Doniños, Ferrol
San Román de Doniños[1] é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Ferrol. Segundo o INE no ano 2018 tiña 803 habitantes (394 homes e 409 mulleres), distribuídos en 10 entidades de poboación.
Doniños | |
---|---|
Igrexa parroquial de San Román | |
Concello | Ferrol[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 43°30′23″N 8°16′49″O / 43.5063, -8.2804 |
Poboación | 803 hab. (2018) |
Entidades de poboación | 10[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Xeografía
editarNesta parroquia está a lagoa de Doniños, fronte á praia de Doniños, encaixada nun val arrodeado por covos mariños. A zona especial de conservación (ZEC) Costa Ártabra (que abrangue parte da comarca de Ferrolterra) acolle á praia de Doniños, o seu complexo dunar e a lagoa de Doniños, de case nove metros de profundidade.[2][3]
Arrodeada por manchas boscosas de ribeira, destaca na súa vexetación a presenza de plantas acuáticas nas beiras da lagoa, como a ranunculus aquatilis, a potamogeton natans ou a nimphaea alba. A eleocharis acicularis e a litorella uniflora pódense atopar nas áreas encharcadas. As aves tamén abondan, coa presenza de exemplares de galiñolas, mergullóns, lavancos e cercetas.
A praia de Doniños é rectilínea, de area branca e fina, ventosa e con forte ondaxe sita nun contorno rural. Ten dúas zonas diferenciadas: Punta Penencia (pouco masificada) e Outeiro (máis ocupada). Trátase do principal centro de atracción na cidade de Ferrol para a práctica do surf, xunto con areais como Pantín, xa no concello de Valdoviño.
Dotada de Bandeira Azul, trátase dunha praia aberta, cunha lonxitude de 1,7 quilómetros. A súa ocupación é alta na tempada estival. É o areal máis próximo ao casco urbano de Ferrol (6 quilómetros).
Historia e patrimonio
editarA Punta do Castro (Castro de Lobadiz) son uns restos dun poboamento castrexo prerromano situado no límite norte do areal, no que se atoparon xoias e atributos de dignidade celtas, ademais dos restos dun castelo e as instalacións dunha batería de artillaría de costa, servida pola Armada.
O 25 de agosto de 1800 tivo lugar a batalla de Brión. Unha dotación da Armada Inglesa composta por navíos de guerra e infantaría tentou ocupar a cidade de Ferrol, desembarcando na praia de Doniños. Porén, as tropas do almirante Warren tiveron problemas coa resaca do mar, sendo as chalupas pasto dos canóns ferroláns. Contan as crónicas que "o camiño estaba ben defendido e o paso pola lagoa de Doniños era impracticable", polo que "a praia de Doniños contribuíu á derrota inglesa".
As Festas patronais son os días 9 e 10 de agosto.
Lugares e parroquias
editarLugares de Doniños
editarLugares da parroquia de Doniños no concello de Ferrol | |
---|---|
Cariño | A Chousa | O Confurco | Doniños | Fontá | Mougá | O Pieiro | Valón | Valón Vello | Vilar |
Parroquias de Ferrol
editarNotas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
- ↑ "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. Decreto do DOG nº 62 do 2014/3/31 - Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Xunta de Galicia". Consultado o 7 de agosto de 2018.
- ↑ "Costa Ártabra Código da ZEC ES1110002. Rede galega de espazos protexidos. Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia.". Consultado o 7 de agosto de 2018.