Célula de Leydig

As células de Leydig, tamén chamadas células intersticiais de Leydig, encóntranse nos espazos ou intersticios que hai entre os túbulos seminíferos que enchen o testículo. A súa función principal é producir testosterona, a hormona masculina máis importante. As células de Leydig teñen forma poliédrica, teñen un núcleo grande, e un citoplasma acidófilo con numerosas vesículas cheas de lípidos.

Sección histolóxica do parénquima testicular de porco. 1 Lume da parte convoluta dos túbulos seminíferos, 2 espermátidas, 3 espermatocitos, 4 espermatogonias, 5 célula de Sertoli, 6 miofibroblastos, 7 células de Leydig, 8 capilares.

Historia

editar

Reciben ese nome porque as descubriu o anatomista alemán Franz Leydig en 1850.[1]

Funcións

editar

As células de Leydig liberan hormonas esteroides do grupo dos andróxenos. Secretan testosterona, androstenediona e deshidroepiandrosterona (DHEA), cando son estimuladas pola hormona luteinizante (LH) secretada pola glándula pituitaria. A hormona luteinizante fai que se incremente a actividade da colesterol desmolase (un encima asociado coa conversión de colesterol a pregnenolona), o que fai que se active a síntese de testosterona e a actividade secretoria das células de Leydig.

A prolactina (PRL) aumenta a resposta das células de Leydig á hormona luteinizante ao incrementar o número de receptores para a LH expresados polas células de Leydig.

Nalgunhas especies as células de Leydig dos machos posúen tamén os encimas necesarios para sintetizar oxitocina testicular de novo, por exemplo, as ratas estimuladas pola vitamina C (a cal poden fabricar endoxenamente) e en cobaias (que deben recibir esta vitamina exoxenamente, como os humanos) poden fabricar oxitocina nos testículos.[2]

Ultraestrutura

editar

A célula de Leydig de mamífero é unha célula poliédrica epitelioide cun núcleo único grande, ovoide e excéntrico. O núcleo contén dun a tres nucléolos prominentes e grandes cantidades de heterocromatina periférica densamente tinguida. O citoplasma é acidófilo e xeralmente contén numerosas pingas lipídicas rodeadas de membrana e un extenso retículo endoplasmático liso, con pequenas zonas de retículo endoplasmático rugoso. Ademais, destacan no citoplasma varias mitocondrias grandes. Frecuentemente, atópanse o pigmento lipofuscina e estruturas cristalinas con forma de bastón de 3 a 20 micrómetros de diámetro (cristais de Reinke), que son inclusións de estrutura descoñecida.[3][4] Ningunha outra célula intersticial dos testículos ten un citoplasma con estas características, polo que a identificación das células de Leydig é doada.

Desenvolvemento

editar
 
Sección do cordón xenital do testículo dun embrión humano de 3,5 cm. de lonxitude.

As células de Leydig de tipo adulto diferéncianse nos testículos postnatais, pero están quiescentes ata a puberdade. Antes, entre a 8ª-20ª semana de xestación aparecen no testículo as células de Leydig de tipo fetal, que producen testosterona dabondo para provocar a masculinización do feto macho.[5]

Patoloxía

editar

As células de Leydig poden reproducirse de forma incontrolada orixinando un tumor de célula de Leydig. Estes tumores son xeralmente benignos e poden ser hormonalmente activos, é dicir, secretan testosterona.

Outro exemplo de doenza que afecta ás células de Leydig é a adrenomieloneuropatía, na cal a testosterona do paciente pode descender malia os niveis maiores do normal das hormonas luteinizante (LH) e estimulante dos folículos (FSH).

  1. Who named it? Leydig cell
  2. Kukucka Mark A, Misra Hara P (1992). "HPLC determination of an oxytocin-like peptide produced by isolated guinea pig Leydig cells: stimulation by ascorbate". Arch. Androl. 29 (2): 185–90. PMID 1456839. doi:10.3109/01485019208987723. 
  3. Al-Agha O, Axiotis C (2007). "An in-depth look at Leydig cell tumor of the testis". Arch Pathol Lab Med 131 (2): 311–7. PMID 17284120. doi:10.1043/1543-2165(2007)131[311:AILALC]2.0.CO;2. 
  4. Ramnani, Dharam M (2010-06-11). "Leydig Cell Tumor : Reinke's Crystalloids". Consultado o 14-12-2011. 
  5. Svechnikov K, Landreh L, Weisser J, Izzo G, Colón E, Svechnikova I, Söder O (2010). "Origin, development and regulation of human Leydig cells". Horm Res Paediatr. 73 (2): 93–101. PMID 20190545. doi:10.1159/000277141. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar