Gustavo II Adolfo de Suecia
Gustavo II Adolfo, nado en Estocolmo o 9 de decembro de 1594 e finado en Lützen o 6 de novembro de 1632, foi o rei de Suecia dende 1611 ata 1632 e considérase un dos fundadores do Imperio Sueco. Levou Suecia á supremacía militar durante a guerra dos Trinta Anos, axudando a determinar o equilibrio de poder político e relixioso en Europa. Postumamente recibiu o nome de Gustavo Adolfo o Grande (sueco: Gustav Adolf den store, latín: Gustavus Adolphus Magnus) por parte do Riksens ständer en 1634.[1][2] Adoita a ser considerado un dos mellores mandos militares de todos os tempos polo seu innovador uso de armas combinadas. A súa vitoria militar máis destacada foi a batalla de Breitenfeld (1631). Cunha excelente maquinaria militar, boas armas, un bo adestramento e artillería de campo efectiva, respaldada por un goberno eficiente que podía proporcionar os fondos necesarios, Gustavo Adolfo estaba preparado para converterse nun gran líder europeo.[3] Porén, morreu un ano despois na batalla de Lützen (1632). Foi habilmente axudado nos seus esforzos polo conde Axel Oxenstierna, o Gran Chanceler de Suecia, que tamén actuou como rexente despois da súa morte.
Gustavo II Adolfo de Suecia | |
---|---|
![]() | |
Rei de Suecia | |
Período | 30 de outubro de 1611 - 6 de novembro de 1632 |
Antecesor | Carlos IX |
Sucesor | Cristina |
Datos persoais | |
Nacemento | 9 de decembro de 1594 e 19 de decembro de 1594 |
Estocolmo | |
Falecemento | 6 de novembro de 1632 e 16 de novembro de 1632 |
Lützen | |
Pai | Carlos IX de Suecia |
Nai | Cristina de Holstein-Gottorp |
Cónxuxe | María Leonor de Brandeburgo |
Fillos | Cristina |
Relixión | luterana |
![]() | |
Na rede | |
![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Nunha época caracterizada por un estado de guerra constante, Gustavo Adolfo herdou tres guerras en curso simultáneas do seu pai con 16 anos. Dúas delas foron guerras fronteirizas con Rusia e Dinamarca, e a outra unha guerra máis persoal (polo menos para o seu pai) contra o primeiro curmán de Gustavo, o rei Sixismundo III Vasa de Polonia.[4] Desas tres guerras a guerra contra os daneses foi a máis grave.[4]
Durante o seu reinado, Suecia pasou de ter o status de potencia rexional da conca do mar Báltico a ser unha das principais potencias de Europa e un modelo de goberno da era moderna. Gustavo Adolfo é coñecido como o "pai da guerra moderna",[5] ou o primeiro gran xeneral moderno. Baixo a súa tutela, Suecia e a causa protestante desenvolveron unha serie de excelentes comandantes, como Lennart Torstensson, quen derrotaría aos inimigos de Suecia e expandiría as fronteiras e o poder do imperio moito despois da morte de Gustavo Adolfo en batalla. Os botíns dos seus inimigos convertérono nun exitoso traficante de libros en Europa, especificamente coas Colección Xesuítas.[6]
Chamado "O Rei Dourado" e "O León do Norte", fixo de Suecia unha das grandes potencias de Europa, en parte grazas á reforma da estrutura administrativa. Por exemplo, comezou a facer rexistros parroquais de poboación, polo que o goberno central podía impoñer impostos e recrutar á xente de xeito máis eficiente.[7] O historiador Christer Jorgensen sostén que o seu logro no campo da reforma económica, comercio, modernización e creación da autocracia burocrática moderna foi tan importante como as súas fazañas nos campos de batalla. As súas reformas domésticas, que transformaron unha sociedade e economía atrasada e case medieval, foron de feito non só as bases das súas vitorias en Alemaña, senón tamén absolutamente cruciais para a creación e supervivencia do Imperio Sueco.[8]
Gustavo Adolfo é amplamente conmemorado polos protestantes en Europa como o principal defensor da súa causa durante a guerra dos Trinta Anos, con múltiples igrexas, fundacións e outras empresas que levan o seu nome, como a sociedade Gustav-Adolf-Werk.
