Carballeira de San Xusto

carballeira en San Xurxo de Sacos

Coordenadas: 42°31′01″N 08°30′40″O / 42.51694, -8.51111

A carballeira de San Xusto é unha carballeira que se atopa na parroquia de San Xurxo de Sacos (Cerdedo-Cotobade), nunha lomba sobre o río Lérez.

Carballeira de San Xusto.

Características editar

 
Capela de San Xusto.

É un lugar tradicional de encontro e referencia de lendas e vellos contos; contén carballos centenarios ademais de castiñeiros e carballos americanos. Dunha ampla extensión no pasado, hoxe está moi minguada.

Entre 1990 e 1996 houbo un conflito pola propiedade da carballeira entre os veciños da parroquia de San Xurxo de Sacos e a arquidiocese de Santiago de Compostela[1]. O 6 de xuño de 1990 o párroco Manuel Lorenzo efectuou en Ponte Caldelas o rexistro a nome da Igrexa deste espazo e do monte de Lixó[2]. Logo de diversos actos de protesta, durante anos de enfrontamento, a Audiencia Provincial e o Tribunal Supremo ratificaron a resolución ditada por un xulgado de instrución que daba a razón aos veciños. A propiedade da carballeira é da Comunidade de Montes da parroquia.

Durante a vaga de incendios de 2006 un forte incendio baixou desde Cerdedo a Pontevedra seguindo a beira do río Lérez, e pasou xunto á carballeira xusto o 5 de agosto. Os veciños que celebraban a romaría tiveron que marchar ás présas, ben para escapar do lume, ben para axudar a apagalo. Finalmente a carballeira salvouse. Un devoto dos Santos Xusto e Pastor, en agradecemento, trouxo ás festas dos anos seguintes cantantes de sona, como Manolo Escobar, Bertín Osborne ou David Bustamante, que achegaron milleiros de persoas á carballeira[3].

Patrimonio arquitectónico editar

 
Cruceiro.

Está presidida por un cruceiro e unha capela, na que os días 5 e 6 de agosto se celebra a romaría de Santos Xusto e Pastor. Antigamente celebrábase na carballeira a danza das espadas, e os mozos da zona ían á caza de cabras salvaxes descolgándose sobre os cantís do val[4]. A veciñanza e a xente chegada en peregrinación participaba na procesión do santo polos lugares da parroquia, na que amais das imaxes de diferentes santos, ía o estandarte da Sociedade de Agricultores de San Xurxo de Sacos, fundada en 1903. Algúns dos peregrinos ían ofrecidos, levando caixas de mortos e ofrendas para poxar por elas.

 
Inscrición sobre a porta principal.

A pequena ermida conserva o presbiterio cuberto, do século XV ou XVI, con bóveda de nervaturas. A nave é do século XVIII. Sobre a porta principal hai unha pedra coa seguinte inscrición:

San Justo y San Pastor. Feliz recordación a todos los fieles devotos que quieran aprovecharse de los grandes privilegios que están concedidos a este santuario por el pontífice Clemente obispo el año de 1712. Tienen indulgencia plenaria i remisión de todos sus pecados confesando i comulgando el día 6 de agosto en la última dominic del mismo más los días de la Asunción de Nuestra Señora el día 8 de septiembre más dos del año según la bula que está en este santuario también tiene el privilegio para poner ester señor manifiesto el día 6 de agosto todos los años.
 
Inscrición no muro sur.

Sobre unha porta no lateral sur hai outra pedra coa seguinte inscrición:

Esta puerta tragaluz y más reparos se hicieron con una buena lismosna que dio Don Joaquín Antonio Torrado y su muger Doña María Francisca Feyxo vecinos de Fefinans. Año de 1820.

En xuño de 2007 inaugurouse unha estatua en memoria da loita veciñal, concibida polo escultor Alfonso Vilar e rematada polo alumnado da Escola de Canteiros de Poio[5]. A escultura inclúe a seguinte inscrición:

Carballeira do San Xusto / carballeira enramada. / ¡Ao pé dous teus cen carballos / plantei a miña palabra! / 1990-1996

A carballeira na literatura popular editar

 
Interior da capela.
  • A Carballeira do San Xusto,/ ten ó lado unha xesteira/ onde hei de botar a noite/ cunha mociña solteira.
  • Carballeira de San Xusto,/ carballeira derramada,/ naquela carballeiriña/ perdín a miña navalla.
  • Carballeira de San Xusto,/ carballeira enramada,/ naquela carballeiriña/ perdín a miña navalla [6].
  • Carballeira de San Xusto/ moitos arrodeos ten,/ se non fora polos Santos/ alá non iba ninguén.
  • Carballeira do San Xusto,/ Carballeira do San Xusto,/ naquela carballeiriña/ hei de beilar ó meu gusto.
  • Carballeira do San Xusto,/ carballeiriña famosa,/ naquela carballeiriña/ perdín eu a miña rosa.
  • O castaño do San Xusto/ ten a folla revirada,/ que lla revirou o vento/ nunha noite de xiada.
  • San Xusto e San Pastor/ andan polos cotos/ para dar gracias ós forasteiros/ e curar ós coxos.

Ademais de na literatura popular, tamén ten presenta na literatura erudita, como nun poema de Xosé Fraga Iglesias.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "Un monumento recordará a loita veciñal pola carballeira de San Xusto" Arquivado 22 de outubro de 2016 en Wayback Machine., artigo de Cristina Barral en La Voz de Galicia, 20 de xuño de 2007.
  2. Da outra beira do río, no lugar de Fentáns, tamén na parroquia de San Xurxo de Sacos, e onde se atopa a capela da Nosa Señora de Lixó.
  3. "Os éxitos de Bertín Osborne soan esta noite en San Xusto", artigo de Cristina Barral en La Voz de Galicia, 1 de agosto de 2008.
  4. Fraguas Fraguas, A.: "Santos Xusto e Pastor en San Xorxe de Sacos", en Romarías e santuarios (1988).
  5. O escultor non puido rematala por motivos de saúde.
  6. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 257.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar