Limoeiro

(Redirección desde «Citrus × limon»)

O limoeiro[2] (Citrus limon) é unha pequena árbore perenne, da familia das rutáceas, que pode alcanzar os 6 m de altura; posúe cortiza lisa e madeira dura e amarelenta moi apreciada para traballos de ebanistaría. Forma unha copa aberta con gran profusión de pólas, as súas follas son elípticas, coriáceas de cor verde mate (de 5 a 10 cm), acabadas en punta e con bordos ondulados ou finamente dentados. As aromáticas flores presentan grosos pétalos brancos tinxidos de rosa ou violeta na parte externa, con numerosos estames (20-40). Xorden illadas ou formando pares a partir de xemas coloradas.

Limoeiro

Citrus x limon
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Sapindales
Familia: Rutaceae
Subfamilia: Citroideae
Tribo: Citreae
Xénero: Citrus
Especie: C. × limon
Nome binomial
Citrus × limon
(L.) Burm.f., Fl. Indica, 173, 1768, non Osbeck,Reise Ostindien, 250, 1765.

Sinonimia[1]

O limoeiro é orixinario de Asia e foi descoñecido por gregos e romanos, sendo mencionado por primeira vez no libro sobre agricultura Nabathae contra os séculos III ou IV. O seu cultivo non foi desenvolvido no oeste até despois da conquista árabe, estendéndose entón por toda a costa mediterránea onde se cultiva abundantemente, debido á benignidade do clima, para consumo interno e de exportación.

O seu froito, o limón, posúe un alto contido en vitamina C (501,6 miligramos) e ácido cítrico (49,88 gramos) por litro. Utilízase para elaborar sobremesas ou bebidas naturais como a limoada. Era moi utilizado entre os antigos mariñeiros que pasaban longos períodos no mar sen acceso a outras froitas ou hortalizas, para evitar o escorbuto.

Existe unha ampla gama de variedades de limoeiros, existindo limóns doces (máis grandes e con pel agradábel) e limóns de tamaño medio (máis agres). Hai variedades de colleita estacional (no outono e inverno), e hai outros de colleita perpetua (case todo o ano).

Tamén hai variedades de lima, que son uns pequenos limóns de cor verde e moito máis agres. En América son moi populares.

Descrición

editar
 
Flor e capullos.

O limoeiro é unha árbore perenne, a miúdo con espiñas, que pode acadar os catro metros de altura, coa copa aberta moi ramificada. As súas follas son alternas, simples, coriáceas, con limbo elíptico de marxe máis ou menos pechado, glanduloso e que, á súa vez contén unha nervación penninervial, a inserción do seu talo é peciolada e a súa disposición é alterna. É de cor verde mate lustroso duns 5–10 cm de longo e con pecíolo cilíndrico articulado.

As flores son solitarias ou organízanse en pares ou inflorescencias curtas corimbosas axilares. O cáliz ten entre catro e sete (xeralmente cinco) sépalos de forma triangular soldados entre si e a corola está formada por igual número de pétalos, libres, elípticos alongados, espesos, externamente glandulosos, brancos tinguidos de rosa ou violáceo no envés. O androceo está formado por numerosos estames (20–100) e o xineceo presenta un ovario ínfero con estilo groso rematado por un estigma mazudo máis ou menos lobulado. Ese ovario deriva nun froito bacciforme en hesperidio con ata 18 lóculos. As súas sementes, que poden faltar por partenocarpia, son de forma máis ou menos ovoide, abrancazadas ou amareladas, centimétricas, sucadas irregularmente e lonxitudinalmente.[3]

Distribución

editar

O limoeiro é orixinario de Asia (Assam, rexión no sueste da India, norte de Birmania e a China,[4] e foi descoñecido polos gregos e os romanos, sendo mencionado por primeira vez no Tratado sobre Agricultura Nabathae contra os séculos III ou IV. O seu cultivo non se desenvolveu en occidente ata despois da conquista musulmá da Península Ibérica, estendéndose entón por todo o litoral mediterráneo onde se cultiva profusamente, debido á bondade do clima, para consumo interno e de exportación.

Enfermidades e parasitos

editar

O limoeiro é atacado polo piollo branco (Aspidiotus nerii), que afecta os froitos dende a súa formación ata a madurez. Outras cochinillas atacan tamén o limoeiro, como as serpetas, con forma de coma, caparretas e outros piollos. Còmpre salientar o ataque das cochinillas algodonosas, como o cotonet (Planococcus citri) ou a cochinilla acanalada (Icerya purchasi), mais quizais a máis importante a nivel comercial é a cochinilla vermella australiana (Aonidiella aurantii).

Outras pragas son:

  • Pulgóns: quizais o máis daniño sexa o pulgón negro dos cítricos (Toxoptera aurantii).
  • Ácaros: araña vermella, ácaro vermello e especialmente o ácara eriófido Aceria sheldoni, que ao atacar as xemas florais produce deformacións estrañas nos froitos, que adquiren formas retorcidas.
  • Minador das follas dos cítricos (Phyllocnistis citrella Stainton), que produce galerías no interior das follas dos brotes verdes que serven de entrada para as enfermidades. Esta praga só supón un problema se se trata de árbores acabados de plantar.
  • Mosca branca, especialmente Aleurothrixus floccosus: o seu inimigo natural (Cales noacki) controla as súas poboacións.

Galería de imaxes

editar
  1. "The Plant List:Citrus limon (L.) Osbeck". Royal Botanic Gardens Kew and Missouri Botanic Garden. Consultado o 20 de febreiro de 2017. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para limoeiro.
  3. "Citrus en Flora Ibérica, RJB/CSIC, Madrid." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de agosto de 2016. Consultado o 16 de agosto de 2018. 
  4. Morton, Julia F. (1987). "Lemon in Fruits of Warm Climates". Purdue University. pp. 160–168. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Bolòs, Oriol; Vigo, Josep (1984). Flora dels Països Catalans. Barcelona: Barcino. ISBN 978-84-7226-597-4. 
  • Font, Quer (1980). Plantas medicinales. El Dioscórides renovado (en castelán). Editorial Labors. 
  • Dugo, Giovanni; Di Angelo, Giacomo. Citrus the genus citrus, Medicinal and Aromatic Plants (en inglés). Industrial Profiles. 
  • Pascual, Ramon. Guia dels arbres dels països catalans (Terceira ed.). Pòrtic S.A. 
  • Kybal, Jan; Kaplická, Jirina. Plantes aromáticas y culinarias (en castelán). Susaeta. 
  • Romo, Ángel M. (1997). Árboles de la península ibérica y baleares (en castelán).