Archaeopteryx
Rango fósil: Xurásico Superior

Recreación de Archaeopteryx lithographica no Museo de Historia Natural da Universidade de Oxford
Estado de conservación
Fósil
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Archaeopterygiformes
Familia: Archaeopterygidae
Xénero: Archaeopteryx
Especies
  • A. lithographica Meyer, 1861 (tipo)
  • A. bavarica Wellnhofer, 1993

Archaeopteryx (do grego "á antiga"; archaios = antigo, pteryx = á ou pluma) é un xénero de aves (as máis primitivas coñecidas), que viviron no Xurásico Superior (hai aproximadamente 155 e 150 millóns de anos, no Kimeridgiano), no que hoxe é Alemaña.[1] En galego adoita galeguizarse como arqueoptérix.

Descrición editar

 
Espécime de Múnic

Os espécimes de arqueópterix son relevantes debido á súa morfoloxía transicional e a presenza de plumas ben desenvolvidas.[1] As súas características permiten convertelo no modelo máis claro para estudar a transición entre dinosauros e aves.[2] Medían tan só 35 cm, un tamaño semellante ao do corvo, moi pequeno comparado co rango usual dos dinosauros non avianos. Parécese basicamente a un dinosauro terópodo, e presenta trazos propios deste grupo: unha longa cola ósea, presenza de poutas nos dedos e de dentes nas mandíbulas. Non se sabe con certeza se podían bater as ás con forza e realizar un voo completo, ou só un planeo. Descoñécese a cor das súas plumas. A á é, en esencia, moi semellante á dun paxaro moderno, xa que as súas plumas eran altamente asimétricas, e as da súa cola eran moi grosas.

Ecoloxía editar

A riqueza e diversidade do sitio arqueolóxico de Solnhofen, no cal se atoparon todos os espécimes de arqueópterix, achegou significativos datos sobre a xeografía e diversidade biolóxica daquela zona no Xurásico. O esqueleto dos arqueópterix, do tamaño dunha pomba, seméllanse basicamente ao dun dinosauro terópodo, presentando trazos propios deste grupo, tales como unha longa cola ósea,[3] presenza de poutas nos dedos e de dentes nas mandíbulas. Polo que se deduciu, o voo desenvolveuse a partir do planeo, o que en último termo permitiría desprazarse axiña pola capa superior dos bosques, sen ter necesidade de baixar ao chan. Moi probablemente, os arqueópterix puideron presentar unha dieta a base de insectos e animais pequenos.

Historia editar

Os arqueópterix representan os principais fósiles dos xacementos de Solnhofen (Alemaña). Os primeiros atopáronse en 1861 e dende entón apareceron un diverso número de achados, dez en total (até 1988), aínda que algúns deles son moi incompletos. Algúns dos espécimes foron inicialmente clasificados como terópodos, ata que se observou neles a presenza de plumas. O primeiro que se achou consiste unicamente dunha pluma e non se sabe con seguridade se pertence ao mesmo xénero que o resto. Outros espécimes, como o de Berlín, preservan o esqueleto case completo e impresións moi detalladas das plumas das ás e do resto do corpo. Conserváronse en pedras calcarias que se empregaban para placas de impresión. A pedra depositouse nunha lagoa cálida e conservou nun bo estado unha gran variedade de fósiles, pertencentes a animais como medusas, vermes, peixes e os propios arqueópterix.

O primeiro espécime completo foi anunciado en 1862, tres anos despois de que Charles Darwin publicase A orixe das especies. Os arqueópterix convertéronse nunha das tantas probas que confirmaron a evolución.[4][5][6]

Taxonomía editar

 
O espécime de Thermopolis (WDC CSG 100)

Nomeáronse dúas especies: Archaeopteryx litographica e A. bavarica, distinguibles por pequenas diferenzas de tamaño e proporcións.

Recentes e coidadosos estudos sobre a fisioloxía de Archosauria revelan que as aves gardan un estreito parentesco cos pequenos terópodos como o compsognato.

Asemade, os arqueópterix clasifícanse como dinosauros terópodos manirráptores e tamén, por suposto, coma aves. Os seus parentes non avianos máis próximos son os deinonicosaurios, que inclúen ao famoso velocirráptor e a forma do Cretáceo inferior deinonico.[7]

Relevancia filoxenética editar

Os arqueópterix son un dos achados fósiles máis importantes da historia. Descríbense como unha peza clave no coñecemento da evolución dos seres vivos. É o perfecto exemplo de forma transicional entre os réptiles e as aves. Comparte características cos réptiles coma os dentes, as poutas nas mans e unha longa cola coma a dos lagartas, e tamén comparte características das aves contemporáneas: plumas e ás, entre moitos outros trazos.

Hoxe en día, os fósiles asígnanse a unha única especie, A. litographica, pero a historia taxonómica é complicada, xa que, ao longo dos anos, este xénero tivo un gran número de sinónimos. Algúns dos espécimes foron inicialmente clasificados como terópodos, ata que se observou neles a presenza de plumas. En opinión da maioría dos paleontólogos, a posesión de plumaxe converte aos arqueópterix en aves. A súa idade, 150 millóns de anos (Xurásico superior), outorgaríalle o status de ave máis antiga que o ser humano coñece. En 1984, Sankar Chatterjee descubriu fósiles que anunciou, xa para 1991, que pertencían a unha ave extinta máis antiga cós arqueópterix, a Protoavis.[8] No entanto e debido á deficiente conservación dos restos fósiles, o devandito xénero é considerado por algúns como unha quimera.

A orixe das plumas constitúe un misterio que os arqueópterix non axudan a resolver, pois as súas son completamente modernas. Con todo, coñécense varios dinosauros celurosaurianos, estreitamente emparentados cos arqueópterix. Algúns deles tamén presentan plumas (como as descubertas no velocirráptor no 2007[9]) e outras fibras de estrutura máis sinxela ou protoplumas. Os dinosauros emplumados confirman que as plumas se orixinaron antes cás primeiras aves como as arqueópterix. As plumas, do mesmo xeito que os pelos e as escamas reptilianas, están formadas por unha resistente proteína chamada queratina. Isto fixo supor durante moito tempo que a pluma procedía dunha escama. Actualmente as probas xenéticas, paleontolóxicas e embriolóxicas favorecen outra explicación distinta que se debe a Prum e Brush:[10] as plumas proceden de estruturas ocas e cilíndricas semellantes a espiñas.

Galería editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Lambert, David (1993). The Ultimate Dinosaur Book. Nova York: Dorling Kindersley. pp. 38-81. ISBN 1-56458-304-X. 
  2. Archaeopteryx at The Grave Yard Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine. - Restauracións óseas da gran maioría dos espécimes, realizadas por Jamie Headden, Scott Hartman, e Rutger Jansma's. O oito comparados entre eles neste sitio (ambos os dous obtidos o 11/04/10)
  3. Benton M.J.; Cook E.; Grigorescu D.; Popa E. e Tallodi E. (1997). Dinosaurs and other tetrapods in an Early Cretaceous bauxitefilled fissure, northwestern Romania. Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology, 130: 275-292
  4. Esquemas da composición ósea interna dos arqueopterix. Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine. - Restauracións óseas da gran maioría dos especimes, realizadas por Jamie Headden, Scott Hartman, e Rutger Jansma's. Neste sitio. (ambos os obtidos o 11/04/10)
  5. Archaeopteryx: An Early Bird - Universidade de California Museo de paleontología. Obtido o 11/04/10
  6. Archaeopteryx lithographica - Nick Longrich, Universidade de Calgary. Discute cantas ás teñen os arqueopterix, entre outras preguntas.
  7. Kennedy, Elaine (2000). Solnhofen Limestone: Home of Archaeopteryx Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine.. Reportes de Geoscience. 30: 1-4. Obtidos o 11/04/10.
  8. Chatterjee, S. (1991). Cranial anatomy and relationships of a new Triassic bird from Texas. Philosophical Transactions of the Royal Society of London, B 332: 277?342.
  9. Turner, A.H.; Makovicky, P.J.; and Norell, M.A. (2007). "Feather quill knobs in the dinosaur Velociraptor" (pdf). Science 317 (5845): 1721. 
  10. Prum, R. & Brush A.H. 2002. The evolutionary origin and diversification of feathers. The Quarterly Review of Biology 77: 261-295.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Benton, M.J. (1995 [1990]): Paleontología y Evolución de los Vertebrados. Lleida, Editorial Perfils. 369 páxs. ISBN 84-87695-16-7
  • Buffetaut, E. (1985): The strangest interpretation of Archaeopteryx. En: Hecht, M.K.O.; Ostrom, J.H.; Viohl, G. e Wellnhofer, P. (Eds.): The Beginnings of Birds: Proceedings of the International Archaeopteryx Conference, Eichstätt 1984. Eichstätt, Freunde des Jura-Museums: 369-370
  • Lambert, David (1993). The Ultimate Dinosaur Book. Londres, Nova York, Dorling Kindersley - Natural History Museum. 192 páxs. ISBN 1-56458-304-X
  • Sanz, J.L. (1999): Los dinosaurios voladores. Historia evolutiva de las aves primitivas. Madrid, Ediciones Libertarias/Prodhufi, S.A. Mundo Vivo. 239 páxs. ISBN 84-7954-493-7
  • Wellnhofer, P. (2004). The Plumage of Archaeopteryx. En: Currie, P.J.; Koppelhus, E.B.; Shugar, M.A. e Wright, J.L.: Feathered Dragons. Bloomington, Indiana University Press: 282–300. ISBN 0-253-34373-9

Ligazóns externas editar