Hormona luteinizante
A hormona luteinizante (LH) ou lutropina[1] é unha hormona peptídica producida pola adenohipófise ou pituitaria anterior. Nas mulleres un aumento agudo da concentración de LH desencadea a ovulación e o desenvolvemento do corpo lúteo. Nos homes, nos que a hormona recibiu tamén o nome de hormona estimulante das células intersticiais (ICSH),[2] estimula a produción de testosterona nas células de Leydig. A LH actúa sinerxicamente coa hormona estimulante dos folículos (FSH).
A liberación de LH na hipófise ou pituitaria está controlada por pulsos de hormona liberadora da gonadotropina (GnRH) segregada no hipotálamo. Eses pulsos, á súa vez, están suxeitos á retroalimentación dos estróxenos producidos polas gónadas.
Estrutura
editarA LH é unha glicoproteína heterodimérica. Cada unidade monomérica é unha molécula glicoproteica. As subunidades denomínanse alfa e beta, e únense entre elas por medio de enlaces non covalentes, é dicir, non forman pontes disulfuro. A súa estrutura é similar á doutras hormonas glicoproteicas, como a hormona estimulante dos folículos (FSH), a hormona estimulante da tiroide (TSH), e a gonadotropina coriónica humana (hCG).
- A subunidade alfa das hormonas glicoproteicas LH, FSH, TSH, e hCG é idéntica, e contén 92 aminoácidos nos humanos, pero na maioría dos outros vertebrados ten 96. Nos invertebrados non existe esta subunidade hormonal.
A secuencia de 92 aminoácidos da subunidade alfa da LH nos humanos é a seguinte (o residuo de carbohidratos da molécula está unido á asparaxina nas posicións 52 e 78):
NH2 – Ala – Pro – Asp – Val – Gln – Asp – Cys – Pro – Glu – Cys – Thr – Leu – Gln – Glu – Asn – Pro – Phe – Phe – Ser – Gln – Pro – Gly – Ala – Pro – Ile – Leu – Gln – Cys – Met – Gly – Cys – Cys – Phe – Ser – Arg – Ala – Tyr – Pro – Thr – Pro – Leu – Arg – Ser – Lys – Lys – Thr – Met – Leu – Val – Gln – Lys – Asn – Val – Thr – Ser – Glu – Ser – Thr – Cys – Cys – Val – Ala – Lys – Ser – Tyr – Asn – Arg – Val – Thr – Val – Met – Gly – Gly – Phe – Lys – Val – Glu – Asn – His – Thr – Ala – Cys – His – Cys – Ser – Thr – Cys – Tyr – Tyr – His – Lys – Ser – OH
- As subunidades beta son distintas nestas hormonas. A LH ten unha subunidade beta de 121 aminoácidos (LHB) que lle confire a súa acción biolóxica específica e é responsable da interacción específica co receptor de LH [3]. Esta subunidade beta contén unha secuencia de aminoácidos que ten grandes analoxías coa subunidade beta da hCG e ambas as dúas poden estimular o mesmo receptor. Porén, a subunidade beta da hCG contén 24 aminoácidos adicionais, e as dúas hormonas teñen residuos de azucres distintos. A diferente composición destes oligosacáridos afecta á bioactividade e velocidade de degradación destas hormonas. A vida media biolóxica da LH é de 20 minutos [4], menor ca a da FSH, que é de 3–4 horas, e a da hCG é de 24 horas.
A secuencia de aminoácidos da subunidade beta da LH é a seguinte:
NH2 – Ser – Arg – Glu – Pro – Leu – Arg – Pro – Trp – Cys – His – Pro – Ile – Asn – Ala – Ile – Leu – Ala – Val – Glu – Lys – Glu – Gly – Cys – Pro – Val – Cys – Ile – Thr – Val – AsnThr – Thr – Ile – Cys – Ala – Gly – Tyr – Cys – Pro – Thr – Met – Met – Arg – Val – Leu – Gln – Ala – Val – Leu – Pro – Pro – Leu – Pro – Gln – Val – Val – Cys – Thr – Tyr – Arg – Asp – Val – Arg – Phe – Glu – Ser – Ile – Arg – Leu – Pro – Gly – Cys – Pro – Arg – Gly – Val – Asp – Pro – Val – Val – Ser – Phe – Pro – Val – Ala – Leu – Ser – Cys – Arg – Cys – Gly – Pro – Cys – Arg – Arg – Ser – Thr – Ser – Asp – Cys – Gly – Gly – Pro – Lys – Asp – His – Pro – Leu – Thr – Cys – Asp – His – Pro – Gln – Leu – Ser – Gly – Leu – Leu – Phe – Leu – OH
Xenes
editarO xene da subunidade alfa está situado no cromosoma 6 (locus 6q12.21) [4].
