Jean Auguste Dominique Ingres
Jean Auguste Dominique Ingres, máis coñecido como Dominique Ingres (Montauban, 29 de agosto de 1780 – París; 14 de xaneiro de 1867), foi un pintor francés. O seu estilo pitórico chamouse ingrismo.
Jean Auguste Dominique Ingres | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 29 de agosto de 1780 |
Lugar de nacemento | Montauban |
Falecemento | 14 de xaneiro de 1867 |
Lugar de falecemento | París |
Causa | pneumonía |
Soterrado | Cemiterio do Père-Lachaise |
Nacionalidade | Francia |
Alma máter | Institut supérieur des arts de Toulouse, Escola Nacional Superior das Belas-Artes e Academia da França em Roma |
Ocupación | pintor, político, violinista, debuxante, gravador, artista gráfico, arquitecto e architectural draftsperson |
Pai | Jean-Marie-Joseph Ingres |
Cónxuxe | Delphine Ramel e Madeleine Chapelle |
Coñecido por | Mademoiselle Caroline Rivière, O Mal de Antíoco, Vénus Anadyomène, A Grande Odalisca, Édipo e a Esfinge, O baño turco, Júpiter e Tétis, Retrato de Louis-François Bertin e A Fonte |
Premios | Prix de Rome, Cabaleiro da Lexión de Honra, Oficial da Lexión de Honra, grande oficial da Lexión de Honor, comendador da Lexión de Honor, Orde do Mérito das Ciencias e as Artes, Knight of the Order of Saint Joseph e Ordem de São José |
Na rede | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |

Biografía editar
Dominique Ingres naceu en Montauban, no departamento de Tarn-et-Garonne. A unha idade temperá, o seu pai escultor decatouse do talento pictórico que posuía Dominique, favorecendo as súas aspiracións artísticas. Con 11 anos, ingresou na academia de Tolosa (1791), onde se formou con mestres como o pintor Roques e o escultor Vigan. En 1796 mudouse a París para estudar baixo a dirección de Jacques Louis David, porén, o seu frío clasicismo non encaixou co ideal de beleza que Dominique tiña, fundado nas difíciles harmonías de liñas e cores.
En 1801 gañou o primeiro Premio de Roma con Aquiles recibindo ós embaixadores de Agamenón. Realizou numerosos debuxos e retratos como A familia Riviére (1805); Granet, A fermosa Celia; Napoleón entronizado (1806).
En 1806, Ingres marchou a Roma, onde permaneceu 18 anos. Alí descubriu a Rafael e ao Quattrocento italiano, os cales marcarían o seu estilo. A partir desta época levaría a cabo os seus traballos máis fecundos, voluptuosos espidos femininos, entre os que destaca A bañista; paisaxes, debuxos, retratos, e composicións históricas e relixiosas tratadas ao xeito das mitoloxías históricas: Xoana de Arco, A virxe da hostia, Xesús entre os seus doutores, Cristo entregando a San Pedro as chaves do reino (1820). A pesar do seu éxito en Italia, os seus cadros non gustaron na súa Francia, onde reciben duras críticas, polo que decide quedar en Roma.
En 1813, casou con Madeleine Chapelle, á que lle adicou a obra: Il fidanzamento di Raffaello, na que o pintor incorpora á amante de Rafael, a famosa Fornarina.
Trala caída de Napoleón, as dificultades económicas e familiares constitúen para Ingres un período bastante mísero durante o cal pinta con desgana todo o que se lle encarga. En 1820 instálase en Florencia e, coa presentación en Francia do seu lienzo O voto de Luis XIII (1824), realizado para a Catedral de Montauban, acadou un grande éxito nos salóns de París.
Entre 1834 e 1840 foi nomeado director da Academia de Francia en Roma.
En 1841 volveu a París onde obtivo unha forte acollida e se lle encargou a decoración das vidreiras da Capela da Notre Dame. En 1846 expuxo por primeira vez na Galería de Belas Artes, trala cal foi nomeado membro da comisión xunto con Delacroix. En 1849 presentou a súa dimisión motivada polo falecemento da súa dona.
Debido a unha enfermidade que lle afectou ós ollos, no seu derradeiro período, Ingres veuse obrigado a valerse dalgúns dos seus colaboradores para rematar as obras pertencentes ao seu período maduro, caracterizado pola busca da perfección das formas.
En 1852, Ingres casou por segunda vez con Delphine Ramel. En 1862 foi nomeado Senador.
A prodixiosa galería de retratos que deixou, constitúe un testemuño moi valioso da sociedade burguesa do seu tempo, do espírito e os costumes dunha determinada clase á que el pertencía reflectindo as virtudes e os límites.
Ingres estudou música, disciplina na que tamén destacou. Durante unha tempada foi segundo violinista na orquestra do Capitolio de Tolosa; deste pasatempo provén a expresión: violón de Ingres
Ingres finou aos oitenta e sete anos. Na actualidade atópase aterrado na cidade de Montauban, a cal lle adicou un museo instalado no seu taller: o Museo Ingres.
Principais traballos editar
A súa obra divídese, esencialmente, en tres xéneros:
- A pintura histórica, sobre todo a partir da súa estancia en Italia.
- Os retratos, aínda que considerou este xénero como menor durante a súa xuventude.
- Os espidos femininos, de liñas sinuosas, debuxo exacto e pureza de formas.
Algunhas das súas obras máis importantes son:
- A gran bañista (chamada Valpinçon, 1808, Louvre), amosa o torso dun espido feminino cun grande refinamento de contornos e cores, a muller está iluminada polos reflexos da toalla e do turbante que limita con liñas arabescas. Esta bañista é a primeira dunha serie que realizaría ao longo da súa carreira.
- A grande odalisca (1814, Louvre), foi encargada como un medallón para a durmiñona de Nápoles (1808, perdido). Representa á muller nun harén recostada volutuosamente nun diván, cunha pose que lembra a Madame Récamier, de David, da que Ingres pintou os accesorios.
- Madame Moitessier (1856) (National Gallery)
- O baño turco (1862, Louvre), representa a un grupo de mulleres espidas nun harén.
Posteridade editar
Ingres ensinou directamente ós alumnos, o máis coñecido foi Théodore Chassériau. A súa influencia deixouse sentir entre os mellores impresionistas, destacando Edgar Degas quen tiña vinte cadros do pintor.
No século XX, Pablo Picasso, tomou, para algúns dos seus cuadros, moitas referencias de Ingres, en especial para A grande odalisca despois de Ingres pintada en 1907. Noutro estilo, Man Ray, retomou o tema dos torsos espidos no seu Violón de Ingres (1920), fotografía dunha modelo espida sobre a cal trazou os oídos do intrumento musical.
Véxase tamén editar
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Dominique Ingres |