Campo de refuxiados
Un campo de refuxiados é un asentamento temporal construído para acoller refuxiados e persoas demandantes de asilo. Os campos de refuxiados adoitan acoller persoas desprazadas que abandonaron o seu país, mais tamén hai campos para desprazados internos. Polo xeral, os refuxiados buscan asilo despois de ter fuxido da guerra nos seus países de orixe, pero os campos tamén poden acoller refuxiados medioambientais e económicos. Son comúns os campos con máis de cen mil persoas, pero no ano 2012 os campamentos de tamaño medio acollían unhas 11 400 persoas.[1] Normalmente son construídos e dirixidos por un goberno, polas Nacións Unidas, organizacións internacionais (como o Comité Internacional da Cruz Vermella), ou organizacións non gobernamentais. Tamén existen campos de refuxiados non oficiais, como o de Idomeni en Grecia ou o da xungla de Calais en Francia, onde os refuxiados están en gran parte sen soporte de gobernos ou organizacións internacionais.[2]
Os campos de refuxiados adoitan construírse de xeito improvisado co obxectivo de satisfacer as necesidades básicas durante un curto período de tempo. As instalacións que fan que un campamento se vexa ou se faga máis permanente son a miúdo prohibidas polos gobernos dos países anfitrións. Se o regreso dos refuxiados é impedido (a miúdo pola guerra civil), pode converterse nunha crise humanitaria.
Segundo o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), a maioría dos refuxiados que hai no mundo non viven en campos de refuxiados. A finais de 2015, arredor do 67% dos refuxiados de todo o mundo vivían en aloxamentos particulares e privados.[3] Isto pode explicarse polo gran número de refuxiados da guerra civil siria que alugan apartamentos en centros urbanos de Oriente Medio. Internacionalmente, un pouco máis dun cuarto (25,4%) dos refuxiados viven en campamentos planeados ou xestionados. A finais de 2015, arredor do 56% da poboación total de refuxiados en áreas rurais residía en campos xestionados, comparado co 2% que vive en aloxamentos individuais. En áreas urbanas, a abafadora maioría (99%) dos refuxiados vivían en aloxamentos individuais, comparado con menos do 1% que vive en campos. Unha pequena porcentaxe tamén vive en centros colectivos, campos de tránsito ou campos autoconstruídos.[4]
Malia o feito de que o 74% dos refuxiados viven en áreas urbanas, o modelo de entrega da axuda humanitaria internacional segue centrada no establecemento e xestión dos campos de refuxiados.[5]
Notas
editar- ↑ UNHCR: "Displacement: The New 21st Century Challenge," 2012; Arquivado 20 de abril de 2018 en Wayback Machine. p. 35.
- ↑ Smith, Sean. the Guardian, ed. "Migrant life in Calais' Jungle refugee camp - a photo essay". Consultado o 8 de febreiro de 2016.
- ↑ UNHCR Global Trends 2015, p. 58
- ↑ Tom Corsellis, Antonella Vitale, Transitional Settlement: Displaced Populations, Oxfam GB., University of Cambridge; Shelter project; Oxfam, 2005 ISBN 0855985348
- ↑ David Miliband, "From sector to system: reform and renewal in humanitarian aid Media," IRC Global Communications, New York, NY, April 27, 2016.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Campo de refuxiados |