Dereita Galeguista

partido político galego
(Redirección desde «Dereita Galeguista de Ourense»)

Dereita Galeguista foi un partido galeguista de dereitas activo durante os últimos meses da Segunda República Española.

Traxectoria editar

Este partido de vida efémera xorde pola oposición dos sectores católicos do Partido Galeguista ós posibles pactos coa esquerda. En maio de 1935 un grupo de militantes do Partido Galeguista de Pontevedra encabezados por Xosé Filgueira Valverde marcharon do partido como protesta pola política de pactos coa esquerda e crearon unha nova organización, coñecida como Dereita Galeguista. O 15 de xuño apareceu en A Nosa Terra o seu programa político e ideolóxico asinado por José García Vidal, José Lino Sánchez, Darío Caramés Ruza, José Sesto López, José Martínez Tiscar e outros. En 8 de febreiro de 1936, ante a incorporación formal do PG ao Frente Popular deixaron o PG Vicente Risco e sete afiliados de Ourense pola mesma razón. No periódico ourensán Heraldo de Galicia publicaron o manifesto da Dereita Galeguista de Ourense que asinaban Vicente Risco, José Fernández Borrajo, José Antonio Varela Garza, Isidoro Guede, José Luis Parente, Ángel Martínez Doval, José Perille Garra e José Goyanes Sotelo. O 5 de abril úneselles o grupo compostelán con Manuel Beiras, Manuel Banet Fontenla, Xosé Mosquera Pérez, Daniel Louzao, Carlos Seijas e Manuel Gómez Puente.[1] O 19 de abril de 1936 constituíuse formalmente en Ourense o Partido Galeguista de dereita con representantes dos grupos de Pontevedra, Santiago de Compostela e Ourense, acordándose que Heraldo de Galicia fose o voceiro oficioso do novo partido.[2]

No seu manifesto fundacional declaráronse progresistas, demócratas, republicanos, cooperativistas e de orientación socialcristiá. A Dereita Galeguista fixo campaña a prol do estatuto de autonomía pero non presentou candidaturas nas eleccións de 1936.

Tras o comezo da guerra civil, Vicente Risco, entre outros militantes, adheríronse ó réxime franquista.

Notas editar

  1. "El grupo "Dereita Galeguista"", El Pueblo Gallego, 8-8-1978, p. 17.
  2. "La Derecha Galleguista", El Compostelano, 22-4-1936, p. 2.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar