Néboa

(Redirección desde «Brétema»)

A néboa[1] ou brétema[2] é un fenómeno meteorolóxico consistente na presenza de nubes moi baixas, a nivel do chan. Este tipo de meteoro acontece cando a humidade do chan se evapora, e ó ascender, se arrefría e condensa. A única diferenza de feito, entre a néboa e as nubes, é que estas últimas non entran en contacto coa superficie da terra.

Néboa subindo dende o mar, na costa da Vela.
Panorama da cidade da Coruña
Néboa no Freixo de Sabardes

Clasificación

editar

A néboa diferénciase da borraxeira pola súa densidade como aerosol e por permitir unha visibilidade de menos de 2 km. Clasifícase segundo a orixe do arrefriado que xerou a condensación:

Néboa de radiación: ocorre logo da posta do sol, cando o chan perde calor a través da emisión de radiación infravermella nunha noite sen nubes (de estar presentes, as nubes evitarían que a calor escape ó espazo). Entón, o chan arrefriado produce condensación no aire próximo ó chan, a través do proceso de condución da calor. Este tipo de néboa é común en outono nos países de clima temperado, usualmente ten un grosor de 1m (inda que a turbulencia pode facer que se eleve, e é de curta duración.

Néboa de vento: toma lugar cando masas de aire cargadas de humidade pasan sobre chans fríos, o cal arrefría o aire mesmo. Este fenómeno é común nas costas, cando o morno aire tropical se encontra con augas de latitudes maiores. Tamén é común cando unha fronte cálida se move sobre unha área cunha cantidade considerable de neve.

Néboa de vapor: dáse cando un aire frío se move sobre augas máis cálidas. O vapor da auga entra na atmosfera por procesos de evaporación, e a condensación prodúcese cando se acada o punto de orballo. Este suceso é común en rexións polares, lagos de tamaño considerable, e ó final do outono e principio do inverno.

Néboa de precipitación: é cando chove, e o aire baixo a nube se acha relativamente seco. Isto fai que as gotas de chuvia se evaporen e formen vapor de auga, que se arrefría, e ó atinxir o punto de orballo, se converte en néboa.

Néboa de ladeira: fórmase cando o vento sopra contra a ladeira dunha montaña ou outra formación xeolóxica análoga. Ó ascender na atmosfera, a humidade condénsase. É por isto que moitas veces os cumios montañosos aparecen nubrados.

 
Néboa de val no río Navia.

Néboa de val: fórmase nos vales, usualmente durante o inverno. É resultado da inversión de temperatura, causada por aire frío que se asenta no val, mentres que o aire quente pasa por enriba deste e das montañas. Trátase basicamente de néboa de radiación confinada por un accidente orográfico, e pode durar varios días, se o clima está calmo.

Néboa de xeo: é calquera tipo de néboa na cal as gotas de auga se achan conxelado en forma de cristais de xeo minúsculos. Habitualmente, isto require de temperaturas bastante por debaixo do punto de conxelación, o cal fai que sexan comúns a rexións árticas e antárticas. En ocasións, pequenas cantidades destes cristais precipítanse á terra, como sucede en Barrow, Alasca.

Néboa artificial: néboa xerada artificialmente. Normalmente crease vaporizando auga e un fluído baseado en glicerina.

Outras consideracións

editar
  • A néboa reduce a visibilidade, e incluso causa que aeroportos, e en ocasións, estradas, sexan inutilizables, pois a falta de visibilidade (e nalgúns casos, visibilidade nula), fan perigoso o uso de vehículos.
  • Algúns vehículos poden voar con néboa mediante o uso do radar.
  • A néboa restrinxida a unha zona xeográfica (como os vales) é particularmente perigosa, pois pode atrapar por sorpresa ós condutores.
  • En aeroportos, intentouse combater a néboa a través do uso da calor, ou dispersando particulas de sal no aire, o cal tivo certo éxito en temperaturas baixo 0̊C (32̊F).
  • Tódolos tipos de néboa fórmanse cando a humidade relativa acada o 100% e a temperatura do aire baixa do punto de orballo, o cal causa que a auga se condense.

Galería de imaxes

editar

Tipos de néboa

editar

Imaxes de Galicia

editar
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para néboa.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para brétema.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar