Os tricópteros[1] (Trichoptera) son unha orde de insectos que teñen larvas acuáticas e adultos terrestres. O nome "Trichoptera" deriva do grego θρίξ thrix, 'pelo' e de πτερόν, pteron 'á', e indica que as súas ás son peludas. Describíronse aproximadamente 14 500 especies de tricópteros, a maioría das cales poden clasificarse nas subordes Integripalpia e Annulipalpia baseándose nas pezas bucais adultas. As larvas integripalpias destes animais constrúen un estoxo portátil para protexerse cando se desprazan na procura de comida, mentres que as larvas anulipalpias contrúen un refuxio fixo no cal permanecen, esperando a que a comida se achegue a elas. Os adultos son insectos pequenos con certo parecido a avelaíñas con dous pares de ás membranosas peludas. Están estreitamente emparentados cos Lepidoptera (avelaíñas e bolboretas), os cales teñen escamas nas ás derivadas de pelos, e, de feito, as dúas ordes forman a superorde Amphiesmenoptera.

A larvas acuáticas encóntranse en diversos hábitats como regatos, ríos, lagos, lagoas, fontes e augas temporais (pozas vernais).[2] As larvas de moitas especies usan seda para facer estoxos protectores, que adoitan estar reforzados con grava, area, paus, cachos de plantas mordidos ou outros residuos. As larvas mostran diversas estratexias de alimentación, e varias especies son predadoras, outras comen follas trituradas ou algas ou recollen partículas da columna de auga e do bentos. A maioría dos adultos teñen vidas de curta duración durante as cales non se alimentan.

Na pesca de cana con mosca, as moscas artificiais usadas con frecuencia imitan tricópteros adultos, mentres que as larvas e pupas utilízanse como isco. Os xéneros máis comúns e estendidos como Helicopsyche e Hydropsyche son importantes neste tipo de pesca. Os tricópteros son útiles como bioindicadores, xa que son sensibles á contaminación da auga e son grandes dabondo como para ser avaliados no campo.

Evolución e filoxenia editar

 
Fósil do Eoceno atopado en ámbar do Báltico, Lituania (44 millóns de anos)

Historia fósil editar

Atopáronse tricópteros fósiles en rochas do Triásico;[3] o grupo sobreviviu ao evento de extinción Permiano-Triásico de hai uns 252 millóns de anos. A maior cantidade de restos fósiles corresponden aos estoxos larvarios, xa que están feitos de materiais duradeiros que se conservan mellor. Os corpos fosilizados de tricópteros son extremadamente raros, os máis antigos datan do Triásico temperán e medio, hai uns 230 millóns de anos, e as ás son tamén outra fonte de fósiles.[4] A evolución do grupo orixinando insectos con larvas completamente acuáticas parece que tivo lugar nalgún momento do Triásico.[5] O descubrimento de fósiles que lembran estoxos larvarios de tricópteros en depósitos mariños do Brasil, pode atrasar as orixes da orde ao período Permiano temperán.[4]

Evolución editar

Case todos os tricópteros adultos son terrestres, pero as súas larvas e pupas son acuáticas. Comparten esta características con varios grupos distantemente relacionados, como as libélulas, efemerópteros, plecópteros, siálidos e neurópteros.[5] Os antepasados de todos estes grupos eran terrestres, con sistemas traqueais abertos, nos que por evolución converxente apareceron diferentes tipos de branquias nas súas larvas acuáticas a medida que adoptaron o medio acuático para evitar a depredación.[5]

En todo o mundo recoñecéronse unhas 14 500 especies de tricópteros distribuídos en 45 familias,[6] pero quedan moitas máis especies por describir. A maioría poden ser encadrados nas subordes Integripalpia e Annulipalpia baseándose nas súas pezas bucais adultas. As características dos adultos dependen dos palpos, venación das ás e xenitais de ambos os sexos. As dúas últimas características sufriron unha diferenciación tan grande entre as diferentes familias que as diferenzas entre as subordes non son claras.[7] As larvas dos anulipalpios son campodeiformes (predadoras de vida libre, ben esclerotizadas, de patas longas, con corpos aplanados dorso-ventralmente e pezas bucais que sobresaen). As larvas dos integripalpios son polípodas (detritívoras pouco esclerotizadas, con propatas abdominais ademais das patas torácicas, e viven permanentemente en estoxos larvarios moi axustados ao seu corpo).[7] As afinidades dunha terceira suborde recoñecida, Spicipalpia, non están claras; o grupo podería non ser monofilético e as súas larvas son de vida libre e sen estoxos nos que refuxiarse, xa que no seu lugar fabrican trampas de tipo rede feitas de seda.[8]

Filoxenia editar

O seguinte cladograma de relacións externas, baseado en análises de ADN e proteínas feitos en 2008, mostra a orde como un clado e grupo irmán dos Lepidoptera, e relacionado máis distantemente cos Diptera e Mecoptera.[9][10][11][12]

parte de Endopterygota
Antliophora

Diptera (moscas)  

Mecoptera  

Boreidae  

Siphonaptera (pulgas)  

Trichoptera  

Lepidoptera (bolboretas e avelaíñas)  

Hymenoptera (avespas, abellas, formigas)  

O cladograma das relacións dentro da orde está baseado nunha filoxenia molecular realizada en 2002 usando ARN ribosómico, un xene dun factor de elongción nuclear e unha citocromo oxidase mitocondrial. Os Annulipalpia e Integripalpia son clados, mais as relacións dentro de Spicipalpia non están claras.[13]

Trichoptera

Annulipalpia (fabrican estoxos fixos)

Integripalpia (fabrican estoxos portátiles)

"Spicipalpia" (parafiléticos?)

Ecoloxía editar

As larvas dos tricópteros poden encontrarse en todos os gremios alimenticios dos hábitats de auga doce. A maioría dos estadios larvarios iniciais e algúns dos estadios finais son animais recadadores que toman fragmentos de materia orgánica do bentos. Outras especies son filtradoras, e filtran as partículas orgánicas que flotan na auga usando redes de seda ou os pelos das patas. Algunhas especies son raspadoras, alimentándose das películas de algas e outro perífiton que crece baixo os obxectos mergullados que reciben luz solar. Outras son herbívoros trituradores, que mastigan fragmentos de plantas vivas mentres que outros son detritívoros trituradores, que rillan a madeira podre ou mastigan follas mortas que foron procesadas por bacterias e fungos; a maioría dos nutrientes que obtén este último grupo proceden do consumo das bacterias e fungos. As especies predadoras ou ben cazan activamente presas, normalmente outros insectos, pequenos crustáceos e vermes, ou ben mantéñense en repouso agardando a que pasen invertebrados que sen advertir a súa presenza se aproximan demasiado. Unhas poucas especies aliméntanse de forma oportunista de animais mortos ou peixes, e algunhas larvas de Leptoceridae aliméntanse de esponxas de auga doce.[14] O tricóptero terrestre Enoicyla pusilla vive entre as follas caídas húmidas do chan dos bosques.[15]

Como os efemerópteros, plecópteros e odonatos, aínda que en menor medida, os tricópteros son un indicador da boa calidade da auga, pero non desaparecen completamente das correntes con augas contaminadas.[16] Son unha parte importante da cadea trófica, e tanto as larvas coma os adultos son presas de moitos peixes. Os adultos que acaban de emerxer da pupa son particularmente vulnerables, xa que se teñen que debater con esforzo para chegar á superficie despois de emerxer da pupa mergullada facendo notar a súa presenza e teñen despois que secar as súas ás. Os peixes consideran estes adultos novos como un petisco fácil, e as moscas artificiais para pescar con cana que lembran estes insectos son moi efectivas para os pescadores no momento correcto do ano.[17]

O estadio adulto dos tricópteros pode sobrevivir só unhas poucas semanas; moitas especies non se alimentan na etapa adulta e morren pouco despois de reproducirse. Os insectos alados son nocturnos e serven de alimento para as aves nocturnas, morcegos, pequenos mamíferos, anfibios e artrópodos. Os estadios larvarios duran moito máis, normalmente un ano ou máis, e teñen un maior impacto no medio ambiente.[18] Constitúen unha parte importante da dieta de peixes como a troita. O peixe captúraos de dúas maneiras, cólleos entre a vexetación ou no leito do río a medida que a larva se despraza ou durante o comportamento diario de deriva; esta deriva ocorre durante a noite en moitas especies de larvas acuáticas, ou arredor do mediodía nalgunhas especies de tricópteros con estoxo, e pode ser o resultado de presións de poboación ou ser unha forma de dispersión. As larvas poden ir á deriva en grandes cantidades preto do fondo, a media auga ou xusto baixo a superficie da auga. Os peixes tráganos enteiros, estoxo incluído.[19]

