Hormona luteinizante

A hormona luteinizante (LH) ou lutropina[1] é unha hormona peptídica producida pola adenohipófise ou pituitaria anterior. Nas mulleres un aumento agudo da concentración de LH desencadea a ovulación e o desenvolvemento do corpo lúteo. Nos homes, nos que a hormona recibiu tamén o nome de hormona estimulante das células intersticiais (ICSH),[2] estimula a produción de testosterona nas células de Leydig. A LH actúa sinerxicamente coa hormona estimulante dos folículos (FSH).

A liberación de LH na hipófise ou pituitaria está controlada por pulsos de hormona liberadora da gonadotropina (GnRH) segregada no hipotálamo. Eses pulsos, á súa vez, están suxeitos á retroalimentación dos estróxenos producidos polas gónadas.

Estrutura

editar

A LH é unha glicoproteína heterodimérica. Cada unidade monomérica é unha molécula glicoproteica. As subunidades denomínanse alfa e beta, e únense entre elas por medio de enlaces non covalentes, é dicir, non forman pontes disulfuro. A súa estrutura é similar á doutras hormonas glicoproteicas, como a hormona estimulante dos folículos (FSH), a hormona estimulante da tiroide (TSH), e a gonadotropina coriónica humana (hCG).

A secuencia de 92 aminoácidos da subunidade alfa da LH nos humanos é a seguinte (o residuo de carbohidratos da molécula está unido á asparaxina nas posicións 52 e 78):

NH2 – Ala – Pro – Asp – Val – Gln – Asp – Cys – Pro – Glu – Cys – Thr – Leu – Gln – Glu – Asn – Pro – Phe – Phe – Ser – Gln – Pro – Gly – Ala – Pro – Ile – Leu – Gln – Cys – Met – Gly – Cys – Cys – Phe – Ser – Arg – Ala – Tyr – Pro – Thr – Pro – Leu – Arg – Ser – Lys – Lys – Thr – Met – Leu – Val – Gln – Lys – Asn – Val – Thr – Ser – Glu – Ser – Thr – Cys – Cys – Val – Ala – Lys – Ser – Tyr – Asn – Arg – Val – Thr – Val – Met – Gly – Gly – Phe – Lys – Val – Glu – Asn – His – Thr – Ala – Cys – His – Cys – Ser – Thr – Cys – Tyr – Tyr – His – Lys – Ser – OH

  • As subunidades beta son distintas nestas hormonas. A LH ten unha subunidade beta de 121 aminoácidos (LHB) que lle confire a súa acción biolóxica específica e é responsable da interacción específica co receptor de LH [3]. Esta subunidade beta contén unha secuencia de aminoácidos que ten grandes analoxías coa subunidade beta da hCG e ambas as dúas poden estimular o mesmo receptor. Porén, a subunidade beta da hCG contén 24 aminoácidos adicionais, e as dúas hormonas teñen residuos de azucres distintos. A diferente composición destes oligosacáridos afecta á bioactividade e velocidade de degradación destas hormonas. A vida media biolóxica da LH é de 20 minutos [4], menor ca a da FSH, que é de 3–4 horas, e a da hCG é de 24 horas.

A secuencia de aminoácidos da subunidade beta da LH é a seguinte:

NH2 – Ser – Arg – Glu – Pro – Leu – Arg – Pro – Trp – Cys – His – Pro – Ile – Asn – Ala – Ile – Leu – Ala – Val – Glu – Lys – Glu – Gly – Cys – Pro – Val – Cys – Ile – Thr – Val – AsnThr – Thr – Ile – Cys – Ala – Gly – Tyr – Cys – Pro – Thr – Met – Met – Arg – Val – Leu – Gln – Ala – Val – Leu – Pro – Pro – Leu – Pro – Gln – Val – Val – Cys – Thr – Tyr – Arg – Asp – Val – Arg – Phe – Glu – Ser – Ile – Arg – Leu – Pro – Gly – Cys – Pro – Arg – Gly – Val – Asp – Pro – Val – Val – Ser – Phe – Pro – Val – Ala – Leu – Ser – Cys – Arg – Cys – Gly – Pro – Cys – Arg – Arg – Ser – Thr – Ser – Asp – Cys – Gly – Gly – Pro – Lys – Asp – His – Pro – Leu – Thr – Cys – Asp – His – Pro – Gln – Leu – Ser – Gly – Leu – Leu – Phe – Leu – OH

 
Rangos de referencia para análises de sangue do contido en sangue de LH durante o ciclo mesntrual.[5]
- Os rangos denominados na figura By biological stage (por fase biolóxica) poden ser usados en ciclos menstruais estritamente monitorizados en relación con outros marcadores da súa progresión biolóxica, coa escala de tempo comprimida ou estirada segundo o rapidamente ou lentamente que, respectivamente, progrese o ciclo comparado cun ciclo medio.
- Os rangos denominados na figura Inter-cycle variability (variabilidade entre ciclos) son máis apropiados para usalos en ciclos non monitorizados nos que só se coñece o inicio da menstruación, pero nos que a muller sabe con precisión a duración do seu ciclo medio e o momento da ovulación, e que son máis ben regulares como media, coa escala de tempo comprimida ou estirada segundo o ciclo medio da muller sexa máis curto ou máis longo, respectivamente, ca o ciclo medio da poboación.
- Os rangos denominados na figura Inter-woman variability (variabilidade entre mulleres) son máis apropiados para utilizalos cando a duración do ciclo medio e o momento da ovulación non se coñecen, e só se sabe o comezo da menstruación.

O xene da subunidade alfa está situado no cromosoma 6 (locus 6q12.21) [4].

A subunidade beta da hormona luteinizante está localizada na agrupación de xenes LHB/CGB do cromosoma 19 (locus 19q13.32). A diferenza do que ocorre coa actividade do xene alfa, a actividade do xene da subunidade beta está restrinxida ás células gonodotrópicas da hipófise ou pituitaria. Está regulada pola hormona liberadora da gonadotropina do hipotálamo. A inhibina, a activina, e as hormonas sexuais non afectan á actividade xenética da produción da subunidade beta da LH.

Funcións

editar

Tanto en homes coma en mulleres a LH é unha gonadotropina esencial para a reprodución.

  • Nas mulleres a LH causa a ovulación e mantén o corpo lúteo. No momento da menstruación, a FSH inicia o crecemento folicular, que afecta especificamente ás células da granulosa.[6] Co aumentos dos estróxenos, os receptores da LH tamén se expresan no folículo en maduración, que aumenta a súa produción de estradiol. Finalmente no momento da maduración do folículo, o aumento de estróxeno produce por vía hipotalámica un efecto de "retroalimentación positiva", que orixina unha liberación de LH durante un período de 24 a 48 horas. Esta ondada de LH desencadea a ovulación, na cal se libera o óvulo e se converte o que queda do folículo no corpo lúteo, o cal, á súa vez, produce proxesterona para preparar o endometrio uterino para unha posible implantación do embrión. A LH é necesaria para manter a función do corpo lúteo durante as primeiras unha ou dúas semanas. En caso de producirse embarazo, a función do corpo lúteo será mantida pola hCG (unha hormona bastante semellante á LH) producida pola placenta. A LH mantén as células da teca do folículo ovárico que producen andróxenos e precursores hormonais para a produción de estradiol.
  • Nos machos, a LH actúa sobre as células de Leydig dos testículos e é responsable da produción de testosterona, un andróxeno que exerce actividades endócrinas e estimula a espermatoxénese.

Niveis normais

editar

Os niveis de LH son normalmente baixos durante a nenez e, nas mulleres, son altos despois da menopausa. Como a LH se segrega en pulsos, é necesario medir a súa concentración nun período de tempo suficientemente longo para obter unha información axeitada dos seus niveis sanguíneos.

Durante os anos reprodutivos, os niveis típicos están entre 1-20 IU/L. Os niveis de LH fisioloxicamente altos que aparecen durante a ondada de LH previa á ovulación duran xeralmente unhas 48 horas.

 
Kit para a predición da ovulación.

Predición da ovulación

editar

A detección da ondada de hormona luteinizante indica que a ovulación é inminente. A LH pode detectarse na urina utilizando unha proba para a predición da ovulación (kit de LH), que se realiza xeralmente cada día durante o período do ciclo menstrual próximo ao que se espera a ovulación.[7] Unha lectura positiva na proba indica que a ovulación se vai producir en 24-48 horas, período no que é máis probable a fecundación se se teñen relacións sexuais ou se produce inseminación artificial.[8]

Estas probas de hormona luteinizante poden combinarse con probas para o estradiol.[9]

Como o esperma pode permanecer viable na muller durante varios días, as probas de LH non se recomendan nas prácticas anticonceptivas, xa que a ondada de LH ocorre tipicamente despois do comezo do período fértil.

