Bartoszyce (forma histórica en polaco Barsztyn [1] e en alemán Bartenstein) é unha cidade do condado homónimo do voivodato Varmia-Masuria no norte de Polonia; é tamén sede do concello rural do mesmo nome que se localiza no curso inferior do río Łyna. Ata 1945 a lingua da cidade foi a variedade natangisch-bartisch do dialecto baixo prusiano do baixo alemán mentres o alemán estándar era a lingua oficial e dende 1945 o polaco é a lingua oficial e da maioría da poboación e existe unha minoría de lingua ucraína.

Modelo:Xeografía políticaBartoszyce
Bartoszyce (pl)
Bartenstein (de)
Barštynas (lt) Editar o valor em Wikidata
Imaxe

Localización
Mapa
 54°15′13″N 20°48′29″L / 54.25354, 20.80819Coordenadas: 54°15′13″N 20°48′29″L / 54.25354, 20.80819
EstadoPolonia
VoivodatosVarmia e Masuria
PowiatCondado de Bartoszyce (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Capital de
Q9269801 Traducir
Bartenstein District (en) Traducir (1902–1945) Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación22.281 (2021) Editar o valor em Wikidata (2.025,55 hab./km²)
Xeografía
Superficie11 km² Editar o valor em Wikidata
Altitude41 m Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Creación1240 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata
Evento clave
Identificador descritivo
Código postal11-200 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Outro
Irmandado con
Nienburg/Weser
Mława (pt) Traducir (2001–)
Emmaboda (pt) Traducir (2003–)
Berezne (pt) Traducir (2010–)
Varėna (en) Traducir (2010–) Editar o valor em Wikidata

Páxina webbartoszyce.pl Editar o valor em Wikidata

Localización editar

 
Bartoszyce dende a torre de subministración de auga

Bartoszyce está situada na zona norte de Varmia e Masuria, a ambos os dous lados do río Łyna, na mesorexión Nizina Sępopolska, que á súa vez forma parte da macrorexión da Nizina Staropruska, nas subprovincias de Pobrzeża Wschodniobałtyckie e Niżu Wschodniobałtycko-Białoruskiego. Bartoszyce atópase nunha chaira, que nos seus bordos se eleva ata acadar unha altura de entre 80 e 100 metros sobre o nivel do mar mentres baixa cara ao centro ata achegarse os 40 ou 50 [2].

A cidade está situada a 71 km de Olsztyn, 256 de Varsovia, 177 de Gdańsk, 17 da fronteira con Rusia e a 58 de Kaliningrado.

Xeografía editar

A superficie de Bartoszyce é de 11 km² [3] distribuído en [4], correspondéndolle as áreas urbanizadas o 27,9%, a terreos cultivables o 27,9% a bosques o 6,0% e a auga o 2,6%.

Xeoloxía e relevo editar

Bartoszyce está situado no cratón europeo oriental do escudo do Báltico, na parte baixa dunha planicie de morena, polo que o terreo da cidade é bastante plano. Non obstante, os arredores de Bartoszyce caracterízanse por zonas montañosas con numerosos pozos de auga nas depresións locais[5].

Clima editar

A temperatura media anual é de 6,9 °C. A tempada agrícola dura aproximadamente 200 días[6], durante os cales a temperatura media é de 12 °C. A humidade relativa na localidade é do 82%. O índice de nebulosidade media anual é dos máis baixos do voivodato e do país xa que o ceo está cuberto aproximadamente uns 100 días ao ano. A media de sol diaria é de aproximadamente 4 horas ao día. A cidade ten unha precipitación anual de 538 mm. O número de días con xeo ao ano é de 38-43, con xeadas 110–125 e días con neve 60–65. Na cidade prevalecen os ventos do suroeste (18,9%) e oeste (15,2%) [5]. A proporción dos ventos do suroeste aumenta especialmente no outono e mais no inverno.

Hidrografía editar

 
O río Łyna preto de Bartoszyce.
 
Lago Bartbetowskie

Na área de Bartoszyce e nos arredores flúe no río Łyna e os seus afluentes. É o maior río de Varmia e Masuria e o principal compoñente da rede hidrográfica da rexión [5]. Toda a zona do val do río Łyna está recoñecida como paisaxe protexida [2].

O val distínguese polos cambios dinámicos do terreo, que provocan subidas periódicas do nivel da auga e alagamento da ribeira do río dende o leito ata unha altura de 40 m sobre o nivel do mar. O meirande afluente do Łyna en Bartoszyce é o Suszyca, conectado hidroloxicamente co lago Kinkajmskie. Neste construíuse un aliviadoiro de formigón que acumula auga a unha altura de 1,4 m como resultado do que se recollen un máximo de 66,5 mil. m³ [4]. Esta auga forma un lago, o Mleczarskie, no que se atopa a praia que serve á cidade. Outra superficie de augas permanentes dentro da cidade é o lago Barbetowskie.

Natureza editar

A localidade atópase na rexión natural de Pomerania [4]. Non obstante, a vexetación da cidade é de carácter antropoxénico.

A superficie boscosa da cidade cobre 66 ha [4]. O maior complexo boscoso está situado na parte oriental preto do río Łyna, dominado por piñeiros, carballos, ameneiros e bidueiros [5]. Segundo a natureza e a rexionalización forestal, os bosques de Bartoszyce pertencen á rexión Masuria-Podlasie. Fóra dos bosques, o 6,3% (68,9 ha) da superficie global está cuberta por vexetación urbana como parques. Áreas verdes e bosques tamén se atopan nas ladeiras dos ríos Łyna e Suszyca. Non obstante, cumpren a función de protexer os solos contra a erosión, polo que o seu uso polos cidadáns está restrinxido [2]. Xunto coa superficie forestal dos límites administrativos de Bartoszyce, as zonas verdes constitúen o 12,3% da superficie total da cidade.

En Kętrzyńska 18, no xardín hai o único monumento natural de Bartoszyce, un freixo cunha circunferencia de 355 cm e unha altura de 30 m [7]. Anteriormente había tamén outro, un carballo que se cortou por seguridade tras da danalo un raio.

O mundo animal está dominado por especies adaptadas á vida urbana, como aves de ambiente urbano e de parque e pequenos mamíferos. A excepción é a numerosa poboación de castores no val do río Łyna.

Demografía editar

Segundo datos da oficina de estatística polaca o 1 de xaneiro de 2007, Bartoszyce tiña 25.164 habitantes (9ª localidade de Varmia e Masuria e 176ª en Polonia ), e con 11 km² (494ª do país) a súa densidade de poboación era de 2288 h/km²[8].

A poboación da cidade ao longo dos séculos foi desigual. Segundo os datos dispoñibles, a súa poboación en 1820 era de 2547, en 1852 de 3600, en 1880 de 6500, e en 1905 aumentou ata os 6698. Probablemente isto foi causado polo rápido desenvolvemento xeral da cidade como consecuencia da conexión ferroviaria que se realizou en 1866, que a enlazaba coa capital de Prusia Oriental, Konigsberg, o que provocou numerosas migracións cara á cidade.

O número de fogares na cidade é de 9461 [4]

  • Pirámide de poboación de Bartoszyce en 2014 [9]. O azul representa as mulleres e o negro os homes:

 

Historia editar

 
Estelas prusianas de Bartoszyce
 
Selo da cidade de Bartoszyce (1440)

A rexión estaba habitada pola tribo báltica dos prusianos cando os cabaleiros teutónicos construíron[10], no límite entre o territorios habitado polos clans prusianos dos bartios e os notangi, en 1240 un dos primeiros castelos da Prusia inferior, xunto co castelo en Reszel e Wissenburg preto de Sępopol, na beira do Lyna e cos cabaleiros tamén se asentaron colonizadores alemáns, probablemente procedentes de Hessen ou Brandeburgo, aos que máis tarde se lles uniron moitos colonos de Mazovia [2]. Primeiro levantouse unha torre de vixilancia de madeira protexido con estacadas e terrapléns. Durante a rebelión dos prusianos (1260-1272) as forzas prusianas cercaron o castelo entre 1260 e 1263 e á fin os cabaleiros teutónicos abandonárono e tras o sometemento dos prusianos volvérono reconstruír entre 1274 e 1280, xa en pedra. En 1326 apareceu por escrito por primeira volta co nome de Rosenthal e no ano de 1332 gran mestre Luther von Braunschweig deulle privilexios vilegos [11] co novo nome de Bartenstein[12]. A cidade desenvolveuse axiña, Henning Schindekopf ordenou a construción dunha muralla defensiva arredor do castelo en 1353, e xa existía unha casa mercante en 1356 e dúas igrexas en 1361 e mesmo en 1377 facíase mención a unha escola. No século XIV a cidade tiña tres portas: Królewiecka, Sąteczeńska (Młyńska) e Lidzbarska. O castelo nos séculos XIV e XV foi sede dun procurador da orde e pertencía á komtur de Balga.

 
Documento no que a Confederación Prusiana lle ofrecía a incorporación dos territorios de Prusia ao rei Kazimierz IV Jagiellończyk e á Coroa do Reino de Polonia, 1454. Arquivo Central de Documentos Antigos de Varsovia.

En 1454 a cidade, que en 1432 contaba con 1500 habitantes, no comezo da Guerra dos trece anos púxose do lado da Confederación Prusiana e o Reino de Polonia e os cidadáns destruíron o castelo teutónico [13]; a petición do rei Kazimierz IV Jagiellończyk incorporouse ao Reino de Polonia. Despois de seis anos, os cabaleiros teutónicos reconquistaron a cidade e en 1525 converteuse ao protestantismo coa desaparición da Orde Teutónica e a aparición ducado de Prusia [14]. Foi unha época de activación da economía, o comercio de grans, peles, madeira, lúpulo e ámbar intensificouse, dende o século XVI ata o XVII foi a época dourada na historia de Bartoszyce. A cidade desenvolveuse en todos os ámbitos da vida económica e social ata se converter na segunda cidade tras Königsberg do Ducado de Prusia e na primeira metade do século XV tiña uns 4000 habitantes.

En 1621 contaba cunha das primeiras escolas secundarias da rexión[15]. En 1656 o rei sueco Gustavo Adolf e o príncipe prusiano Frederico Guillerme visitaron a cidade[16] e en 1661 o parlamento prusiano reuniuse en Bortoszyce. O século XVIII foi unha época de declive económico, ademais entre 1788 e 1850 a cidade viuse afectada por varios grandes incendios.

 
Bartoszyce, entón Bartenstein, antes de 1914

En 1807, durante as guerras napoleónicas, reuníronse en Bartoszyce o rei de Prusia Frederico Guillerme III e mais o tsar ruso Alexandre I. O tsar quería manter a Prusia do seu lado na guerra contra Napoleón garantíndolle a retención das adquisicións territoriais polacas. A reunión resultou na sinatura do tratado de Bartoszyce o 26 de abril de 1807[17] que supuxo unha alianza contra o emperador francés[18].

Como resultado da reforma administrativa prusiana iniciada en 1815 Bartoszyce integrouse no distrito (landkreis) de Friedland[19].

A cidade pronto contou con conexións ferroviarias con outras localidades de Prusia Oriental. O 24 de setembro de 1866[20] abriuse a liña que a ligaba con Preußisch EylauKönigsberg e o 1 de novembro de 1867 a que a unía con Korschen e Rastenburg o que favorecía a creación de empresas na localidade, creouse unha fundición de ferro e unha fábrica de locomotoras e vagóns.

 
Ao fondo a sede do distrito de Friedland construído en 1902 no lugar onde estivera o castelo da cidade. O edificio ardeu en 1945 ao final da segunda guerra mundial.

Entre finais do XIX e comezos do XX a cidade comezou a saír do seu declive, converteuse en sede xudicial e dotouse dunha gornición militar, e en 1880 tiña 7.132 habitantes. En 1881 desenvolveuse a conexión telegráfica e en 1899 a telefónica. En 1902 a capitalidade do distrito de Friedland pasou a Bartoszyce. A localidade comezou a mudar o seu carácter, dunha vila de predominio dos artesáns e do pequeno comercio a outra máis centrada nas oficinas e nos militares. En 1927 o distrito tomou o seu nome e en 1933 a cidade tiña unha poboación de 8.717 habitantes, e en 1939 11.268 e, coa inclusión da gornición militar, 12.912 habitantes.

Contra o final da segunda guerra mundial, nos últimos días de xaneiro e primeiros de febreiro de 1945 no decurso da ofensiva de Prusia Oriental, celebráronse intensos combates en Bartoszyce, e o 4 de febreiro[21] o exército vermello entrou na cidade. Estímase que durante a guerra a cidade quedou destruída nun 50%. Despois da guerra a cidade incorporouse a Polonia, e a maioría da poboación, etnicamente alemá, fuxiu ou foi expulsada, substituída principalmente por polacos. En 1946 converteuse en sede de distrito (powiat).

Símbolos editar

 
Santuario católico consagrado a San Bruno de Querfurt en Bartoszyce. Foi a primeira igrexa católica da localidade, consagrada en 1889
  • Escudo: Nun fondo negro crúzanse dúas machadas brancas sobre unha base, tamén branca, dividida horizontalmente por liñas negras en tres faixas graduadas, a superior máis curta e a inferior máis longa. O escudo está en relación co nome da cidade, barte [22]. O escudo da cidade está recoñecido pola regulamentación XLIV/260/06 do ano 2006 [23].
  • Bandeira: Sobre un fondo negro unha machada branca.
  • Patrón: O concello recoñece dende 2009 oficialmente como patrón da cidade ao santo Bruno de Querfurt, en quen simboliza o multiculturalismo e a tolerancia étnica e relixiosa da cidade[24].

Política editar

 
Casa do concello

Bartoszyce conta co status de concello urbano (gmina miejska). Os habitantes elixen os 21 concelleiros municipais que conforma a Rada gminy[25]. Os concelleiros elixen un presidente e cando menos un vicepresidente e traballan en seis comisións[26] e adoptan resolucións en sesións da asemblea, que se reúne cando menos unha vez por trimestre. O alcalde (burmistrzé) o órgano executivo. A casa do concello radica en Bohaterów Monte Cassino 1. Aínda que non forma parte, Bartoszyce é sede do concello rural do mesmo nome e tamén do distrito homónimo. Bartoszyce forma parte da Eurorexión báltica. Nas eleccións xerais os habitantes da cidade elixen os seus parlamentarios pola circunscrión de Elbląg.

Arquitectura editar

 
Vista da Cidade Vella.

Trazado urbano editar

A cidade de Bartoszyce é un dos centros urbanos históricos de Varmia, fundado durante a primeira fornada de asentamentos na rexión. Nun período de 90 anos dende a súa formación o poboado desenvolveuse espontaneamente ata chegar ao tamaño dunha poboación urbana[27]. Na Idade Media estaba considerada unha cidade grande, por canto o asentamento fóra do muro medraba máis rápido que o das outras cidades da rexión[27].

 
Porta de Heilsberger

O trazado urbano aínda hoxe presenta unha imaxe do planeamento urbanístico de principios do século XIX con numerosos elementos aínda máis antigos. Todo o complexo urbano da cidade vella de Bartoszyce está protexido no seu conxunto e algúns dos seus elementos máis salientables, como unha das portas da cidade, a Heilsberger Tor (ou Brama Lidzbarska) ou as vivendas burguesas están tamén protexidos de xeito individual[28].

Investigacións arqueolóxicas recentes amosan que a zona fóra da cidade vella tamén ten intereses histórico, descubriuse aquí, entre outros o único vestixio nesta parte de Prusia dunha barbacá [27].

O trazado urbano de Bartoszyce é o típico das cidades da rexión, cunha praza de mercado rectangular situada no centro, dominando o panorama da cidade unha igrexa parroquial. A cidade caracterízase tamén por unha rede regular de rúas, que historicamente estaban rodeadas polos muros da cidade. A perspectiva de Bartoszyce complementábaa a silueta do castelo teutónico ata a súa destrución.

Posteriormente, a traza da cidade quedou modificada pola construción da rede ferroviaria xunto coa infraestrutura técnica e a afluencia de industria, e unha importante expansión da gornición militar. A pesar da destrución dos edificios históricos da cidade causados ​​pola segunda guerra mundial, algúns dos edificios históricos sobreviviron na cidade.

 
Parque Elizabeth

A principal zona recreativa da cidade é o parque Elizabeth que se localiza na aba do promontorio onde estaba o castelo, dispón de varias rutas de senderismo e ciclismo e nunha revolta do Łyna conta cun estanque. O parque reproduce o que había antes da guerra queestablecera en 1903 o landrat do distrito Heinrich von Gottberg para conmemorar a súa espola morta, de nome Elizabeth. Cobre un total de 2,78 ha[29].

Monumentos históricos editar

 
Igrexa de San Xoán o Bautista
 
Torre de auga de Bartoszyce

Bartoszyce conta con 76 monumentos inscritos no rexistro nacional de monumentos históricos[30] e 3 no de arqueolóxicos. Entre outros:

  • Cidade Vella: trazado urbano do século XIV perfectamente conservado, abrangue a praza da Constitución do 3 de maio xunto coas rúas contiguas, casas e edificios burgueses, muros defensivos e o terreo circunstante.
  • Porta de Heilsberger de 1468. Unha parte perfectamente conservada das murallas defensivas da cidade con gran semellanza coas igrexas rurais da contorna. Foi prisión dende 1881[31] ata o primeiro terzo do século XX.
  • Restos da muralla defensiva do século XIV que constitúen un monumento arqueolóxico.
  • Celeiros dos séculos XVIII e XIX. Os mellor conservados atópanse nas rúas Józef Bem 11 e Paweł Strzelecki 2.
  • Igrexa de San Xoán Evanxelista e Nosa Señora de Częstochowa. É un edificio gótico da segunda metade do século XVI reconstruído en 1678 e a torre engadiuse en 1732. Ao primeiro era unha edificación baixa que se ampliou a finais do XIV á actual forma de tres naves. O interior, destruído en 1945, restaurouse entre 1945 e 1958, o presbiterio da igrexa é do fins do século XVIII e primeiros do XIX, algúns fragmentos do altar, do XVII, atópanse nas coleccións do Museo de Warmia e Masuria en Olsztyn.
  • Igrexa de San Xoán o Bautista. Data do século XV, é unha edificación gótica localizada fóra da Cidade Vella, na beira esquerda do Łyna. Quedou destruída durante a guerra dos trece anos. O altar barroco realizouse entre 1715 e 1720 atribuído a Kraus e Königsberg, e o púlpito data de 1706.
  • Igrexa de San Bruno. Construída en 1882-1883 e consagrada en 1889, foi a primeira igrexa católica da localidade, o interior, as vidreiras e o presbiterio executáronse en estilo neogótico. Serve de santuario da diocese de Varmia de San Bruno de Querfurt.
  • Estelas prusianas, coñecidas popularmente como "Bartkami". Dúas estatuas de pedra colocadas sobre unha peaña de pedra en diversos lugares da cidade entre 1706 e 1902 cando se situaron na praza actual, con anterioridade estaban no interior da igrexa de San Xoán Bautista. Probablemente obra das tribos prusianas que habitaron a zona antes da chegada dos xermanos.
  • Cemiterio militar da primeira guerra mundial con sepulturas principalmente de soldados alemáns caídos durante o conflito, localizado preto do antigo cemiterio protestante e agora parque. Descansan aquí 92 persoas: 88 soldados alemáns, 1 soldado ruso e 3 civís[32].
  • Torre de auga, erixida en 1904.

