en inglés). Consultado o 16 de xuño de 2023. 
  2. 2,0 2,1 Grenville, Anthony (abril de 2011). "Doreen Warriner, Trevor Chadwick and the ‘Winton children’" (PDF). AJR Journal (en inglés) 11 (4): 1–2. ISSN 0001-1681. 
  3. Winton, Barbara (21 de maio de 2014). "My father, 'the British Schindler'". The Telegraph (en inglés). Consultado o 16 de xuño de 2023. 
  4. Brade, Laura E.; Holmes, Rose (2017). "Troublesome Sainthood: Nicholas Winton and the Contested History of Child Rescue in Prague, 1938–1940". History & Memory (en inglés) (Indiana University Press) 29 (1): 3–40. ISSN 1527-1994. JSTOR 10.2979/histmemo.29.1.0003. doi:10.2979/histmemo.29.1.0003. 
  5. "Munich Agreement - Definition, Summary, & Significance". Britannica (en inglés). 
  6. "Kristallnacht - Definition, Date, Facts, & Significance" (en inglés). 
  7. Chadwick 2017.
  8. Chadwick, William (2010). The Rescue of the Prague Refugees 1938-39 (en inglés). Troubador Publishing Ltd. ISBN 9781848765047. 
  9. Chadwick 2017, p. Kindle location 269-378.
  10. Chadwick 2017, p. Kindle location 408-655.
  11. Chadwick 2017, p. Kindle location 655--735.
  12. Warriner, Henry (2019). Doreen Warriner's War: Refugees from Prague, Food for Egypt, Starvation in Belgrade (en inglés). Book Guild Publishing. ISBN 9798749207804. 
  13. Warriner, Doreen (1984). "Winter in Prague". The Slavonic and East European Review (en inglés) 62 (2): 209–240. ISSN 2222-4327.