Enfermidades

editar

Elevacións relativas

editar

Nos nenos con puberdade precoz de orixe hipofisaria ou central, os niveis de LH e FSH poden chegar aos rangos reprodutivos en lugar de ser baixos como correspondería á idade.

Durante os anos reprodutivos, un nivel de LH relativamente alto é frecuente en pacientes de síndrome de ovario poliquístico; porén, a pesar disto, xeralmente o seu nivel se mantén dentro do rango reprodutivo.

Niveis altos de LH

editar

Os niveis de LH persistentemente altos son indicativos de situacións onde está ausente a retroalimentación negativa normal exercida desde as gónadas, o que orixina unha produción hipofisaria de LH e FSH. Aínda que isto é típico na menopausa, non é normal nos anos reprodutivos. Isto pode indicar os seguintes trastornos:

  1. Menopausa prematura.
  2. Disxénese gonadal, síndrome de Turner.
  3. Castración.
  4. Síndrome de Swyer.
  5. Síndrome de ovario poliquístico.
  6. Certas formas de hiperplasia conxénita adrenal.
  7. Insuficiencia testicular.

Actividade deficiente da LH

editar

A diminución da secreción de LH pode orixinarse en casos de insuficiencia gonadal (hipogonadismo). Esta condición é unha manifestación típica en homes que non producen un número normal de espermatozoides. Nas femias, nestes casos obsérvase xeralmente amenorrea. Condicións con moi pouca secreción de LH son:

  1. Síndrome de Kallmann.
  2. Supresión hipotalámica.
  3. Hipopituitarismo.
  4. Trastornos de alimentación.
  5. Hiperprolactinemia.
  6. Deficiencia de gonadotropina.
  7. Terapia de supresión gonadal .
    1. Antagonista da GnRH.
    2. Agonista da GnRH.

Dispoñibilidade

editar

A LH está dispoñible mesturada coa FSH en forma de Pergonal, e outras formas de gonadotropinas urinarias. Formas máis purificadas de gonadotropinas urinarias poden reducir a porción de LH en relación á FSH. A LH recombinante está dispoñible como lutropina alfa (Luveris).[10][11][12] Todas estas medicacións deben ser administradas por vía parenteral. Úsanse normalmente para tratar a infertilidade estimulando o desenvolvemento folicular. O principal uso é na terapia de fertilización in vitro.

A miúdo, a hCG, extraída da urina de mulleres preñadas, utilízase como un substituto da LH porque activa o mesmo receptor, é menos cara e ten unha vida media maior ca a LH.

  1. "eMedicineDictionary - lutropin". Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2012. Consultado o 15 de febreiro de 2012. 
  2. Louvet J, Harman S, Ross G (1975). "Effects of human chorionic gonadotropin, human interstitial cell stimulating hormone and human follicle-stimulating hormone on ovarian weights in estrogen-primed hypophysectomized immature female rats". Endocrinology 96 (5): 1179–86. PMID 1122882. doi:10.1210/endo-96-5-1179. 
  3. UniProt
  4. 4,0 4,1 Nichole M Barker; Richard Scott Lucidi. Luteinizing Hormone Deficiency. Medscape reference [1]
  5. References and further description of values are given in image page in Wikimedia Commons at Commons:File:Luteinizing hormone (LH) during menstrual cycle.png.
  6. "Gonadotropins: Luteinizing and Follicle Stimulating Hormones at colostate.edu". Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2020. Consultado o 14 de febreiro de 2012. 
  7. Nielsen M, Barton S, Hatasaka H, Stanford J (2001). "Comparison of several one-step home urinary luteinizing hormone detection test kits to OvuQuick". Fertil Steril 76 (2): 384–7. PMID 11476792. doi:10.1016/S0015-0282(01)01881-7. 
  8. "Ovulation Predictor Kit information at pinelandpress.com". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2012. Consultado o 14 de febreiro de 2012. 
  9. "Clearblue website". Consultado o 2009-08-11. [Ligazón morta]
  10. "Luveris information". Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2006. Consultado o 14 de febreiro de 2012. 
  11. Luveris®; http://www.emdserono.com/cmg.emdserono_us/en/images/Luveris_tcm115_19351.pdf Arquivado 03 de febreiro de 2012 en Wayback Machine.
  12. Luveritis, Administration and storage info, http://www.txfertility.com/forms/Luveris%20instructions.pdf Arquivado 31 de marzo de 2012 en Wayback Machine.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  • MeshName - Luteinizing+Hormone [2]