Banda de música Xuvenil de Barro

A Banda de música Xuvenil de Barro é unha agrupación musical formada en decembro de 1992, no concello pontevedrés de Barro, ao abeiro da Asociación Cultura e Xuventude de Barro coa fin de fomentar da cultura musical entre a mocidade do concello.

Na actualidade forman parte dela uns 60 músicos, e o proxecto vai paralelo á Escola de Música de Barro e á Banda Infantil de Barro.

Desde a súa fundación a banda foi dirixida sucesivamente por José Bugallo Senra, Milagros Valiño, Manuel Martínez, Daniel Portas, Jose Varela, e Alejandro Cimadevila, que ocupa o cargo desde decembro de 2008.

Alejandro Cimadevila é saxofonista, formado no Conservatorio Superior da Coruña e membro da Banda Municipal de Ourense. Colaborou con diversos grupos de música de cámara, bandas de música, orquestras sinfónicas e outras agrupacións, como a Orquestra Sinfónica de Galicia. É profesor no Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

Coa fin de darse a coñecer noutros ámbitos xeográficos, a banda organiza a xira Auditorium, aproveitando para fomentar a interpretación de obras sinfónicas nun ambiente apropiado para a súa interpretación e audición. Nas tres edicións da xira, a banda actuou nos Pazos da Cultura de vilas como Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Merza, Portas, Valga ou O Mosteiro de Meis.

A escola de música de Barro editar

A escola de música de Barro (EmBa) conta con 14 mestres, coordinados por Jorge A. González (director) e Martín Fontán (vicedirector).

As especialidades instrumentais impartidas inclúen as dos instrumentos usadas na banda e outros como o acordeón ou o piano.

O plan de formación da Escola busca proporcionar ao alumnado unha educación musical de calidade, segundo as necesidades específicas de cada alumno. Para lograrlo, comézase cunha formación básica en solfexo, podendo despois cada alumno elixir en que instrumento se quere especializar de entre os dispoñibles.

Como paso previo ao ingreso na Banda de música Xuvenil, os alumnos poden formar parte da Banda Infantil de Barro, creada con outro repertorio máis atractivo e educativo para os cativos.

Recoñecementos editar

  • Outubro de 2002: 2º Premio no II Certame Provincial de Bandas de Música organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra (sección terceira).
  • Outubro de 2003: 2º Premio no III Certame Provincial de Bandas de Música organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra o (Sección segunda).
  • Xullo de 2004: 2º Premio no Certame Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia (València), (sección Segunda).
  • Agosto de 2004: 3º Premio no V Certame Internacional Villa de Aranda (Burgos).
  • Outubro de 2004: 2º Premio no IV Certame Provincial de Bandas de Música organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra (Sección Primeira).
  • Outubro de 2006: 1º Premio no VI Certame Provincial de Bandas de Música organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra o (Sección Primeira).
  • Outubro de 2007: 1º Premio e mención de honra no VII Certame Provincial de Bandas de Música organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra (Sección Primeira).
  • Novembro de 2007: 1º Premio no I Certame Galego de Bandas de música organizado pola Xunta de Galicia en Santiago de Compostela (sección primeira).