Cultura editar

A cidade é sede de varias institucións culturais, a máis importante é a Casa da Cultura de Bartoszyce ( Bartoszycki Dom Kultury) que constitúe o principal animador cultural da cidade e que conta con numerosos grupos específicos, e así o grupo literario Barcja establecido en 1983 é o grupo literario máis antigo de Polonia [33].

 
Młodzieżowy Dom Kultury

A Casa da Cultura Xuvenil (Młodzieżowy Dom Kultury) organiza actividades para nenos e xente nova. Conta con seccións de deportes, lingua, música, así como grupos artísticos e plásticos.

Hai varias bibliotecas na cidade, a meirande é a Biblioteca Pública Municipal (Miejska Biblioteka Publiczna w Bartoszycach) con 97 995 volumes, 1250 revistas e 1185 documentos electrónicos e audiovisuais e que se estableceu en 1947 [34]. Ademais da sede principal conta con dúas filiais e un departamento infantil e xuvenil. As outras dúas bibliotecas son a filial na cidade da Biblioteca Pedagóxica de Varmia e Masuria e a biblioteca do club militar.

Minorías nacionais editar

A minoría ucraína comezou a chegar á zona logo da fin da segunda guerra mundial e agrúpase na sección local da Asociación de Ucraínos de Polonia e a Asociación de Graduados, Simpatizantes e Amigos das Escolas de Lingua Ucraína "Kałyna". Tras décadas de invisibilidade, a minoría alemá estableceu en 1991 a Asociación Social e Cultural da Minoría Alemá do distrito de Bartenstein que no ano 2000 contaba con 343 membros[35].

Educación editar

 
Liceo Ogólnokształcące
 
Complexo de secundaria nº2

Bartoszyce conta con 4 centros preescolares públicos, 1 privado, 6 escolas primarias, 4 gymnasium, 3 escolas secundarias, 1 universidade da terceira idade e un centro universitario, filial da Universidade de Seguridade de Poznań[36]. A escola primaria nº 8 e o gymnasium nº 3 forman un único complexo escolar en lingua ucraína.

Medios de comunicación editar

Dende 1997 publícase o semanario "Goniec Bartoszycki", primeiro de xeito independente e despois como un suplemento do xornal Gazeta Olsztyńska. Mensualmente dende 2004 publícase de balde Twoja Inicjatywa, de carácter económico, e o boletín informativo cuadrimestral Moje Bartoszyce publicado polo departamento de promoción e desenvolvemento local. En Alemaña dende 2007 a Heimatkreisgemeinschaft Bartenstein publica tres números ao ano da revista Unser Bartenstein[37].

En Bartoszyce operan dúas redes de televisión por cable. A primeira en entrar en servizo, en 1990, foi Bart-Sat que emite un programa local con gravación de acontecementos relevantes da cidade. A outra rede é a rama local do operador Vectra.

En 1997[38] comezou a emitir no 90,9 MHz da FM Radio Bartoszyce, unha emisora local privada, que se integrou en 2013 en Radio Eska para pasar a chamarse Radio Eska Bartoszyce retransmitindo o servizo da rede con algúns programas locais. En 2017 a emisora cesou as súas operacións.

Deporte editar

O club de fútbol da cidade é o Victoria Bartoszyce fundado en 1952 que xoga no grupo I de Varmia e Masuria da liga okręgowa [39]. Na tempada 1967/1968 o equipo estaba no grupo III da III liga[40]. Xoga no Estadio Municipal Kazimierz Górski, que ten 2500 asentos e unhas dimensións de 105m x 67m. O estadio serve tamén de base de prepración e adestramento doutros equipos.

 
Piscina municipal ao aire libre.

En 2009 dependente da cidade de Bartoszyce estableceuse o Centro Deportivo e Recreativo[41] que se ocupa das instalacións deportivas e recreativas públicas, entre outras o estadio municipal, os campos de adestramento e recreación de Wembley, piscina cuberta e ao aire libre e as canchas de baloncesto e balonvolea da praia lacustre. En 2009 construíuse unha pista de ciclismo competitivo nun dos parques do centro da cidade [42] e dende 2007 celébrase a Copa Alcadía de Bartoszyce de ciclismo de montaña e a cidade conta con varios clubs dedicados a esa modalidade: MTB Peletonik, UKS Przyjaźń e Rant. Hai tamén unha pista de motocrós. A asociación Ożywić Łynę organiza competición de kayak e rafting. A cidade conta tamén con varios clubs de artes marciais, clubs deportivos estudantís, de xadrez ou de vela.

