Apostolos Mangouras

mariño grego, ex capitán do Prestige


Apostolos Ioannis Mangouras, nado en Karkinagri (Icaria) o 30 de novembro de 1934, é un mariño grego, xa retirado. Foi o último capitán do petroleiro Prestige e foi procesado polo afundimento do mesmo en 2002[1] e xulgado e condenado a nove meses de cárcere por desobediencia en 2013[2].

Infotaula de personaApostolos Ioannis Mangouras

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento30 de novembro de 1934 Editar o valor em Wikidata (89 anos)
Icaria, Grecia Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeGrecia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióncapitán de barco Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeKiriakula

Traxectoria editar

Apostolos Ioannis Mangouras levaba 44 anos de mariño. Navegando de segundo oficial, como primeiro oficial e como capitán. Nos últimos 32 anos como capitán en petroleiros con desprazamentos de 60.000 toneladas ata 450.000 toneladas[3]. Está casado con Kiriakula e ten dous fillos, un home e unha muller.

Prestige editar

Véxase tamén: Prestige.

Mangouras recibiu o encargo de capitanear o Prestige da Mare Shipping Inc., empresa controlada pola armadora grega Culuthros. Mangouras xa estaba xubilado e non podía traballar de capitán en buques gregos ou do resto da CE pero si para buques baixo bandeira de Bahamas como a que levaba o Prestige. Recibiu un curso do Centro de Adestramento Mariño Grego en Creta para obter unha licenza expedida polas autoridades caribeñas[4]. Mangouras enrólase no Prestige en San Petersburgo o 13 de setembro. Xa coñecía o buque. Navegara antes varias veces nel dende xaneiro do 2000.

O Prestige fora reparado na primavera de 2001 nun estaleiro chinés. Entón empregáranse 263 toneladas de aceiro para reparar o tabique lonxitudinal que separa dous tanques de estribor (o mesmo que ía fallar fronte ás costas galegas). A reparación fíxose con pranchas de menor espesor do necesario. American Bureau of Shipping (ABS) aprobou esa reparación[5]. Mangouras ordenou que os tanques reparados estivesen cheos de auga, lastrados, así non puideron ser revisados e ademais dixo que non eran contiguos a tanques de carga con quentamento o que non era certo e tería obrigado a súa inspección, cousa que non se fixo entón.

No ano 2002 segundo un estudo francés dos técnicos de BEAmer o Prestige só navegou 56 días[6]:

  • En marzo, viaxe por conta dun fretador paquistaní con 80.000 toneladas de cru cargadas no Golfo Pérsico e destinadas a un porto hindú. Viaxe pola que cobrou 205.000 dólares.
  • En marzo-abril, dúas viaxes por conta dun fretador hindú con cru cargado no Golfo Pérsico e destinado tamén a un porto da India. Cobraron ao redor de 11.000 dólares por día.

A última inspección do Prestige foi do 15 ao 25 de maio de 2002 en Dubai. En maio saíu do porto de Fujairah (Emiratos Árabes Unidos), onde estivo 35 días á espera de ordes. Parte rumbo a San Petersburgo a onde chegou o 22 de xuño de 2002. O Prestige estivo 128 días fondeado en San Petersburgo facendo de almacén flotante de hidrocarburos. O anterior capitán do Prestige, Efstratios Kostazos, denunciou por fax á compañía e a ABS as múltiples deficiencias do buque antes de ser relevado do posto[7]. Mangouras e o seu primeiro oficial inspeccionaron en San Petersburgo, mediante Certificado emitido o 30 de outubro de 2002, os tanques encontrándoos en boas condicións e sen defectos[8].

O buque partiu de San Petersburgo o 30 de outubro de 2002 con media carga. Completou carga no porto de Ventspils en Letonia e partiu o 5 de novembro de 2002 rumbo a Xibraltar onde tiña que agardar novas ordes[9].

Galiza editar

 
Percorrido do Prestige ata o seu afundimento.

O 13 de novembro de 2002 ao redor das 14,30 GMT Salvamento Marítimo recibe un SOS dun buque a 28 millas da costa galega.

“May day, may day. Son o capitán do Prestige, un petroleiro de 243 metros de eslora que transporta 77.000 toneladas de fuel dende o Báltico con destino a Xibraltar. Perdemos o control e estamos escorados 25 graos a estribor. Necesito axuda para evacuar á tripulación".

Na situación de confusión o buque escorou e a tripulación entrou en modo pánico. Dous helicópteros evacúan a Vigo e A Coruña a 24 dos 27 tripulantes do Prestige. Apostolos Mangouras (capitán), Nikolaos Argyropoulos (primeiro oficial) e Ireneo Maloto (xefe de máquinas) quedan no buque para supervisar o salvamento[10]. Inundando os tanques de babor Mangouras consegue corrixir a escora e que o buque deixe de perder fuel[11].

13 e 14 de novembro de 2002 editar

Ao Prestige achégase o remolcador Ría de Vigo, enviado pola SASEMAR, con cores e emblemas de Salvamento Marítimo, pero baixo bandeira de Remolcanosa, empresa privada. Mangouras recibe instrucións dos armadores de agardar mentres están a negociar as condicións do rescate e así informa a Salvamento Marítimo. A carga e o buque estaban valorados en 20 millóns de euros, o custo do rescate sería duns 5 millóns de euros. O remolque do Ría de Vigo enviado por Sesemar non custaba nada pero Apostolos Mangouras non o sabía e os armadores tampouco. Ata que se aclara a situación o capitán antes de aceptar o remolque agarda instrucións dos armadores, a falta de información e a confusión dura dende as 18.15 ata as 21.00 do día 13[12]. O xefe de máquinas tiña medo de que os buques de salvamento asaltaran o buque, asasinaran á tripulación e roubaran a carga.

Mangouras estaba convencido de que o buque nunca chegaría a esnafrarse contra a costa e pretendía achegar o buque para fondear. O buque xa sen máquinas chegou a estar a só 5 millas da costa de Muxía. O Prestige tiña dúas áncoras, cada unha con 325 metros de cadea. A 150 metros de profundidade e 3,5 ou 4 millas da costa podía botar as áncoras, con iso contaba para evitar perder o buque na costa. Mangouras tamén propuxo manter o Prestige nesa posición durante a noite, afastado da costa, suxeito con dúas amarras de 220 metros, proposta rexeitada polo remolcador. Ao serán súmanse tres remolcadores máis e conseguen facerse co buque para afastalo da costa.

15 ao 19 de novembro de 2002 editar

As instrucións son afastar o buque 120 millas da costa escoltados por unha fragata da Armada Española. Mangouras advirte á torre de control marítimo de Fisterra que o buque pode partir en dúas se segue a navegar con rumbo noroeste-320 pero o buque navegaba paralelo á costa galega con rumbo 180 grados. O remolcador Ría de Vigo tiña unha avaría e navegaba en círculos co risco de romper o buque.

O día 15 ás 3:19 da mañá chegaron ao Prestige os técnicos da empresa holandesa Smit Savage co capitán Wytse Huisman. O equipo holandés pediu que se pasase o remolque ao remolcador Chiruca, dende o Ría de Vigo néganse por ordes das autoridades españolas. Ao amencer o Prestige está a 60 millas das costas galegas e a fenda no casco xa medía 30 metros. O buque xa levaba perdidas tres mil ou catro mil toneladas de fuel óleo. Segundo Mangouras a fenda fora producida polo choque dun contedor que aboiaba no mar ou polas ondas[13].

O día 15 pola tarde Mangouras e os tripulantes do Prestige que quedaban a bordo, máis o equipo de Smit Savage de Huisman, foron transportados en helicóptero ata o aeroporto de Alvedro. Alí estaban as cámaras de televisión agardando, Apostolos Mangouras de case 68 anos foi detido pola Garda Civil e levado aos xulgados onde o xuíz despois de tomarlle declaración por doce horas decide mandalo ao cárcere.

O 19 de novembro o remolque do Prestige pasou do Ría de Vigo a outro remolcador chinés, o Da Da. Sobre as 8 da mañá o buque partíase en dúas a 133 millas da costa de Fisterra. Catro horas despois afunde a 145 millas das Illas Cíes, moi preto do Gran Burato. O remolcador chinés foi abordado por tres enviados da Capitanía Marítima para recoller mostras e documentos.

Mangouras estivo 83 días no cárcere de Teixeiro e tivo que pagar unha fianza a aseguradora do buque de 3 millóns de euros para que saíra do cárcere. A posta en liberdade impedía a súa saída de España. Elixiu Barcelona para vivir e estivo alí dous anos vivindo coa súa muller, unha cidade onde non era coñecido e pasaba desapercibido tendo que ir tódolos días a asinar á comisaría. En 2003 foi candidato a 'Mariño do Ano', premio outorgado polo Naval Institute de Londres e pola revista marítima Lloyds. En 2004, en Barcelona 30 capitáns da Mariña Mercante Española fixéronlle unha cea homenaxe polo maltrato que consideran recibiu das autoridades españolas[14]. En Barcelona estivo baixo tratamento médico a base de antidepresivos. Os seus avogados solicitaron a súa liberdade por motivos de saúde e a Audiencia Provincial da Coruña autorizou a súa marcha a Grecia[15] Dende entón Apostolos Mangouras reside entre Atenas e a illa de Icaria coa súa familia. Unha vez cada 15 días ten que acudir á comisaría a asinar. Vive cunha pensión de entre 6.000 ou 7.000 euros ao mes que lle paga Protection and Indemnity, a aseguradora do buque Prestige á espera do xuízo[16].

En 2009 o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, con sede en Estrasburgo (Francia) fallaba a favor da Xustiza Española pola denuncia contra os tres millóns de euros impostos como fianza a Apostolos Mangouras. Co voto a favor de dez maxistrados e o voto en contra de sete, consideraron que a fianza imposta a Mangouras non foi excesiva, xa que se tivo en conta a amplitude do prexuízo provocado pola vertedura de fuel óleo tanto en danos ecolóxicos como económicos[17].

Apostolos Ioannis Mangouras pasa o seu tempo adicado á pesca na illa de Icaria pero dende a costa, sen subir a barco algún, e está a escribir as súas memorias.

O xuízo editar

Artigo principal: Xuízo do Prestige.
 
Avogado de Mangouras no Xuízo do Prestige (outubro de 2012)

En marzo de 2012 o xuízo previsto tívose que aprazar ao aceptar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a recusación dos tres xuíces que ían xulgar o caso por parte da Avogacía do Estado, a Fiscalía e a defensa do capitán do Prestige Apostolos Mangouras, ao ter participado nalgún momento no procedemento[18].

O xuízo polo caso Prestige inciouse o 16 de outubro de 2012 na Coruña, nas instalacións de Expo-Coruña cun custo dun millón de euros[19].

No xuízo estaban acusados dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, danos e desobediencia:

  • Ioannis Mangouras, como capitán do Prestige
  • Nikolaos Argyropoulos, o xefe de máquinas
  • Ireneo Maloto, primeiro oficial con paradoiro descoñecido e declarado en rebeldía

Acusado dun delito contra o medio ambiente e danos:

  • José Luís López-Sors, o daquela director xeral da Mariña Mercante

Así mesmo, están imputados como responsábeis civís directos:

  • The London Steam-Ship Owners Mutual Insurance Association Limited, aseguradora do buque
  • Fondo Internacional de Indemnización de Danos Debidos á Contaminación por Hidrocarburos

Como responsábeis civís subsidiarios:

  • Mare Shipping Inc e Universe Maritime Ltd, navieiras
  • Estado español

No xuízo en 2013 Mangouras foi condenado a nove meses de cárcere por desobediencia grave e ao pagamento dun terzo do custo do xuízo.

O Estado Español levou aos tribunais de Nova York nun xuízo civil á sociedade de clasificación de buques American Bureau of Shipping (ABS)[20]. O caso foi finalmente desestimado polos tribunais dos Estados Unidos.

Notas editar

  1. Mangouras, un navegante en tierra. Faro de Vigo (en castelán).
  2. 20 minutos (ed.). "El Tribunal absuelve a los tres acusados por la catástrofe medioambiental del 'Prestige'". Consultado o 13 de novembro de 2013. 
  3. "Carta do capitán do Prestige á ITF". Vieiros. 21 de xaneiro de 2013. 
  4. La celda de Apostolos Arquivado 05 de xullo de 2012 en Wayback Machine.. laverdad.es (en castelán).
  5. Los técnicos del armador daban el «Prestige» por perdido y ni se planteaban solicitar refugio Arquivado 03/11/2012, en Wayback Machine.. La Voz de Galicia (en castelán).
  6. La desgracia del Prestige por Joan Zamora Terrés (en castelán)
  7. "Un ex capitán del 'Prestige' denunció que el barco era inservible", artigo en El País, 28 de xaneiro de 2011 (en castelán)
  8. "Mangouras, de héroe a villano, ocultó fallos del ‘Prestige’", artigo en El Correo Gallego, 10 de xuño de 2010 (en castelán).
  9. J. Zamora Terrés, capitán de la marina mercante - La farsa del "Prestige" (en castelán)
  10. Llamada de socorro de un petrolero con una vía de agua a 28 millas de Fisterra
  11. [http://www.elmundo.es/nuevaeconomia/2002/154/1040403984.html "Elogio del capitán Mangouras", artigo de Jesús Cacho en El Mundo (en castelán).
  12. "Las grabaciones prueban que Fomento toleró la negociación del "Prestige" con su armador La torre de Finisterre se mostró "de acuerdo" con las gestiones de Mangouras para dar remolque", artigo en El País, 22 de xaneiro de 2003 (en castelán).
  13. "Extractos declaraciones capitán Prestige. Juzgado de Corcubión", en La Voz de Galicia, 28 e 29 de decembro de 2002 (en castelán).
  14. "Treinta capitanes españoles respaldan la candidatura de Mangouras a Capitán del Año", artigo en El Mundo (en castelán).
  15. "A Historia é noticia: Magouras escribe as súas memorias". A Historia é noticia. 10 de outubro de 2009. Consultado o 26 de xuño de 2019. 
  16. "El paraíso del capitán del desastre", artigo en El Mundo (en castelán).
  17. "Estrasburgo avala la actuación de la justicia contra el capitán del 'Prestige'", artigo en El Mundo (en castelán).
  18. [http://www.20minutos.es/noticia/1344566/0/ "El TSXG acepta la recusación de los jueces encargados de juzgar la catástrofe del 'Prestige'", artigo en 20 minutos (en castelán).
  19. Designado el nuevo tribunal que deberá juzgar la catástrofe del «Prestige». La Voz de Galicia (en castelán).
  20. "La cara factura del 'Prestige' en EE UU", artigo en El País (en castelán).

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar