O canon, palabra que provén do grego Χανων, regra, é un concepto que fixa normas nun contexto cultural, que se estenden ás condutas e accións; ademais, refírese ás proporcións perfectas ou ideais do corpo humano e alude ás relacións harmónicas entre as distintas partes dunha figura.[1]

O Home de Vitruvio é un canon leonardino
Unha das diversas copias do Doríforo de Policleto, no Museo Pushkin en Rusia
Corte de Xustiza de Chandigarh, proxectada por Le Corbusier en base ao seu canon Le Modulor

Historia

editar

Sen desenvolver o concepto en tratados escritos, xa que os exipcios utilizaron na práctica o canon para a representación escultórica da figura humana, pero en lugar de tomar a cabeza como módulo, fixérono co puño, de forma que os corpos tiñan de alto 18 veces o tamaño do puño, distribuído proporcionalmente en distintas partes do corpo (2 para o rostro, 10 desde os ombreiros aos xeonllos e 6 desde estas até os pés). A partir do século VII a. C. o canon de 18 puños é substituído polo de 21, alongando máis as figuras.

A plasmación literaria desta idea foi explicitada na Grecia clásica por Policleto, escultor do século V a.C., nun libro técnico titulado Canon, no que era importante o concepto de symmetría como unhas regras da proporcionalidade que debía ter a figura humana nas obras de arte para conseguir que tivesen beleza. Aínda que o texto non se conservou, diversas fontes indican que foi exemplificado polo artista nunha escultura (Winckelmann interpretou que esa escultura era o Doríforo).[2]

Parece evidente a influencia de Pitágoras en Policleto. Nas súas esculturas, aínda que só chegaron até nós as varias copias romanas, comeza pola primeira falanxe do dedo mainiño e establece como módulo básico a unidade que determina o resto de proporcións. A partir del, multiplica pola raíz cuadrada de 2, para obter a distancia das segundas falanxes e multiplica de novo pola mesma raíz para obter as terceiras falanxes, a palma da man, o brazo etc. até completar a figura coa proporción de 7,5 cabezas.

No século seguinte, as figuras aparecen máis esveltas, como no Apoxiomeno de Lisipo, ou en obras de Praxíteles (Hermes de Olimpia, Apolo Sauróctono), que corresponden a unha proporción na que a altura total chega até as 8 cabezas.[3] Para Plinio o Vello, esta diferenza respondía a un criterio estético esencialmente distinto: os artistas do século V a.C. (Mirón, Fidias, Policleto) representaron o home tal como é; mentres que os do século IV a.C. (Praxíteles, Escopas, Lisipo) o representaron tal como o ollo o ve, é dicir, superaron o canon racional mediante unha fantasía que permite maior expresividade e refinamiento óptico.[4] Vitruvio deixou asentados estes conceptos, ampliados a outras proporcións entre distintas partes do corpo humano, que foron reelaborados polos artistas do Renacemento, especialmente por Albrecht Dürer e por Leonardo da Vinci (home de Vitruvio).

Previo ao Quattrocento houbo sucesivos renacementos medievais nos que aínda que non se fale propiamente de canons, hai un vaivén estilístico que vai desde as proporcións próximas a certo primitivismo dalgunhas iconas e esculturas góticas e románicas (corpos con medida 5 cabezas) até un naturalismo coma o do Pórtico da Gloria, ou as proporcións clásicas do Adán de Notre-Damme.

Posteriormente ao Renacemento, a expresividade e dinamismo do Barroco leva a que as proporcións se diversifiquen e cada artista dispoña do seu propio canon; así El Greco estiliza as figuras pasando do canon clásico de 7,5 na súa etapa veneciana até as 11 ou máis da etapa toledana, e Bernini que empeza respectando fielmente os canons clásicos evoluciona nos catro grupos Borghesianos flexibilizando as proporcións, sen perder un naturalismo virtuoso e extremadamente realista.

O período neoclásico volve inspirarse nos canons estéticos grecorromanos de equilibrio na forma e moderación na dinámica e harmonía, e recupera as proporcións das 7,5 cabezas.

A finais do século XIX o matemático Adolf Zeising fixo pescudas sobre as proporcións na natureza e na arte, investigando a proporción áurea na disposición de cristais, nos vexetais, en esqueletos animais e as ramificacións das veas e nervios etc. e finalmente estudou as proporcións humanas no seu libro Neue lehre von den proportionen des menschlichen körpers (en galego, Nova teoría das proporcións do corpo humano) onde afirma que unha lei morfolóxica básica está presente en toda a natureza e na arte.

No século XX, o arquitecto suízo Le Corbusier, coñecedor dos escritos de Zeising e de Gustav Fechner creou un novo canon de proporcións humanas ao que denominou modulor (2,26 metros de altura), para aplicar tanto na construción de edificios como no deseño de mobiliario e obxectos comúns.

  1. Lajo (1990), p. 39.
  2. Alicia Montemayor García, "Aspectos y problemas en la concepción de la symmetría en la Grecia antigua. De Policleto a Eufranor." Arquivado 25 de marzo de 2020 en Wayback Machine., pp.97,105, en Theoría. Revista del Colegio de Filosofía 35 (2018): 91-108.
  3. Rodríguez Vidal & Rodriguez Rigual (2002), p. 108.
  4. Arte internacional

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar