Vaga de incendios forestais de 2006 en Galicia

A vaga de incendios forestais de 2006 foi un conxunto de 1970 incendios forestais (37 deles de grandes proporcións) que arrasaron Galiza (especialmente as provincias de Pontevedra e A Coruña), entre o 3 e o 15 de agosto de 2006. Provocaron a morte de catro persoas, e ardeu un número considerable de hectáreas (77 000 segundo a Xunta de Galicia, 86 033 segundo o Ministerio de Medio Ambiente, 86 232 segundo o CEIF, 88 000 segundo a Comisión Europea e 92 058 segundo o CSIC).

Vaga de incendios forestais de 2006 en Galicia
Imaxe satélite de Galicia e Portugal no 2006.
LocalizaciónGalicia
Estatísticas
Data(s)2006
Falecidoscatro

Contexto

editar

Galiza é unha das rexións europeas con maior densidade de masa forestal, o que unido a circunstancias climatolóxicas especiais (veráns con varias semanas seguidas con calor, tempo seco e ventos moderados ou fortes), favorece a expansión dos incendios en caso de que se inicien[1]. O inicio dun incendio pode deberse a descoidos ao queimar broza ou outros materiais, a causas fortuítas, ou a actividades intencionadas de pirómanos ou persoas con outros propósitos. Se non se sufoca axiña esténdese con rapidez, provocando novos incendios. Para evitalo, son necesarias as tarefas de prevención (limpeza e ordenamento forestal) e a resposta rápida e ben organizada dos traballos de extinción.

Descrición

editar
 
Baiona.

Chegou a haber 160 incendios a un tempo (101 activos e 59 controlados). Houbo un total de 1970 incendios, con 8000 focos. O CSIC cifrou en 92 000 as ha afectadas (43 000 na Coruña, 40 000 en Pontevedra, 7000 en Ourense e 1000 en Lugo).

Na provincia de Pontevedra houbo 38 500 ha afectadas (datos da Xunta). as zonas máis afectadas foron o Salnés, a comarca de Vigo e a comarca de Pontevedra. Un incendio percorreu o curso do río Lérez desde o Concello de Cerdedo até Pontevedra. Ao seu paso polo Concello de Cotobade causou a morte de dúas persoas non lonxe da carballeira de San Xusto, que con todo logrou salvarse. Outras zonas afectadas foron os concellos de Ponte Caldelas e Soutomaior.

Na provincia da Coruña arderon, segundo a Xunta, 28.000 ha. Unha das zonas máis afectadas foi a Costa da Morte, especialmente nos últimos días da vaga. Tamén foi moi afectada a Comarca de Santiago. En Teo e Ames os incendios estiveron moi preto de zonas habitadas.

Causas

editar

A pesar de que se falou de certas tramas organizadas, non se chegou a determinar a súa existencia. A pesar das condicións climatolóxicas favorables para a expansión, moitos dos incendios foron provocados. En agosto foron detidas máis de 30 persoas.

A vaga deu pé ao conflito político, como xa sucedera coa catástrofe do Prestige. O Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, negouse a formular "hipóteses sen probas", pero Cristina Narbona (ministra de Medio Ambiente) culpou traballadores das brigadas forestais, e Alfredo Pérez Rubalcaba e Cándido Conde-Pumpido falaron de "trama criminal organizada".

O 20 de agosto de 2006 a plataforma Nunca Máis convocou unha manifestación en Santiago de Compostela contra o "terrorismo incendiario"[2]. Criticouse a xestión forestal do goberno do PPdG durante a presidencia de Manuel Fraga.[3] Porén, o PPdG negou tales acusacións, destacando que o único acusado relacionado cun partido político foi un integrante das listas do PSdeG en 1999. Para Miguel Ángel Soto, responsable da campaña de Bosques de Greenpace España, esta actitude de culpar á oposición dos incendios é habitual en Galicia, e xa se dera nos sucesivos gobernos de Fraga.[4]

Axudas e medios

editar

Para a extinción dos incendios a Xunta contou cos medios da empresa Tragsa. O Ministerio de Medio Ambiente mobilizou todas as BRIF durante o período de máxima incidencia, incluídos helicópteros pesados Kamov K32, 14 avións anfibios, de carga en terra e de observación e coordinación e unidades móbiles de meteoroloxía e transmisións. Había 10 hidroavións do Ministerio operados polo Grupo 43 do exército do aire e dous facilitados polo goberno italiano.

O ministerio de Defensa achegou 25 unidades do exército de terra español e 5 vehículos pesados (bulldozers). Tamén se recibiu axuda da Comunidade de Madrid, a cidade de Málaga, Asturias e a Comunitat Valenciana.

O goberno francés achegou dous hidroavións máis, pero regresaron ao segundo día ao estar os aeroportos galegos saturados. Recibiuse apoio tamén de Portugal e Marrocos.

 
Monte queimado en Brión.

Consecuencias

editar

Faleceron dúas mulleres en Cerdedo atrapadas polo lume na estrada N-541, un home en Cotobade mentres participaba en tarefas de extinción, e outro home na Cañiza, como consecuencia das queimaduras producidas durante os labores de apagado dun incendio.

A Xunta de Galicia cifrou as perdas en 99 millóns de euros. O fume provocou danos mortais (dúas persoas asfixiadas) e dificultades respiratorias en diversas zonas.

No outono dese ano, ao non haber masa forestal, as choivas foron torrenciais, arrastrando as cinzas dos incendios. Isto provocou a chegada de lodo á costa (impedindo o marisqueo) e a deforestación de diversas zonas.

Os incendios afectaron diversos petróglifos e construcións vellas, como muíños.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar