Chan do Cereixo

xacemento arqueolóxico en Donas, Gondomar

Coordenadas: 42°04′16.4″N 8°46′36.9″O / 42.071222, -8.776917

Chan do Cereixo é un xacemento arqueolóxico datado no Plistoceno medio situado nunha paraxe natural do mesmo nome localizada na extrema suroeste do concello de Gondomar[1][2]. Forma parte do conxunto de achados paleolíticos pertencentes á primeiras poboacións de homínidos en territorios da actual Galicia, cunha antigüidade estimada entre os 300 e 200 mil anos[3][4]. Ocupa aproximadamente 130 ha[5]e está situado a 340 msnm no lugar coñecido como Alto dos Valados, Donas.[6] Localizado estratexicamente entre as concas do Río Miño e do Río Miñor foi ocupado temporalmente e en diversas ocasións por diferentes comunidades de humanos ao longo de centos de miles de anos.[7] En diversos traballos arqueolóxicos atopáronse ferramentas paleolíticas, un posible poboamento neolítico, unha pequena estación de arte rupestre , restos do período Calcolítico e da Idade do Bronce, así como vestixios da época de romanización.[8][9][10]

Descrición editar

A morfoloxía do xacemento é case rectangular, cunhas dimensións aproximadas de 1 800 m de ancho por 600 m de largo.[6] Asentado principalmente en terras actualmente administradas pola Comunidade de Montes Veciñais de Donas e unha pequena extensión sur na veciña Pinzás, no concello de Tomiño e ao leste da parroquia de Mañufe.[6]Está limitado ao norte polos Cotos Acevedo e Figueira, a aldea d'A Portavedra e o Outeiro da Vaca (tamén coñecido como Outeiro das Mos).[4] Ao leste polos Montes de Couso, dos Remedios e Pedras Redondas. Ao oeste os Altos da Groba e ao sur as terras de Pinzás.[5]

O xacemento ten accesos naturais polo oeste coa Serra da Groba e o Océano Atlántico. Polo noroeste coas terras do val do río Miñor e polo sueste cos vales interiores de Tomiño e Tebra cara á conca do río Miño.[6]

Este pequeno altiplano converteuse nun paso natural para as poboacións prehistóricas entre as terras da foz do Miño e as do Miñor, cun percorrido non superior aos 25 km. Rodeado de pequenas elevacións ao noroeste, nordeste e leste, é unha zona de recepción hídrica das augas de altura, asegurando a súa presenza ao longo do ano. Incrementa esta presenza de auga a existencia dunha pequena canle fluvial no noroeste, coñecida como Río Cereixo que rega a zona.[11] [12]

Estas condicións topográficas e hidrográficas permitiron a formación de varios ecosistemas como turbeiras, prados, monte baixo e bosque con abundante fauna o que favoreceu a ocupación humana deste territorio.[12]

Descubrimento editar

O descubrimento deste xacemento tivo lugar nos anos 70 do século XX por parte do arquitecto Jaime Garrido Rodríguez. Durante sete anos Garrido recolleu próximo a 200 pezas postas ao descuberto pola remocións de terras para unha repoboación forestal no Alto dos Valados. Nese momento o achado recibiu o nome de xacemento paleolítico d'A Portavedra, por situarse ao pé desa pequena aldea do concello de Gondomar.[13] [14]

Ademais da recolección de pezas, Garrido efectuou un detallado informe das súas observacións, puntos onde se atoparon os materiais e descrición xeral da zona do xacemento.[13] O debandito informe coas súas conclusións foi publicado baixo o título "Nueva Estación Paleolítica en Portavedra, Gondomar"[14]

Primeiros estudos arqueolóxicos. editar

En 1981 o arqueólogo Julio Vidal Encinas fixo unha análise tipolóxica de parte do conxunto de pezas recollidas por Garrido. Neste estudo as industrias serán adscritas á cultura achelense do Paleolítico inferior. A investigación de Vidal Encinas será publicada baixo o título "La industria lítica de la estación achelense de Portavedra, Gondomar (Pontevedra)".[14] O devandito estudo abrangue 88 pezas, nas que distingue 20 cantos tallados, 24 fendedores e 44 bifaces. Posteriormente, Jaime Garrido repartirá o conxunto de materias atopados en Chan do Cereixo entre o Museo Provincial de Pontevedra (a maior parte) e o Museo do Pobo Galego.[13][15]

En 1995 a arqueóloga Rosa Villar Quinteiro fará unha revisión das pezas depositadas no Museo do Pobo Galego publicando un informe en 2003 no que dará conta da existencia no conxunto tanto de industrias do Paleolítico inferior como do Neolítico. Esta constatación permitirá afirmar á investigadora o carácter de Chan do Cereixo como espazo prehistórico de recorrentes ocupacións ao longo do tempo.[16] A maiores, o traballo de revisión individualizará entre as industrias en estudo, un núcleo lítico de grandes dimensións cunha lasca que se identificaron como provenientes do val do río Miño. O que significa que xa existía unha xestión económica da industria lítica por parte daquelas comunidades de homes que decidiron transportalos até Chan do Cereixo para posteriormente proceder ao seu tallado.[16] Como conclusión deste traballo, se logra clasificar ao xacemento de Chan do Cereixo dentro dos máis antigos de Galicia pertencente ao Paleolítico Inferior, na fase Achelense durante o Plistoceno Medio.[16]

Posteriormente Chan do Cereixo será incorporado ao catálogo de xacementos da Xunta de Galicia coa clave GA36021094 e incorporado ao ámbito da investigación paleolítica peninsular.[17]

Intervención arqueolóxica 2006 editar

No ano 2004 a asociación cultural Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) e a Comunidade de Montes en Man Común de Donas presentaron unha proposta de intervención arqueolóxica en Chan do Cereixo ante a convocatoria de Proxectos de Colaboración 2004-2005 da Fundación Pedro Barrié de la Maza, que foi seleccionada. A dirección do proxecto quedou en mans do IEM que puxo os seus recursos técnicos e humanos coa dirección da arqueóloga Rosa Villar. Somouse a colaboración das universidades de Vigo (xeorreferenciación e tratamento de imaxe dixital), a Complutense de Madrid (estudo xeolóxico), a de Alcalá de Henares (estudo palinolóxico), e mais o Museo Arqueolóxico Rexional de Madrid no asesoramento científico. Os traballos deron comezo en xullo de 2006 e estendéronse ao longo dun mes.[18]

Durante a campaña desenvolveuse unha prospección intensiva do terreo con remoción selectiva de terras. Tomáronse mostras para una análise xeolóxico-edáfico e polínico e ampliouse a recollida de material arqueolóxico. A intervención procurou achegar unha valoración global do xacemento paleolítico co obxectivo de contextualizar Chan do Cereixo a nivel rexional e peninsular.[18]

Nese mes de traballo foron recuperadas 61 pezas con tipoloxías do paleolítico inferior. Con estes novos achado e maís ás 239 recollidas por Jaime Garrido o equipo dirixido por Rosa Villar chegou ás seguintes conclusións:[19]

- Das 300 pezas en estudo o 37% son cuarcitas fluviais traídas sen tallar dende o río Miño ou do Miñor e mesmos dende acantilados das costas marítimas. O que implicou traslados de grandes cantos rodados por parte desas comunidades prehistóricas de entre 10 e 15 km por orografías abruptas e irregulares para ser talladas en Chan do Cereixo. [19]

-O restos das industrias divídese nun 30% de cuarcitas filonianas da zona do xacemento e mais unha presenza de cuarzos (32%) que en opinión dos investigadores presentan un modelo económico lóxico cunha alta valoración de materia prima foránea como é o caso da cuarcita fluvial.[19]

-Este comportamento económico coas materias primas coincide con outros situados en altiplanicies como é o caso dos xacementos ourensáns de San Cibrán de Las ou A Piteira. Onde tamén as comunidades preferían as cuarcitas fluviais por riba da oferta local de cuarzos e cuarcitas filonianas. A explicación ofrecida no estudo sinala que estas últimas presentan maiores esixencias de talla.

-Atopouse nas industrias un aproveitamento sucesivo das mesmas ao longo do tempo. Feito que provocou a creación de pátinas eólicas que amosan que as pezas eran deixadas á intemperie no lugar. Por outro lado, estas industrias presentaron retallados en partes da peza, nalgún casos con técnicas de tallado sen proximidade temporal. [19]

Reconstrución xeo-arqueolóxica editar

O equipo investigador constatou en Chan do Cereixo, a presenza de actividade humana representativa da cultura achelenese, con industrias distribuídas de xeito diacrónico en curtos períodos de tempo da segunda metade do Plistoceno Medio. Interpretación que sustentan na reutilización reflectida nas pezas e na diversidade de tecnoloxías de talla atopado nas mesmas.[19]

As sondaxes edáficas, estratigráficos e cronolóxicos apuntan a unha paisaxe prehistórica húmida con pequenos pantanos ou charcas espallados na zona. Contexto favorable para a presenza de diversas especies de fauna como herbívoros e mamíferos que transitarían a zona na procura de auga. Feito que outros depredadores como os grupos humanos aproveitarían para a caza.[19]

Este escenario prehistórico de Chan do Cereixo presupón a existencia dun territorio económico maior, probablemente o que abrangue as dúas concas fluvias Miño-Miñor, de tal xeito que as comunidades que o habitaban tivesen unha maior capacidade para obter os recursos para a subsistencia. Feito reflectido na xestión da materia prima lítica atopada.[19]

Outros achados editar

Descubríronse cinco petróglifos inéditos, tres ao sur da pista central que atravesa o xacemento e dous ao norte, no linde cunha plantación. Na zona leste do xacemento, nunha parte elevada, se recuperaron restos de tellas de época romana.[20]

No lugar próximo coñecido como As Campurras (Mañufe), atopáronse dos petróglifos e levouse a cabo 8 sondaxes que permitiron atopar restos dunha posible aldea neolítica que o estudo de carbono 14 datou no IV milenio antes de Cristo.[20][10][9]

Datación editar

A datación[21] de Chan do Cereixo a partir das industrias de tipo acheuliano atopadas, sitúase no Plistoceno Medio avanzado, durante o período prehistórico do Paleolítico Inferior cuns 250  000 anos aproximadamente de antigüidade. Comparten este período outros xacementos clásicos da prehistoria galega como os de Gándaras de Budiño, San Cibrán de Viñas, San Cibrán de Las, Arbo e Porto Maior entre outros.[22]

Cabe matizar que estas datas están en constante revisión por mor da evolución dos estudos arqueolóxicos e as novas tecnoloxías de datación. As últimas datacións para a cultura achelense do Plistoceno Medio galego sitúanse nun período de tempo que vai dos 300  000 aos 130  000 anos de antigüidade. [3]

Chan do Cereixo está relacionado e forma parte do proceso de poboamento da Península Ibérica que por esas datas levouse adiante nas principais concas fluviais atlánticas: Guadalquivir, Guadiana, Texo, Douro e Miño .[23]E comparte o seu vencello coa cultura achelense tardía  espallada por Europa[3]

O espazo natural editar

A Chan do Cereixo esténdese sobre unha zona de turbeira na que nace o río do mesmo nome. Situada a 340 msnm, conforma un rico ecosistema en torno a unha chaira inundada próxima aos 20 mil metros cadrados de superficie.[24] (IEM 5/6 - 135-138)

Acolle unha diversidade vexetal con especies de interese como a Carex durieui endémica do noroeste peninsular ou a Aurica montana. Existe unha importante comunidade de anfibios, entre os que destaca o tritón (Triturus helveticus) e a saramaganta rabilonga (Chioglossa lusitanica) e o lagarto das silvas (Lacreta schreiberi), estes dous últimos endemismos do noroeste peninsular. [24]

Nesta zona ten o límite da distribución mundial a pica das árbores (Anthus trivialis) que vén so a criar. Tamén salientan exemplares de arcea (Scolopax rusticola), o falcón abelleiro (Pernis apinorus) que aniña na zona. O xabaril e diversas especies de morcegos son os mamíferos máis abundantes.[24]

Visitas editar

O xacemento atópase en estado de conservación para futuras intervencións polo que non é posible visitalo. Mais existe unha ruta de sendeirismo deseñada polo arquitecto Antonio Soliño Troncoso e publicada polo Concello de Gondomar que permite facer un percorrido pola zona. Co título "Paleolítico, petróglifos e castros nas abas da Groba", permite percorrer a riqueza patrimonial do Monte do Cereixo e contorna, coa chá que coroa como eixe central[4]

Notas editar

  1. Villar Quinteiro, Rosa; Santonja Gómez, Manuel; et al. (2009). Chan do Cerixo (Donas, Gondomar): Una actualización del Paleolítico Inferior en Galicia. (en Castelán). Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 132. ISBN 978-84-95892-76-8. 
  2. Soliño Troncoso, Manuel; et al. (1995). Gondomar : historia, arte y territorio. Vigo: Ir Indo. p. 71. ISBN 84-7680--225-0. OCLC 38830478. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Santonja Gómez, Manuel; Méndez Quintas, Eduardo; et al. (2019). XV Reunión nacional del Cuaternario. Límites cronológicos de la presencia humana durante el Pleistoceno Medio en la cuenca baja del Río Miño (Pontevedra, España). Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea. p. 53. ISBN 978-84-17713-16-4 -. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Soliño Troncoso, Antonio (2018). Percorridos polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Gondomar: Instituto de Estudos Miñoranos. p. 343. ISBN 978-84-09-06595-0. OCLC 1126495195. 
  5. 5,0 5,1 Villar Quintero, Rosa; Santonja, Manuel (2009). "El proyecto de Investigación de Chan do Cereixo". Chan do Cerixo (Donas, Gondomar): Una actualización del Paleolítico Inferior en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 68. ISBN 978-84-95892-76-8. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Villar Quintero, Rosa (2009). "Descubrimiento de Chan do Cereixo para la Prehistoria". Chan do Cerixo (Donas, Gondomar): Una actualización del Paleolítico Inferior en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 55. ISBN 978-84-95892-76-8. 
  7. Villar Quintero, Rosa (2009). Chan do Cereixo (Donas, Gondomar) : una actualización del paleolítico inferior en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 63. ISBN 978-84-95892-76-8. OCLC 456668101. 
  8. Villar Quintero, Rosa; et al. (2009). Chan do Cereixo (Donas, Gondomar) : una actualización del paleolítico inferior en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 67. ISBN 978-84-95892-76-8. OCLC 456668101. 
  9. 9,0 9,1 "Descubren en Gondomar restos de la aldea más antigua de Galicia". La Voz de Galicia. Consultado o 08/12/2020. 
  10. 10,0 10,1 "Una comarca marcada por los ancestros". Faro de Vigo. Consultado o 08-12-2020. 
  11. Villar Quintero, Rosa; et al. (2009). Chan do Cereixo (Donas, Gondomar) : una actualización del paleolítico inferior en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 55. ISBN 978-84-95892-76-8. OCLC 456668101. 
  12. 12,0 12,1 Villar Quintero, Rosa; et al. (2009). Chan do Cereixo (Donas, Gondomar) : una actualización del paleolítico inferior en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 56. ISBN 978-84-95892-76-8. OCLC 456668101. 
  13. 13,0 13,1 13,2 Villar Quintero, Rosa; et al. (2009). Chan do Cereixo (Donas, Gondomar) : una actualización del paleolítico inferior en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 57. ISBN 978-84-95892-76-8. OCLC 456668101. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Soliño Troncoso, Manuel; et al. (1995). Gondomar : historia, arte y territorio. Vigo: Ir Indo. p. 77. ISBN 84-7680-225-0. OCLC 38830478. 
  15. Villar Quintero, Rosa; et al. (2009). Chan do Cereixo (Donas, Gondomar): una actualización del paleolítico inferior en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 58. ISBN 978-84-95892-76-8. OCLC 456668101. 
  16. 16,0 16,1 16,2 Villar Quintero, Rosa; et al. (2009). Chan do Cereixo (Donas, Gondomar) : una actualización del paleolítico inferior en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. pp. 59–63. ISBN 978-84-95892-76-8. OCLC 456668101. 
  17. Villar Quintero, Rosa; et al. (2009). Chan do Cereixo (Donas, Gondomar) : una actualización del paleolítico inferior en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. pp. 63–64. ISBN 978-84-95892-76-8. OCLC 456668101. 
  18. 18,0 18,1 Villar Quintero, Rosa; et al. (2009). Chan do Cereixo (Donas, Gondomar) : una actualización del paleolítico inferior en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 66. ISBN 978-84-95892-76-8. OCLC 456668101. 
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 19,6 Villar Quintero, Rosa; et al. (2009). Chan do Cereixo (Donas, Gondomar) : una actualización del paleolítico inferior en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. pp. 96–109. ISBN 978-84-95892-76-8. OCLC 456668101. 
  20. 20,0 20,1 Villar Quintero, Rosa (2007). Breve memoria do proxecto de investigación arqueolóxica na Chan do Cereixo, Donas, Gondomar. Resumo da campaña de traballo de campo, 2006 - RE, 5/6. Instituto de Estudos Miñoranos. pp. 21–27. ISBN 84-8289-369-6. 
  21. O Paleolítico inferior refire aos primeiros tempos da humanidade e aos procesos de adaptacións que os distintos grupos de homínidos levaron adiante para a súa sobrevinda. As atribucións cronolóxicas aos achados é un aspecto controvertido nestas investigacións por parte da comunidade científica, e o caso de Galicia non é unha excepción. Para unha información máis ampla véxase: Chan do Cereixo (Donas, Gondomar): Una actualización del Paleolítico inferior en Galicia (Santonja Gomez, 2009. Páxinas 14-25); Estudos sobre Paleolítico. Homenaxe a X. M. Álvarez Blázquez (II) (Méndez-Quintas, Santonja Gómez, Pérez González, 2008. Páxinas 21-74)
  22. Villar Quintero, Rosa; et al. (2009). Chan do Cereixo (Donas, Gondomar) : una actualización del paleolítico inferior en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 132. ISBN 978-84-95892-76-8. OCLC 456668101. 
  23. Santonja Gómez, Manuel; et al. ([2008]). Homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez. Gondomar [Spain]: Instituto de Estudos Miñoranos. pp. 30–32. ISBN 978-84-96950-72-6. OCLC 599271042. 
  24. 24,0 24,1 24,2 Vidal Rodríguez, César (2007). A Chan do Cereixo, un dos valores naturais de Gondomar en perigo. REM 5/6. Instituto de Estudos Miñoranos. pp. 135–136. ISBN 84-8289-369-6. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar