O célebre compositor Joseph Haydn morreu en Viena o 31 de maio de 1809, con 77 anos, despois dunha longa doenza. Austria estaba en guerra e Viena fora ocupada polas tropas de Napoleón. Celebrouse, entón, un funeral sinxelo en Gumpendorf, a parroquia vienesa á que pertencía a casa de Haydn, en Windmühle. Posteriormente foi sepultado no cemiterio de Hundsturm.[1][2]

O cranio de Joseph Haydn no altar da Bergkirche de Eisenstadt (1954)

O roubo editar

Tras o enterro, dous homes conspiraron para subornaren o sepultureiro, co fin de roubaren a cabeza do cadáver. Estes eran Joseph Carl Rosenbaum, antigo secretario da familia Esterházy (mecenas de Haydn), e Johann Nepomuk Peter, director da prisión provincial da Baixa Austria.[3] Rosenbaum era ben coñecido por Haydn, pois durante a súa vida intercedera coa familia Esterházy para tentar arranxar o matrimonio de Rosenbaum coa soprano Therese Gassmann.[4]

 
Mapa frenolóxico do século XIX

A motivación de Peter e Rosenbaum era o seu interese na frenoloxía, unha teoría científica hoxe desbotada que asociaba as capacidades mentais coa anatomía do cranio. Peter e Rosenbaum coñecían e admiraban o traballo de Franz Joseph Gall, fisiólogo e anatomista fundador de dita disciplina.[5] A frenoloxía mostraba especial interese pola anatomía dos individuos que foran considerados grandes xenios en vida. De feito, dezaoito anos despois fixérase unha análise frenolóxica no corpo de Ludwig van Beethoven, posibelmente con fins similares.[6]

O sepultureiro, Jakob Demuth, decidiu roubar a cabeza o 4 de xuño. A calor fixo que se atopase nun avanzado estado de descomposición, o que lle causou náuseas a Rosenbaum cando o entregou no hospital para a súa disección. Segundo Landon, «despois dunha hora de análise a cabeza abrandara e o cranio estaba esbrancuxado».[7] Peter determinou que, en efecto, «o vulto da música» no cranio de Haydn estaba «plenamente desenvolto».[8]

En setembro Peter incluíu o cranio na súa colección, exposto para ser visitado na súa casa.[7] Conservouno nunha urna negra de madeira e cristal, cunha lira de ouro na parte superior e un coxín branco. Nalgún momento da década seguinte, Peter cedeu a súa colección de cranios e deixoulle a Rosenbaum, entre outros, o de Haydn.[7]

En 1820 un coñecido do antigo mecenas de Haydn, o príncipe Nikolaus Esterházy II, lembroulle a este nunha conversa casual que esquecera trasladar os restos de Haydn desde Gumpendorf á cripta familiar na igrexa Bergkirche de Eisenstadt.[9] Cando se exhumaron os restos, o príncipe enfureceuse ao decatarse de que non estaba o cranio, e axiña deduciu que Peter e Rosenbaum foran os responsábeis. Con todo, mediante unha serie de retortas manobras, estes lograrou manter o cranio no seu poder. Rosenbaum agochouno nun xergón de palla. Durante o rexistro na casa deste, a súa muller Therese deitouse na cama e afirmou estar menstruando, polo que non se rexistrou preto do colchón.[10] Rosenbaum acabou por darlle ao príncipe un cranio calquera.

 
Tumba de Haydn (Bergkirche, Eisenstadt)

A recuperación editar

Após a morte de Rosenbaum en 1829 o cranio foi pasando de man en man. Rosenbaum deixoullo a Peter no seu testamento, quen llo deu a Karl Heller, experto en ciencias naturais. Máis adiante chegou ás mans dun tal Rokitansky, quen o doou en 1895 á Gesellschaft der Musikfreunde («Sociedade dos Amigos da Música») de Viena.[7] Crese que o musicólogo Karl Geiringer, quen traballou na Sociedade antes do ascenso de Hitler, mostroullo en ocasións a quen visitaban a institución.[11]

En 1932 o príncipe Pál Esterházy, descendente de Nikolaus, construíu unha tumba de mármore para Haydn na igrexa Bergkirche de Eisenstadt. Tratábase dunha moi digna localización, xa que Haydn estreou alí algunhas das misas que escribira para a familia Esterházy. O príncipe manifestou o seu propósito de unificar os restos do compositor.[12] Con todo, houbo que agardar até 1954 para que o cranio fose finalmente trasladado desde a Gesellschaft der Musikfreunde de Viena a esta nova tumba nunha solemne cerimonia. Deste xeito púxose fin a un proceso iniciado había xa 145 anos.[13]

Cando o cranio do compositor foi sepultado xunto cos demais restos óseos, o anterior non se retirou. Por ese motivo, a tumba de Haydn conta con dous cranios na actualidade.[10]

Notas editar

  1. Webster (2002)
  2. Geiringer & Geiringer (1982)
  3. R (1932)
  4. O matrimonio acabou por celebrarse en 1800, despois de Rosenbaum deixar de traballar para a familia Esterházy. Rice (2009)
  5. Landon (2009)
  6. Segundo Anton Schindler, biógrafo de Beethoven, o sepultureiro rexeitara un suborno de 1000 floríns a cambio da cabeza do compositor. Albrecht (1996)
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Landon (2009)
  8. Geiringer & Geiringer (1982)
  9. Landon (2009)
  10. 10,0 10,1 Townley, Simon (30 de maio de 2009). Hunting Haydn's Head (BBC Radio 4 Extra) (en inglés). 
  11. Geiringer (1947)
  12. M. M. S. (1948)
  13. "Haydn's skull is returned: After theft 145 years ago body is complete". Life (en inglés) 36 (26). 28 de xuño de 1954. p. 51. ISSN 0024-3019. Consultado o 23 de xuño de 2023. 

Bibliografía editar