A subunidade beta da hormona luteinizante está localizada na agrupación de xenes LHB/CGB do cromosoma 19 (locus 19q13.32). A diferenza do que ocorre coa actividade do xene alfa, a actividade do xene da subunidade beta está restrinxida ás células gonodotrópicas da hipófise ou pituitaria. Está regulada pola hormona liberadora da gonadotropina do hipotálamo. A inhibina, a activina, e as hormonas sexuais non afectan á actividade xenética da produción da subunidade beta da LH.
Funcións
editarTanto en homes coma en mulleres a LH é unha gonadotropina esencial para a reprodución.
- Nas mulleres a LH causa a ovulación e mantén o corpo lúteo. No momento da menstruación, a FSH inicia o crecemento folicular, que afecta especificamente ás células da granulosa.[6] Co aumentos dos estróxenos, os receptores da LH tamén se expresan no folículo en maduración, que aumenta a súa produción de estradiol. Finalmente no momento da maduración do folículo, o aumento de estróxeno produce por vía hipotalámica un efecto de "retroalimentación positiva", que orixina unha liberación de LH durante un período de 24 a 48 horas. Esta ondada de LH desencadea a ovulación, na cal se libera o óvulo e se converte o que queda do folículo no corpo lúteo, o cal, á súa vez, produce proxesterona para preparar o endometrio uterino para unha posible implantación do embrión. A LH é necesaria para manter a función do corpo lúteo durante as primeiras unha ou dúas semanas. En caso de producirse embarazo, a función do corpo lúteo será mantida pola hCG (unha hormona bastante semellante á LH) producida pola placenta. A LH mantén as células da teca do folículo ovárico que producen andróxenos e precursores hormonais para a produción de estradiol.
- Nos machos, a LH actúa sobre as células de Leydig dos testículos e é responsable da produción de testosterona, un andróxeno que exerce actividades endócrinas e estimula a espermatoxénese.
Niveis normais
editarOs niveis de LH son normalmente baixos durante a nenez e, nas mulleres, son altos despois da menopausa. Como a LH se segrega en pulsos, é necesario medir a súa concentración nun período de tempo suficientemente longo para obter unha información axeitada dos seus niveis sanguíneos.
Durante os anos reprodutivos, os niveis típicos están entre 1-20 IU/L. Os niveis de LH fisioloxicamente altos que aparecen durante a ondada de LH previa á ovulación duran xeralmente unhas 48 horas.
Predición da ovulación
editarA detección da ondada de hormona luteinizante indica que a ovulación é inminente. A LH pode detectarse na urina utilizando unha proba para a predición da ovulación (kit de LH), que se realiza xeralmente cada día durante o período do ciclo menstrual próximo ao que se espera a ovulación.[7] Unha lectura positiva na proba indica que a ovulación se vai producir en 24-48 horas, período no que é máis probable a fecundación se se teñen relacións sexuais ou se produce inseminación artificial.[8]
Estas probas de hormona luteinizante poden combinarse con probas para o estradiol.[9]
Como o esperma pode permanecer viable na muller durante varios días, as probas de LH non se recomendan nas prácticas anticonceptivas, xa que a ondada de LH ocorre tipicamente despois do comezo do período fértil.
Enfermidades
editarElevacións relativas
editarNos nenos con puberdade precoz de orixe hipofisaria ou central, os niveis de LH e FSH poden chegar aos rangos reprodutivos en lugar de ser baixos como correspondería á idade.
Durante os anos reprodutivos, un nivel de LH relativamente alto é frecuente en pacientes de síndrome de ovario poliquístico; porén, a pesar disto, xeralmente o seu nivel se mantén dentro do rango reprodutivo.
Niveis altos de LH
editarOs niveis de LH persistentemente altos son indicativos de situacións onde está ausente a retroalimentación negativa normal exercida desde as gónadas, o que orixina unha produción hipofisaria de LH e FSH. Aínda que isto é típico na menopausa, non é normal nos anos reprodutivos. Isto pode indicar os seguintes trastornos:
- Menopausa prematura.
- Disxénese gonadal, síndrome de Turner.
- Castración.
- Síndrome de Swyer.
- Síndrome de ovario poliquístico.
- Certas formas de hiperplasia conxénita adrenal.
- Insuficiencia testicular.
Actividade deficiente da LH
editarA diminución da secreción de LH pode orixinarse en casos de insuficiencia gonadal (hipogonadismo). Esta condición é unha manifestación típica en homes que non producen un número normal de espermatozoides. Nas femias, nestes casos obsérvase xeralmente amenorrea. Condicións con moi pouca secreción de LH son:
- Síndrome de Kallmann.
- Supresión hipotalámica.
- Hipopituitarismo.
- Trastornos de alimentación.
- Hiperprolactinemia.
- Deficiencia de gonadotropina.
- Terapia de supresión gonadal .
Dispoñibilidade
editarA LH está dispoñible mesturada coa FSH en forma de Pergonal, e outras formas de gonadotropinas urinarias. Formas máis purificadas de gonadotropinas urinarias poden reducir a porción de LH en relación á FSH. A LH recombinante está dispoñible como lutropina alfa (Luveris).[10][11][12] Todas estas medicacións deben ser administradas por vía parenteral. Úsanse normalmente para tratar a infertilidade estimulando o desenvolvemento folicular. O principal uso é na terapia de fertilización in vitro.
A miúdo, a hCG, extraída da urina de mulleres preñadas, utilízase como un substituto da LH porque activa o mesmo receptor, é menos cara e ten unha vida media maior ca a LH.
Notas
editar- ↑ "eMedicineDictionary - lutropin". Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2012. Consultado o 15 de febreiro de 2012.
- ↑ Louvet J, Harman S, Ross G (1975). "Effects of human chorionic gonadotropin, human interstitial cell stimulating hormone and human follicle-stimulating hormone on ovarian weights in estrogen-primed hypophysectomized immature female rats". Endocrinology 96 (5): 1179–86. PMID 1122882. doi:10.1210/endo-96-5-1179.
- ↑ UniProt
- ↑ 4,0 4,1 Nichole M Barker; Richard Scott Lucidi. Luteinizing Hormone Deficiency. Medscape reference [1]
- ↑ References and further description of values are given in image page in Wikimedia Commons at Commons:File:Luteinizing hormone (LH) during menstrual cycle.png.
- ↑ "Gonadotropins: Luteinizing and Follicle Stimulating Hormones at colostate.edu". Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2020. Consultado o 14 de febreiro de 2012.
- ↑ Nielsen M, Barton S, Hatasaka H, Stanford J (2001). "Comparison of several one-step home urinary luteinizing hormone detection test kits to OvuQuick". Fertil Steril 76 (2): 384–7. PMID 11476792. doi:10.1016/S0015-0282(01)01881-7.
- ↑ "Ovulation Predictor Kit information at pinelandpress.com". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2012. Consultado o 14 de febreiro de 2012.
- ↑ "Clearblue website". Consultado o 2009-08-11.[Ligazón morta]
- ↑ "Luveris information". Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2006. Consultado o 14 de febreiro de 2012.
- ↑ Luveris®; http://www.emdserono.com/cmg.emdserono_us/en/images/Luveris_tcm115_19351.pdf Arquivado 03 de febreiro de 2012 en Wayback Machine.
- ↑ Luveritis, Administration and storage info, http://www.txfertility.com/forms/Luveris%20instructions.pdf Arquivado 31 de marzo de 2012 en Wayback Machine.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- MeshName - Luteinizing+Hormone [2]