Cínclidos

xénero de aves

Os cínclidos (Cinclidae) son unha familia de aves mergulladoras que comprenden un único xénero, Cinclus, e que se denominan comunmente merlos rieiros.[2] Son os únicos paseriformes que teñen a capacidade de mergullarse baixo a auga. En Galicia vive a especie Cinclus cinclus.

Cínclidos

Cinclus mexicanus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Superfamilia: Muscicapoidea
Familia: Cinclidae
Sundevall, 1836
Xénero: Cinclus
Borkhausen, 1797
Mapa de distribución      Cinclus cinclus      Cinclus pallasii      Cinclus mexicanus      Cinclus leucocephalus      Cinclus schulzii
Mapa de distribución      Cinclus cinclus      Cinclus pallasii      Cinclus mexicanus      Cinclus leucocephalus      Cinclus schulzii

Mapa de distribución

     Cinclus cinclus      Cinclus pallasii      Cinclus mexicanus      Cinclus leucocephalus

     Cinclus schulzii

Cinclus cinclus

Cinclus pallasii

Cinclus mexicanus

Cinclus leucocephalus

Cinclus schulzii

Turdidae

Filoxenia dos cínclidos[1]

Taxonomía editar

O xénero Cinclus foi introducido polo naturalista alemán Moritz Balthasar Borkhausen en 1797 e a especie tipo foi o merlo rieiro euroasiático Cinclus cinclus.[3][4] O nome cinclus procede da palabra do grego antigo kinklos, que se utilizaba para designar pequenas aves que movían a cola e vivían a carón da auga.[5]

Cinclus é o único xénero na familia Cinclidae. O xénero contén cinco especies:[6]

Un estudo de filoxenia molecular de 2002 examinou as secuencias de ADN de dous xenes mitocondriais das distintas especies de merlos rieiros. O estudo atopou que o merlo rieiro euroasiático (C. cinclus) e o C. pallasi son especies irmás como tamén o son o C. leucocephalus e o C. schulzii. O estudo tamén mostrou que a familia máis próxima á Cinclidae é a Turdidae.[1]

Descrición editar

 
C. cinclus, a especie que vive en Galicia.

Son aves pequenas, robustas, de cola e ás curtas e patas fortes. As diferentes especies adoitan ser escuras (ás veces case negras), ou marróns e brancas, excepto o C. schulzii, que é marrón cun papo de cor marrón-avermellado. En tamaño van desde os 14 aos 22 cm de lonxitude e os 40 a 90 g de peso, e os machos son meirandes que as femias. As súas curtas ás fan que teñan un distintivo voo rumbante.[7][8][9] Teñen un característico movemento oscilante de arriba a abaixo cando están pousados ao lado da auga. Cando están baixo a auga están cubertos por unha fina película prateada de aire, debido a que quedan atrapadas pequenas burbullas na superficie da plumaxe.[8]

Distribución e hábitat editar

Os merlos rieiros encóntranse en hábitats de auga doce axeitados nas terras altas das Américas, Europa e Asia. En África só se encontran nas montañas do Atlas de Marrocos. Habitan nas ribeiras de ríos de augas rápidas de terras altas de augas frías e claras, aínda que na estación reprodutora visitan as beiras de lagos e costas mariñas.[8]

Adaptacións editar

A diferenza de moitas aves acuáticas, os merlos rieiros son xeralmente de forma similar a moitas aves terrestres (por exemplo non teñen pés palmados), pero teñen algunhas adaptacións morfolóxicas e fisiolóxicas ao seu hábitat acuático. As súas ás son relativamente curtas pero fortemente musculadas, o que lles permite usalas como aletas baixo a auga. Teñen unha plumaxe densa cunha gran glándula uropixial para impermeabilizar as plumas. As súas patas relativamente longas e garras afiadas facilitan que se poidan agarrar ás rochas en augas rápidas. Os ollos teñen músculos para enfocar ben desenvolvidos, polo que poden cambiar a curvatura do cristalino para mellorar a visión subacuática.[10] Teñen unha especie de lingüetas nasais coas que impiden que lles entre auga polos orificios nasais.[11]

A alta concentración de hemoglobina do seu sangue dálles unha capacidade de almacenar oxíxeno maior que o doutras aves, polo que poden permanecer baixo a auga durante trinta segundos ou máis,[8] mentres que a súa taxa metabólica basal é aproximadamente un terzo máis lenta que a dos típicos paseriformes terrestres de masa similar.[12] Unha pequena poboación inverna nunha fonte termal nas Montañas Suntar-Khayata de Siberia e aliméntase baixo a auga cando as temperaturas do aire baixan de -55 °C.[13]

Comportamento editar

Alimento editar

Os merlos rieiros buscan pequenas presas animais nas marxes das correntes fluviais de augas rápidas. Pousan en rochas e aliméntanse na beira da auga, pero a miúdo tamén se agarran firmemente ás rochas e camiñan sobre elas meténdose na auga ata quedaren parcial ou totalmente submerxidos. Despois buscan baixo a auga presas entre ou debaixo de pedras e restos; poden tamén nadar usando as ás para impulsarse. As dúas especies suramericanas nadan e mergúllanse con menos frecuencia que as tres especies do norte.[14] As súas presas son principalmente invertebrados como ninfas ou larvas de efémeras, simúlidos, plecópteros e tricópteros, pero tamén pequenos peixes e ovos de peixe. Tamén comen moluscos e crustáceos, especialmente en inverno cando as larvas de insectos son menos abondosas.[8]

Reprodución editar

As parellas de merlos rieiros establecen territorios reprodutores lineares ao longo de ríos axeitados e mantéñenos ante as incursións doutros individuos. Dentro do seu territorio a parella debe ter un bo sitio para aniñar e lugares para pousarse, pero o principal factor que afecta a lonxitude do territorio é a dispoñibilidade de comida suficiente para alimentarse eles e as crías. En consecuencia, a lonxitude dun territorio pode variar desde os 300  a uns 2 500 m.[8]

Os seus niños son xeralmente estruturas longas, redondas, cupuliformes feitas de musgo, cunha copa interna de herba e raiciñas e un burato de entrada lateral. Adoitan construílos en espazos confinados sobre ou preto das augas correntes. O sitio pode ser un saínte ou ladeira na ribeira, nunha greta ou canle de desaugamento, ou baixo unha ponte. Os sitios de nidación en árbores son raros.[8]

O tamaño habitual da posta das tres especies de merlos rieiiros do norte é de catro ou cinco ovos; o das de Suramérica non se coñece ben, aínda que algunha evidencia suxire que a do Cinclus schulzii é de dous ovos.[15] O período de incubación é de dezaseis a dezasete días, e dos ovos eclosionan crías altriciais, que son coidados só pola femia durante os seguintes doce ou trece días. As crías son alimentadas por ambos os proxenitores e o período necesario para o emplumado completo é de 20 a 24 días. Os polos fanse independentes dos seus pais un par de semanas despois de deixar o niño. Os merlos rieiros poden reproducirse por segunda vez no ano se as condicións o permiten.[8] A idade máxima rexistrada por datos de recuperación de aves aneladas da especie C. cinclus foi 10 anos e 7 meses nun individuo anelado en Finlandia.[16] A idade máxima nun individuo da especie C. mexicanus foi de 8 anos e 1 mes nun individuo recuperado en Dacota do Sur.[17]

Comunicación editar

Emiten sons fortes e agudos, similares aos sons doutras aves de ríos rápidos; as frecuencias das chamadas están nun estreito intervalo entre 4,0 e 6,5 kHz, bastante por riba da frecuencia de ruído dos torrentes, que é de <2 kHz.[18] Os merlos rieiros tamén se comunican visualmente polo seu característico movemento de arriba a abaixo, así como lanzando sinais luminosos rapidamente expoñendo as plumas brancas das súas pálpebras superiores como unha serie de flashes brancos durante o cortexo ou as exhibicións de ameaza.[10]

Conservación editar

 
O C. schulzii é considerado "vulnerable" pola IUCN.

Son aves completamente dependentes dos ríos de augas rápidas e claras, con comida accesible e sitios de nidificación seguros. Poden verse ameazados por calquera cousa que afecte a esas condicións que necesitan, como a contaminación da auga, acidificación e turbidez causada pola erosión. A regulación dos ríos pola construción de presass ou encoros, así como a canalización dos ríos, pode degradar e destruír o hábitat destes paxaros.[8]

Os merlos rieiros son ás veces cazados ou perseguidos doutros modos polos humanos por varias razóns. A raza de Chipre de C. cinclus está extinta. Nas montañas do Atlas a xente considera que os merlos rieiros teñen propiedades afrodisíacas. En partes de Escocia e Alemaña, ata o comezo do século XX, pagábanse recompensas por matalos debido á errada percepción de que facían diminuír os peixes nos ríos pola súa predación de ovos e crías de salmónidos.[8]

Malia todas as ameazas que sofren poboacións locais, o status de conservación da maioría das especies de merlos rieiros é considerado como pouco preocupante. A única excepción é o C. schulzii, que é clasificada como vulnerable debido a que as súas poboacións son pequenas, fragmentadas e en declive e está ameazada, especialmente na Arxentina, por cambios na xestión dos ríos.[19]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Voelker, Gary (2002). "Molecular phylogenetics and the historical biogeography of dippers (Cinclus)". Ibis 144 (4): 577–584. doi:10.1046/j.1474-919X.2002.00084.x. 
  2. Dicionario Digalego merlo Arquivado 17 de novembro de 2018 en Wayback Machine.
  3. Borkhausen (1797). Deutsche Fauna, oder, Kurzgefasste Naturgeschichte der Thiere Deutschlands. Erster Theil, Saugthiere und Vögel (en alemán). Frankfurt am Main: Varrentrapp und Wenner. p. 300. 
  4. Mayr, Ernst; Greenway, James C. Jr, eds. (1960). Check-list of Birds of the World. Volume 9. Cambridge, Massachusetts: Museum of Comparative Zoology. p. 374. 
  5. Jobling, James A. (2010). Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Bloomsbury Publishing. p. 107. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. Gill, Frank; Donsker, David, eds. (2019). "Dippers, leafbirds, flowerpeckers, sunbirds". World Bird List Version 9.1. International Ornithologists' Union. Consultado o 9 February 2019. 
  7. Whistler, Hugh (2007). Popular Handbook of Indian Birds (4th ed.). London: British Museum Natural History. ISBN 1-4067-4576-6. 
  8. 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 Tyler, Stephanie J.; Ormerod, Stephen J. (1994). The Dippers. London: Poyser. ISBN 0-85661-093-3. 
  9. Robbins, C.S.; Bruun, B.; & Zim, H.S. (1966). Birds of North America. Western Publishing Company: New York.
  10. 10,0 10,1 Goodge, W.R. (1960). "Adaptations for amphibious vision in the Dipper (Cinclus mexicanus)". Journal of Morphology 107: 79–91. doi:10.1002/jmor.1051070106. 
  11. Ormerod, S.; Tyler, S. (2019). del Hoyo, J.; Elliott, A.; Sargatal, J.; Christie, D.A.; de Juana, E., eds. "Dippers (Cinclidae)". Handbook of the Birds of the World Alive. Lynx Edicions. Consultado o 11 February 2019. (require subscrición (?)). 
  12. Murrish, David E. (1970). "Responses to temperature in the dipper, Cinclus mexicanus". Comparative Biochemical Physiology 34 (4): 859–869. doi:10.1016/0010-406X(70)91009-1. 
  13. Dinets, V.; Sanchez, M. (2017). "Brown Dippers (Cinclus pallasi) overwintering at −65°C in Northeastern Siberia". Wilson Journal of Ornithology 129 (2): 397–400. doi:10.1676/16-071.1. 
  14. Tyler, S.J. (1994). "The Yungas of Argentina: in search of Rufous-throated Dippers Cinclus schulzi" (PDF). Cotinga 2: 38–41. 
  15. Salvador, S.; Narosky, S.; Fraga, R. (1986). "First description of the nest and eggs of the red-throated dipper in northwestern Argentina". Gerfaut 76: 63–66. 
  16. "European Longevity Records". Euring. Consultado o 13 February 2019. 
  17. "Longevity Records of North American Birds". United States Geological Survey. Consultado o 13 February 2019. 
  18. J., Martens; Geduldig, G. (1990). "Acoustic adaptations of birds living close to Himalayan torrents". Proc. Int. 100 DO-G Meeting. Bonn: Current Topics Avian Biol. pp. 123–131. 
  19. BirdLife International (2017). "Rufous-throated Dipper Cinclus schulzii". IUCN Red List of Threatened Species. International Union for Conservation of Nature. Consultado o 13 February 2019. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar