Os restos formaban parte dunha capela dedicada a San Pantaleón, pero co tempo pasaron a formar parte dunha igrexa máis moderna de planta basilical, a de San Xoán de Panxón (mais o arco semella que estaba oculto). En 1932, o arquitecto porriñés Antonio Palacios constrúe nun outeiro a poucos metros do arco a nova igrexa de San Xoán: o Templo Votivo do Mar, conservando só a construción visigótica orixinal do antigo templo.
Trátase dunha igrexa de planta de cruz grega da que practicamente só se conserva a fachada principal e parte dos muros laterais, todo en cantaría e cachotaría de granito. A planta é cadrada (propio da arquitectura xermánica), e da porta accédese directamente ao presbiterio. A porta de entrada principal arránxase cun arco de ferradura típico da arte visigoda, rexo e estábel; a liña de extradorso externa do arco é perpendicular ao chan e no seu interior é moi irregular como ocorre na igrexa de Santa Comba de Bande; a diferenza con esta consiste que aquí as doelas encaixan cos perpiaños inmediatos ao muro. O arco fica sostido por un parella de piares (antes foran catro) de fuste liso con cadanseu chapitel corintio ornamentado cunha coroa dupla de follas de acanto, volutas incipientes e elementos xeométricos. O arco posúe vinte e unha doelas dispostas de xeito radial, agás as inferiores que se dispoñen de xeito horizontal.
Nas ruínas do templo achamos tamén a lousa dun sarcófago antropomorfo suevo (séculos V-VII) con decoración de tipo estola (véxase foto na Galería de Imaxes). O arco serviu de inspiración para Antonio Palacios na construción do Templo Votivo do Mar.[2]
O estado de conservación do arco é bo, mais a contorna está moi descoidada. Cando en 1932 Antonio Palacios presentou o proxecto do Templo Votivo de Panxón dixo que non cobraría diñeiro polo seu traballo coa condición de que os veciños coidasen o arco visigótico. Foi declarado Monumento histórico-artístico polo Decreto 4078/1964, e Ben de Interese Cultural o 3 de decembro de 1964.[3]