Arquitectos subacuáticos editar

Estoxos editar

Os tricópteros son coñecidos polos estoxos portátiles que moitas das súas larvas fabrican para usalos como refuxio. Unhas 30 familias de tricópteros, membros da suborde Integripalpia, adoptan esta estratexia. Estas larvas comen detritos, principalmente materail vexetal en descomposición, e os fragmentos de follas mortas das que se alimentan tenden a acumularse en ocos, en zonas do río de correntes lentas e detrás de pedras e de raíces na auga. Os estoxos proporciónanlles protección ás larvas cando estas se teñen que desprazar na procura destes recursos.[20]

O estoxo é unha estrutura tubular feita de seda que segrega o animal nas súas glándulas salivares preto da boca, e comezan a fabricala en canto saen do ovo. Poden incorporar a esta estrutura varios materiais de reforzo, e a natureza do material e o deseño dependen da constitución xenética da larva; o que significa que a familia ou ás veces o xénero da larva pode recoñecerse polo tipo de estoxo que fabrica. Os materiais usados poden ser grans de area, fragmentos de grava fina, codia de árbores, paus, follas, sementes e cunchas de moluscos. Estes están coidadosamente colocados e pegados á superficie externa do tubo de seda. A medida que a larva medra, engaden máis material na parte anterior do tubo e a larva pode xirarse dentro do tubo e recortar a parte traseira do mesmo para non ter que arrastrala polo substrato.[20]

Os estoxos dos tricópteros están abertos polos dous extremos, as larvas fan circular auga ben oxixenada que entra polo extremo posterior do tubo e pasa polas súas branquias e bombéana fóra polo extremo anterior, que é máis ancho. A larva pode moverse dentro do tubo e isto axuda a manter a corrente de auga no seu interior; canto menor é o contido de oxíxeno da auga, máis activa ten que ser a larva creando esta corrente. Este mecanismo permite que as larvas de tricópteros vivan en augas cun contido de oxíxeno baixo nas que non poderían vivir as dos plecópteros e efemerópteros.[21]

Refuxios fixos editar

A diferenza das larvas que forman estoxos portátiles, os membros da suborde Annulipalpia teñen unha estratexia de alimentación completamente diferente e os estoxos ou refuxios tubulares que constrúen non son portátiles. Fabrican refuxios tubulares fixados no substrato nos cales permanecen estacionarios, esperando a que a comida chegue a eles. As familias Psychomyiidae, Ecnomidae e Xiphocentronidae constrúen tubos simples de area e outras partículas unidos por seda e ancorados ao leito do río, e aliméntanse das acumulacións de limo formadas cando se deposita o material que estaba en suspensión na auga. O tubo pode ser agrandado cando a larva en crecemento necesita alimentarse en novas zonas circundantes.[22] As larvas de Polycentropodidae constrúen tubos máis complexos, curtos e aplanados en ocos entre as rochas ou outros obxectos mergullados, ás veces con filamentos de seda suspendidos a través da superficie próxima. Estas larvas son carnívoras, lembran a arañas na súa forma de alimentarse e saen de repente do seu refuxio para atacar a calquera pequena presa imprudente que pase pola superficie.[22]

Cúpulas de seda editar

As larvas da familia Glossosomatidae da suborde Spicipalpia crean recintos de seda con forma de cúpula que lles permiten pastar no perífiton, a película biolóxica que crece sobre as pedras e outros obxectos, e cargan con estas construcións dun lado para outro como se fosen a coiraza dunha tartaruga.[23] Na familia Philopotamidae, as redes teñen forma de saco, unha estrutura intricada e unha malla diminuta. As larvas teñen pezas bucais especializadas para raspar a microflora que queda atrapada na rede a medida que a auga flúe a través dela.[24]

Redes editar

 
Rede feita por unha larva da suborde Spicipalpia

As larvas doutras especies de tricópteros fan redes en vez de estoxos. Son redes de seda estendidas entre a vexetación acuática e sobre as pedras. Estas larvas que fabrican redes xeralmente viven en augas correntes, e as diferentes especies ocupan distintos hábitats con distintas velocidades da corrente. Hai unha deriva constante de invertebrados arrastrados augas abaixo pola corrente, e estes animais e fragmentos de residuos, acumúlanse nas redes que serven tanto de trampas para cazar coma de refuxio.[25]

Desenvolvemento editar

As larvas dos tricópteros son acuáticas, teñen seis pares de branquias traqueais na parte inferior do abdome. As larvas son longas e máis ben cilíndricas. As súas cabezas están fortemente esclerotizadas, pero o abdome é brando; as antenas son curts e as pezas bucais adaptadas a morder. Cada un dos segmentos abdominais, que son normalmente dez, leva un par de patas ou propatas cunha soa articulación tarsal. Nas especies que cargan co estoxo, os primeiros segmentos levan tres papilas, unha por riba e dúas polos lados, que ancoran a larva centrada do tubo. O segmento posterior leva un par de ganchos para a loita.[21] A larva pasa por de cinco a sete ínstares, e despois por unha fase de pupa acuática con mandíbulas funcionais (para cortar o estoxo), branquias e patas nadadoras.[6]

O casulo pupal técese con seda, pero igual que o estoxo larvario, doita ter adheridos outros materiais. Cando pupan, as especies que constrúen estoxos portátiles adhírense a algún obxecto mergullado, selan as aberturas anterior e posterior do tubo para evitar os depredadores, pero de modo que permitan que a auga poida continuar a fluír por el, e pupan no seu interior. Unha vez que se desenvolveron completamente, a maioría dos tricópteros pupais cortan o estoxo co par de mandíbulas especial que teñen, nadan ata a superficie da auga, mudan usando a exuvia (exoesqueleto vello baleiro) como plataforma flotante, e emerxen como adultos competamente formados. Xeralmente poden voar inmediatamente despois de romper a cutícula pupal. Esta emerxencia é principalmente univoltina (unha vez ao ano) e todos os adultos dunha especie emerxen ao mesmo tempo. O desenvolvemento é de menos dun ano en sitios cálidos, pero dura aproximadamente un ano a altas latitudes e elevadas alturas en lagos e correntes de montaña.[6]

O tricóptero adulto é un isecto de mediano tamaño con ás membranosas peludas, que coloca cando está pousado a modo de tenda sobre o corpo. As súas antenas son bastante longas e con forma filamentosa, as pezas bucais están reducidas en tamaño e as patas teñen cinco tarsos (artellos inferiores das patas).[21] Os adultos son nocturnos e son atraídos pola luz. Algunhas especies teñen un voo potente e poden dispersarse a novas localidades,[25] pero moitas teñen un voo feble.[21] Os adultos son xeralmente de curta vida, a maioría non se alimentan e están equipados só para poder reproducirse, pero nalgunhas especies aliméntanse de néctar.[21] Unha vez que se aparearon, as femias poñen ovos nunha masa xelatinosa, pegándoos a un obxecto por riba ou por debaixo da superficie da auga segundo a especie. Os ovos eclosionan en poucas semanas.[26]

Relacións cos humanos editar

 
Mosca artificial para a pesca que imita ao tricóptero Lepidostoma para a pesca da troita usada en Norteamérica
 
"Limnephilus elegans tomado de British Entomology de John Curtis, c. 1840

Na pesca con cana editar

Os tricópteros úsanse na pesca con cana como isco ou engano nos anzós. Cada especie emerxe en masa en diferentes momentos e a miúdo aparecen só durante uns poucos días ao ano polo que os pescadores usan primeiro unha especie e despois outra durante a tempada de pesca como modelos para as moscas artificiais para a pesca de cana con mosca nos regatos troiteiros.[15] A mass emergence is known as a hatch.[27] Utilízanse sobre todo Mystacides, Sericostoma,Leptocerus, Phryganea, Brachycentrus subnubilis, Lepidostoma,[15] Oecetis, Cheumatopsyche, Helicopsyche (moi usada en Norteamérica), e Hydropsyche (a máis importante para este tipo de pesca en Norteamérica).[27]

Como bioindicadores editar

Os tricópteros son útiles como bioindicadores da boa calidade da auga, xa que son sensibles á contaminación da auga, e son o suficientemente grandes como para ser avaliadas doadamente no campo.[28] Algunhas especies indican un hábitat non alterado, e outras indican un hábitat degradado.[29] Aínda que os tricópteros poden encontrarse en corpos de auga de diversas calidades, os conxuntos ou ensamblaxes de fauna ricos en tricópteros considérase xeralmente que indican corpos de auga limpos, como lagos, lagoas e marismas en boas condicións. Xunto cos plecópteros e efemerópteros, os tricópteros son importantes nas bioestimacións de vixilancia do estado das correntes e outros corpos de auga.[30]

Na arte editar

Como os tricópteros silvestres constrúen os seus estoxos con paus, area, plantas acuáticas e pedriñas, o artista francés Hubert Duprat fixo obras de arte proporcionando a tricópteros silvestres pedras preciosas e outros materiais para que construísen os seus tubos. Recolleu as larvas na natureza e púxoas en tanques con condicións controladas. Sacou as larvas dos seus estoxos orixinais para que empezasen a construír outros e puxo no tanque obxectos preciosos e semipreciosos como grans de ouro. As larvas construíron os estoxos con elas creando unha forma de obra de arte moi fermosa, que despois o artista vendeu por todo o mundo.[31]

Taxonomía editar

Hai aproximadamente 14 500 especies distribuídas nunhas 45 familias en todo o mundo.[6]

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tricópteros.
  2. Glenn B. Wiggins, Larvae of the North American Caddisfly General (Trichoptera), 2nd. ed. (Toronto: University Press, 1996), p. 3
  3. Daly, Howell V.; Doyen, John T.; Purcell, Alexander H. (1998). Introduction to Insect Biology and Diversity (2nd ed.). Oxford University Press. p. 320. ISBN 0-19-510033-6. 
  4. 4,0 4,1 Mouro, Lucas D.; Zatoń, Michał; Fernandes, Antonio C.S.; Waichel, Breno L. (2015). "Larval cases of caddisfly (Insecta: Trichoptera) affinity in Early Permian marine environments of Gondwana". Nature (en inglés) 6. doi:10.1038/srep19215. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Wiggins, Glenn B. (2015). Caddisflies: The Underwater Architects. University of Toronto Press. p. Introduction. ISBN 978-1-4426-5617-8. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Gullan, P.J.; Cranston, P.S. (2010). The Insects: An Outline of Entomology (4th ed.). Wiley. pp. 522–523. ISBN 978-1-118-84615-5. 
  7. 7,0 7,1 Schmid, F. (1998). Genera of the Trichoptera of Canada and Adjoining Or Adjacent United States. NRC Research Press. pp. 6–7. ISBN 978-0-660-16402-1. 
  8. Whiting, Michael F.; Whiting, Alison S.; Hastriter, Michael W.; Dittmar, Katharina (2008). "A molecular phylogeny of fleas (Insecta: Siphonaptera): origins and host associations". Cladistics. 24 (5): 1–31. doi:10.1111/j.1096-0031.2008.00211.x.
  9. Whiting, Michael F.; Whiting, Alison S.; Hastriter, Michael W.; Dittmar, Katharina (2008). "A molecular phylogeny of fleas (Insecta: Siphonaptera): origins and host associations". Cladistics 24 (5): 1–31. doi:10.1111/j.1096-0031.2008.00211.x. 
  10. Yeates, David K.; Wiegmann, Brian. "Endopterygota Insects with complete metamorphosis". Tree of Life. Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2016. Consultado o 24 May 2016. 
  11. Whiting, Michael F. (2002). "Mecoptera is paraphyletic: multiple genes and phylogeny of Mecoptera and Siphonaptera". Zoologica Scripta 31 (1): 93–104. doi:10.1046/j.0300-3256.2001.00095.x. 
  12. Wiegmann, Brian; Yeates, David K. (2012). The Evolutionary Biology of Flies. Columbia University Press. p. 5. ISBN 978-0-231-50170-5. 
  13. Kjer, K.M.; Blahnik, R.J.; Holzenthal, R.W. (2002). "Phylogeny of Trichoptera (caddisflies): characterization of signal and noise within multiple datasets". Systematic Biology 51 (2): 385–387. JSTOR 3070865. 
  14. Resh, Vincent H.; Cardé, Ring T. (2003). Encyclopedia of Insects. Academic Press. p. 1150. ISBN 978-0-08-054605-6. 
  15. 15,0 15,1 15,2 Marren, Peter; Mabey, Richard (2010). Bugs Britannica. Chatto & Windus. pp. 156–157. ISBN 978-0-7011-8180-2. 
  16. Spellman, Frank R.; Drinan, Joanne (2001). Stream Ecology and Self Purification: An Introduction. CRC Press. p. 153. ISBN 978-1-4200-3167-6. 
  17. Crafts, Carol B. "Caddisfly (Order: Trichoptera)". Stressed stream analysis. Providence College. Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2016. Consultado o 14 May 2017. 
  18. Spellman, Frank R.; Drinan, Joanne (2001). Stream Ecology and Self Purification: An Introduction. CRC Press. pp. 115–117. ISBN 978-1-4200-3167-6. 
  19. Lawson, Mike (2003). Spring Creeks. Stackpole Books. pp. 100–101. ISBN 978-0-8117-0068-9. 
  20. 20,0 20,1 Wiggins, Glenn B. (2015). "1.2". Caddisflies: The Underwater Architects. University of Toronto Press. ISBN 978-1-4426-5617-8. 
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 Spellman, Frank R. (2008). Ecology for Nonecologists. Rowman & Littlefield. p. 159–160. ISBN 978-0-86587-197-7. 
  22. 22,0 22,1 Wiggins, Glenn B. (2015). "1.3". Caddisflies: The Underwater Architects. University of Toronto Press. ISBN 978-1-4426-5617-8. 
  23. Wiggins, Glenn B. (2015). "4.4". Caddisflies: The Underwater Architects. University of Toronto Press. ISBN 978-1-4426-5617-8. 
  24. Wallace, J. Bruce; Malas, Diane (1976). "The fine structure of capture nets of larval Philopotamidae (Trichoptera), with special emphasis on Dolophilodes distinctus". Canadian Journal of Zoology 54 (10): 1788–1802. doi:10.1139/z76-208. 
  25. 25,0 25,1 "Caddis Flies (Trichoptera)". Life in Fresh Water. Field Studies Council. Consultado o 1 May 2017. 
  26. Wiggins, Glenn B. (2015). "8". Caddisflies: The Underwater Architects. University of Toronto Press. ISBN 978-1-4426-5617-8. 
  27. 27,0 27,1 Lawson, Mike (2003). Spring Creeks. Stackpole Books. pp. 99–118. ISBN 978-0-8117-0068-9. 
  28. Barbour, M.T.; Gerritsen, J.; Stribling, J.B. (1999). Rapid Bioassessment Protocols for Use in Streams and Wadeable Rivers: Periphyton, Benthic Macroinvertebrates and Fish, Second Edition (Informe). Washington, D.C.: U.S. Environmental Protection Agency (EPA). EPA 841-B-99-002. 
  29. Pereira, Lilian R.; Cabette, Helena S.R.; Juen, Leandro (2012). "Trichoptera as bioindicators of habitat integrity in the Pindaíba river basin, Mato Grosso (Central Brazil)" (PDF). International Journal of Limnology 48: 295–302. doi:10.1051/limn/2012018. 
  30. "Biomonitoring Macroinvertebrates". Bureau of Land and Water Quality, Maine Department of Environmental Protection. Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2017. Consultado o 14 May 2017. 
  31. "Artist Hubert Duprat Collaborates with Caddisfly Larvae as They Build Aquatic Cocoons from Gold and Pearls". Colossal. Consultado o 17 April 2017. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • "Caddis Larvae" Norman E. Hickin (1967) Hutchinson & Co. Ltd. Londres.
  • Caddisfly, Troutster.com

Ligazóns externas editar