Economía editar

Logo do cambio político de 1989 e a crise comercial coas antigas repúblicas soviéticas pechouse o paso fronteirizo ferroviario próximo a Głomno o desenvolvemento económico da cidade pasou a depender da súa proximidade ao paso fronteirizo de Bezledy-Bagrationovsk coa que conecta pola estrada estatal 51, favorecida polas súas instalacións turísticas ben desenvolvidas. A cidade está incluída na Zona Económica Especial de Varmia e Masuria.

As principais industrias son empresas que se dedican á industria do moble, da madeira e máis do téxtil. Entre outras: MM International (produción de mobles), Mazur-Look International (produción de mobles), Przedsiębiorstwo Produkcyjne Infinity Group (produción téxtil), Stalmot (produción de accesorio para mobles), Przedsiębiorstwo Produkcyjno-Handlowe Morena (produción téxtil).

Turismo editar

 
Establecemento hoteleiro en Bartoszyce

Bartoszyce dispón de 15 hoteis tanto na cidade como nas proximidades, na súa maioría son pequenos, o maior dispón de 50 prazas e está localizado nun complexo de casas e parques do século XIX. Ademais hai unha rede de casas rurais próximas ben desenvolvidas. En 2005 empregaron a base de aloxamentos local 4980 visitantes e en 2006 foron 3639.

Infraestruturas editar

Seguridade editar

A Inspección de Defensa Civil e Xestión de Crises de Bartoszyce é a encargada das emerxencias do goberno local, que reúne todos os servizos responsables da seguridade e as unidades do goberno local [85], tamén é responsable do equipo municipal resposta, que recolle e rexistra informacións sobre acontementos especiais inspector tamén dirixe o Equipo Municipal de Resposta, cuxa tarefa é recoller e rexistrar información sobre eventos especiais na cidade.

En Bartoszyce hai unha unidade de salvamento e loita contra o lume do Servizo Estatal de Bombeiros e na cidade está a sede do distrito da policía estatal que conta con 117 efectivos [43] e 30 vehículos. Ademais a cidade conta coa súa propia garda municipal. Ao estar próxima á fronteira con Rusia a Garda de Fronteiras conta con competencias específicas na zona.

Sanidade editar

A cidade conta con hospital, o Hospital de Distrito Xoán Paulo II que conta cun servizo de emerxencias con tres ambulancias asistenciais e unha medicalizada. Na cidade hai 10 oficinas de farmacia[44], así como varias clínicas privadas e consultas médicas.

Relixión editar

Dende a súa fundación, arredor do castelo dos cabaleiros teutónicos, Bartoszyce foi unha cidade cristiá.

Protestantismo editar

 
A igrexa católica de San Xoán Evanxelista e Nosa Señora de Częstochowa foi, con anterioridade, igrexa evanxélica co nome de Stadtpfarrkirche

En 1525 coa secularización do Estado da Orde Teutónica e a conformación do Ducado de Prusia, o primeiro Estado protestante[45], Bartoszyce adoptou a fe evanxélica, as dúas igrexas, ata entón católicas, da cidade transformáronse en templos luteranos, inicialmente dependentes do distrito eclesiástico de Friedland. En 1742 creouse na cidade unha superintendencia da igrexa evanxélica coa función de supervisar as parroquias e as escolas da zona, e que se unificou a mediados do XIX coa de Friedland, xa co nome de Bartenstein. As dúas congregacións luteranas, Stadtpfarrkirche e Johanniskirche, eran o centro relixioso de dúas amplas parroquias e estaban integradas na provincia eclesiástica de Prusia Oriental da Igrexa Evanxélica da Unión Prusiana. En 1939 dos 11268 habitantes da localidade, 10.030 eran evanxélicos[46]. Tras a guerra e a incorporación da rexión a Polonia, debido á marcha ou expulsión de case a todalidade da poboación xermana, a igrexa evanxélica quedou reducida ao mínimo e só nas décadas seguintes puido establecerse unha congregación arredor dunha pequena igrexa dependente da parroquia de Kętrzyn integrada na diocese de Masuria da Igrexa Evanxélica-Augustana en Polonia.

 
A Casa da Cultura de Bartoszyce é a antiga igrexa baptista

Baptismo editar

En 1896 estableceuse unha congregación baptista que en 1939 tiña 517 membros. Tras a guerra practicamente desapareceu e a súa igrexa pasou ao Estado. Co tempo formouse unha nova congregación asociada coa Unión Baptista de Polonia.

Outros editar

Na cidade hai tamén unha congregación da Igrexa Pentecostal de Polonia e unha comunidade das Testemuñas de Xehová composta por 140 persoas [47].

Catolicismo editar

Dende a reforma ata o século XIX non houbo catolicismo organizado na cidade. En 1872 celebrouse a primeira misa católica En 1889 edificouse a primeira igrexa católica, so a advocación de San Bruno de Querfurt, dependente da diocese de Warmia que en 1890 tiña 265 membros e en 1939 vivían 848 católicos na cidade pero logo da guerra e coa mudanza da base étnica da poboación, que pasou a ser polaca en case toda a totalidade, o catolicismo converteuse na relixión maioritaria. En 1946 os católicos comezaron a utilizar a antiga igrexa evanxélica de Johanniskirche, convertida en igrexa de San Xoán o Bautista, e en 1959 pasou aos católicos a Stadtpfarrkirche, agora San Xoán Evanxelista e Nosa Señora de Częstochowa. En 1973 e 1974 creáronse dúas novas parroquias e en 1990 outra nova, totalizando catro as parroquias católicas dependentes da arquidiocese de Warmia.

A partir de 1947 asentáronse na cidade e nas áreas veciñas ucraínos grecocatólicos e a partir da década de 1980 moitos dos que se instalaran nas zonas próximas aveciñáronse nos novos barrios da localidade. As autoridades non permitiron a celebración de misas grecocatólicas na cidade ata 1982, dende aquela celebráronse na parroquia de San Bruno de Querfurt. En 1996 negociouse co concello a merca dunha antiga estación e logo de dous anos de reformas consagrárona en 1998[48] como Igrexa de Santo André o Apóstolo da arquieparquía católica ucraína de Przemyśl-Varsovia.

Xudaísmo editar

En Bartoszyce existiu unha pequena comunidade xudía que se estableceu na cidade entre 1737 e 1753[49]. Por volta de 1779 xa non había xudeus na cidade e non foi ata 1812 cando se volveu establecer unha familia xudía[50]. Arredor de 1850 levantouse unha sinagoga. En 1890 a comunidade consitía en 65 persoas e en 1921 eran 61[49], reducíndose o seu número na década de 1930 ata só quedar 11 en 1939 para desaparecer pola persecución do réxime nazi. A sinagoga queimárona en 1938 durante a noite dos cristais rotos [51]. Un cemiterio xudeu estivo activo dende 1820[52] ata 1939 cando se realizou o derradeiro soterramento.

Notas editar

  1. "Nazwy miejscowości polskie/niemieckie na Warmii i Mazurach". Kolej na Mazurach. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Lokalny Program Rewitalizacji Miasta Bartoszyce na lata 2007–2013". bartoszyce.pl. Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2020. Consultado o 14 de abril de 2020. 
  3. "Miasto Gmina Bartoszyce". regioset.pl. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "Program ochrony środowiska dla ,iasta Bartoszyce na lata 2004-2007" (PDF). batoszyce.pl. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Studium uwarunkowań i kierunków zagospodarowania przestrzennego gminy bartoszyce" (PDF). igeomap.pl. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de maio de 2020. Consultado o 14 de abril de 2020. 
  6. "Studium uwarunkowań i kierunków zagospodarowania przestrzennego miasta bartoszyce". bartoszyce.pl
  7. "Pomniki przyrody w woj. warmińsko-mazurskim stan na 2007 rok" (PDF). Warmińsko-Mazurski urząd wojewódzki w olsztynie. 
  8. "Powierzchnia i ludność w przekroju terytorialnym w 2008 r". Powierzchnia i ludność w przekroju terytorialnym w 2008 r. 
  9. http://www.polskawliczbach.pl/Bartoszyce, w oparciu o dane GUS.
  10. Janusz Bieszk (2010) Zamki państwa krzyżąckiego w Polsce Varsovia:Bellona, p. 158
  11. Rzempołuch A., 1993. Przewodnik po zabytkach sztuki dawnych Prus Wschodnich. Agencja Wyd. „Remix”, Olsztyn.
  12. Heinrich Gottfried Philipp Gengler (1863) Regesten und Urkunden zur Verfassungs- und Rechtsgeschichte der deutschen Städte im Mittelalter. Erlangen, pp 123–126
  13. Janusz Bieszk (2010) Zamki państwa krzyżąckiego w Polsce Varsovia:Bellona, p. 159
  14. Geschichte der Stadt Bartoszyce - Bartenstein Arquivado 27 de maio de 2020 en Wayback Machine.. Ostpreußen.net
  15. Dietrich Gerhard: "Bartensteiner Schulordnung von 1621" In: Neue Preußische Provinzial-Blätter, Band 4, 1. Heft. Königsberg 1871,pp. 535–540.
  16. "Bartoszyce". Słowniku geograficznym Królestwa Polskiego. T. I: Aa – Dereneczna. Varsovia. 1880. 
  17. Der Große Brockhaus, 15ª ed., Vol. 2, Leipzig 1929, p. 333.
  18. Edmund Jan Osmańczyk (2003) Encyclopedia of the United Nations and International Agreements: N to S, Routledge p. 1508
  19. Hermann Pölking (2014) Ostpreußen: Biographie einer Provinz be.bra Verlag
  20. Andrzej Wakar (1987) Bartoszyce: z dziejów miasta i okolic Olsztyn:Wydawnictwo Pojezierze, p. 78
  21. Franciszek Sokołowski "Z badań nad administracją Okręgu Mazurskiego 1945-1946" Komunikaty Mazursko-Warmińskie nº 3, 291-311
  22. Andrzej Wakar (1987) Bartoszyce: z dziejów miasta i okolic Olsztyn:Wydawnictwo Pojezierze, p. 46
  23. "Statut Miasta Bartoszyce ". Dziennik Urzędowy Województwa Warmińsko-Mazurskiego Nº 46, 10 de abril de 2006. p. 298]
  24. Tomasz Miroński " Św. Brunon patronem Bartoszyc" Bartoszyce.pl, 30 de setembro de 2009
  25. "Skład osobowy Rady Miasta". bartoszyce.pl. 
  26. "Komisje". bartoszyce.pl. 
  27. 27,0 27,1 27,2 Maria Wielgus "Małe miasta i problemy ochrony dziedzictwa archeologicznego" in Aktualne zagrożenia dziedzictwa archeologicznego. Materiały z konferencji ogólnopolskiej, Poznań, 17 kwietnia 1997 r.. Muzeum Archeologiczne w Poznaniu
  28. "Program opieki nad zabytkami województw a w armińsko-mazurskiego na lata 2012-2015" (PDF). Sejmiku Województwa Warmińsko-Mazurskiego, Olsztyn 2011. 
  29. "Park Elizabeth w Bartoszycach". Gminne Centrum Informacji. 
  30. "Narodowy Instytut Dziedzictwa: Rejestr zabytków nieruchomych – województwo warmińsko-mazurskie" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de maio de 2020. Consultado o 18 de abril de 2020. 
  31. "Brama Lidzbarska" Arquivado 18 de febreiro de 2020 en Wayback Machine. bartoszyce.pl]
  32. "Bartoszyce cmentarze i pomniki I wojny światowej". Olsztyńska str rowerowa. 
  33. "Jubileusz Grupy Literackiej „Barcja”". 20 de xullo de 2009. 
  34. "O Bibliotece". mbpbartoszyce.pl. 
  35. "Mitglieder". Sozial-Kulturelle Gesellschaft der deutschen Minderheit Kreis Bartenstein mit Sitz in Bartenstein
  36. Wydział Nauk Społecznych WSB w Bartoszycach.
  37. "Unser Bartenstein". hkg-bartenstein.ce. Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2017. Consultado o 18 de abril de 2020. 
  38. "Radio Eska Bartoszyce zastąpiło Radio Bartoszyce". Portal Medialny, 29 de outubro de 2013
  39. "Klasa okręgowa 2019/2020, grupa: warmińsko-mazurska I". 90minut.pl
  40. "Historia III ligi polskiej w pilce nożnej". TVK Bartsat. 
  41. "Co to jest ten BOSiR?". Nieoficjalny Serwis Sportowy Miasta Bartoszyce. Archived from the original on 15 de agosto de 2009. Consultado o 20 de abril de 2020. 
  42. "Bartoszyce.wm.pl; Powstaje tor dla rowerzystów". 29 de maio de 2009. 
  43. "Odprawa roczna policji. Statystyki z pracy funkcjonariuszy". Goniec Bartoszycky, 13 de febreiro de 2020
  44. "Dyżury Aptek – Bartoszyce" Arquivado 31 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine. bartoszyce.pl
  45. Janusz Małłe "Die Ständerepräsentation im Deutschordensstaat (1466–1525) und im Herzogtum Preußen (1525–1566/68)" in: Hartmut Boockmann (1992) Die Anfänge der ständischen Vertretungen in Preußen und seinen Nachbarländern. Verlag Oldenbourg:München 1992, ISBN 3-486-55840-4, pp. 101–115
  46. ""Deutsche Verwaltungsgeschichte Ostpreußen, Kreis Bartenstein" Verwaltungsgeschichte". Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2020. Consultado o 17 de abril de 2020. 
  47. "Wkrótce dzień otwarty nowego budynku Świadków Jehowy"Goniec Bartoszycki, 14 de xaneiro de 2020
  48. "Bartoszyce: Cerkiew greckokatolicka św. Andrzeja Apostoła" Ukraińcy, 4 de febreiro de 2011
  49. 49,0 49,1 "Judaica w Polsce. Olsztyn". Archived from the original on 20 de xaneiro de 2009. Consultado o 17 de abril de 2020. 
  50. "Historia społeczności" Muzeum Historii Żydów Polskich POLIN
  51. "Synagoga w Bartoszycach (ul. Kazimierza Jagiellończyka 8)" Arquivado 27 de maio de 2020 en Wayback Machine. Muzeum Historii Żydów Polskich POLIN
  52. "Fundacja Ochrony Dziedzictwa Żydowskiego;Bartoszyce, ul. J. Bema, warmińsko-mazurskie". fodz.pl.