TraxectoriaEditar
Gustavo Adolfo naceu en Estocolmo como o fillo máis vello do duque Carlos da dinastía de Vasa coa súa segunda esposa, Cristina de Holstein-Gottorp. Nese momento o rei de Suecia era o curmán de Gustavo Adolfo Sixismundo. O acérrimo protestante dique Carlos obrigou ao católico Sixismundo a abandonar o trono de Suecia en 1599, unha parte das disputas relixiosas previas á guerra dos Trinta Anos, e reinou como rexente antes de tomar o trono como Carlos IX de Suecia en 1604. O príncipe herdeiro Gustavo Adolfo tivo a Gagnef-Floda en Dalecarlia como un ducado dende 1610. Tras a morte do seu pai en outubro de 1611 Gustavo Adolfo, que nese momento tiña dazaseis anos, herdou o trono e unha serie de disputas belixerantes pola sucesión co seu curmán polaco. Sixismundo III quería recuperar o trono de Suecia e intentou obrigar a Gustavo Adolfo a que renunciase ao título.
Nunha volta desta disputa dinástica, Gustavo invadiu Livonia cando tiña 31 anos, comezando a guerra polaco-sueca de 1626-1629. Interveu no nome dos literanos en Alemaña, que lle abriron as portas das súas cidades. O seu reinado fíxose famoso por estas accións uns poucos anos despois, cando en xuño de 1630 aterrou en Alemaña, marcando a intervención sueca na guerra dos Trinta Anos. Gustavo interveu no lado anti-imperial, que nese momento estaba perdendo contra o Sacro Imperio Romano Xermánico e os seus aliados católicos; as forzas suecas revertirían rapidamente esa situación.
Gustavo estivo casado con María Leonor de Brandeburgo, a filla de Xoán Sexismundo, Elector de Brandenburgo, e elixiu a cidade prusiana de Elbing como base para as súas operacións en Alemaña. Morreu na batalla de Lützen en 1632. A súa prematura morte foi unha gran perda para o lado luterano, facendo que grandes partes de Alemaña e outros países, que foran conquistadas polo luteranismo, fosen reconquistadas polo catolicismo (a través da Contrarreforma).
Innovador militarEditar
O historiador Ronald S. Love atopou que en 1560-1660 houbo "un feixe de innovadores, destacando Mauricio de Nassau e Gustavo Adolfo de Suecia, a quen moitos académicos atribúen os desenvolvementos revolucionarios na guerra e ter sentado as bases da práctica militar para os seguintes dous séculos".[9] Os académicos están de acordo en que Gustavo Adolfo foi un comandante militar extremadamente capaz.[10] A súa innovadora integración táctica de infantería, cabaleiría, loxística e particularmente o seu uso da artillería, fixo que gañase o título de "pai da guerra moderna". Futuros comandantes que estudaron e admiraron a Gustavo II Adolfo foron Napoleón I de Francia e Carl von Clausewitz. Os seus avancesn en ciencia militar fixeron de Suecia a potencia dominante no mar Báltico durante os seguintes cen anos.
Gustavo Adolfo foi a principal figura responsable do éxito do exército sueco durante a guerra dos Trinta Anos e levou á súa nación a conseguir un gran prestixio. Como xeneral, Gustavo Adolfo é famoso por empregar artillería móbil no campo de batalla, ademais de por usar tácticas moi agresivas enfatizando o ataque sobre a defensa, e destacando a mobilidade e iniciativa da cabaleiría.
Rei de Suecia | ||
---|---|---|
Segue a: Carlos IX |
Gustavo II Adolfo de Suecia | Precede a: Cristina |
Vasa |
NotasEditar
- ↑ Ahnlunds, Nils (1932). Gustav Adolf den store.
- ↑ Fryxell, Anders (1894). Norstedts, ed. Gustaf II Adolf. Estocolmo. p. 435.
- ↑ Lee, Stephen J. (1984). Routledge, ed. Aspects of European History 1494-1789 (2ª edición). pp. 109–114. ISBN 978-0415027847.
- ↑ 4,0 4,1 "Gustav; 2. Gustav II Adolf". Svensk Uppslagsbok 5. 1950.
- ↑ Dodge, Theodore Ayrault (1890). Da Capo Press Inc., ed. Gustavus Adolphus. Boston e Nova York. ISBN 978-0-306-80863-0.
- ↑ Murray, Stuart (2009). Skyhorse Publishing, ed. The Library: An Illustrated History. p. 118. ISBN 978-1616084530.
- ↑ Derry, T. K. (1979). History of Scandinavia: Norway, Sweden, Denmark, Finland, and Iceland. pp. 110-124.
- ↑ Jorgensen (2001) p 228
- ↑ Love, Ronald S (1991). "'All the King's Horsemen': The Equestrian Army of Henri IV, 1585–1598". The sixteenth century journal.
- ↑ Encyclopædia Britannica. 1979. p. 502. ISBN 0852293399.