Pica alpina

paxaro
(Redirección desde «Anthus spinoletta»)

A pica alpina,[2] Anthus spinoletta, é unha especie de ave paseriforme da familia dos motacílidos pertencente ao xénero Anthus.[3]

Pica alpina
Anthus spinoletta
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Motacillidae
Xénero: Anthus
Especie: A. spinoletta
Nome binomial
Anthus spinoletta
(Linnaeus, 1758)
Área de distribución de Anthus spinoletta      Área de cría      Residente      Zona de migración      Área de invernada
Área de distribución de Anthus spinoletta      Área de cría      Residente      Zona de migración      Área de invernada

Área de distribución de Anthus spinoletta      Área de cría      Residente      Zona de migración      Área de invernada
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

É un paxaro pequeno, de entre 15,5 e 17 cm de lonxitude,[4] que cría nas montañas da rexión Holártica,[5] aínda que con distribución descontinua,[6] no sur de Europa e das zonas temperadas do sur de Asia até a China. En Galicia é escasa e só pode verse en zonas de montaña lindantes con Asturias e Castela.[5]

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1758 na páxina 166 do volume 1º do seu Systema Naturae baixo o nome de Alauda spinoletta.[3]

Sinónimos editar

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[3]

  • Alauda spec Linnaeus, 1758
  • Alauda spinoletta Linnaeus, 1758 (protónimo)
  • Anthus spinoletta petrosus (Montagu, 1798)

Subespecies editar

Recoñécense as subespecies seguintes:[3]

  • Anthus spinoletta blakistoni Swinhoe, 1863
  • Anthus spinoletta coutellii Audouin, 1826
  • Anthus spinoletta spinoletta (Linnaeus, 1758)

Características editar

 
Anthus spinoletta entre a vexetación
 
Anthus spinoletta spinoletta
 
Ovo

É un paxaro de corpo robusto de plumaxe pouco rechamante, predominantemente de cor parda escura polas partes superiores e co raiado na rexión ventral, típico das picas, falta ou é difuso, axeitada para confundirse co chan. A plumaxe invernal parécese á de Anthus petrosus (e incluso nas patas, xeralmente escuras) pero é algo máis pálida e máis parda polas partes superiores (non, gris olivácea) e a cor das inferiores é branca, con listas máis marcadas. A "cella" e as bandas alares son xeralmante máis pálidas. As plumaa rectrices externas son brancas.[4]

Fóra da época reprodutora resulta difícil de diferenciar da pica costeira (Anthus petrosus), en especial da subespecie Anthus petrosus littoralis. Nesa época o peito e o ventre teñen listas gris acastañadas e a parte superior ten manchas escuras sobre fondo gris amarronado. A permanencia da "cella" e dun anel branco nas pálpebras, permiten a identificación.[Cómpre referencia]

As plumas exteriores da cola, que son brancas coma a neve, permiten identificala cando voa. Tamén o comportamento cando voa é distintivo: a pica alpina cando é molestada voa rapidamente cara a arriba até moita altura e non se volve pousar até que voa unha boa distancia. O Anthus petrosus voa menos, preto do chan e pousa enseguida. Ademais, no inverno, esta última especie prefire vivir na beira do mar, mentres que a pica alpina prefire as augas doces.[Cómpre referencia]

Hábitat e bioloxía editar

 
Anthus spinoletta spinoletta

A especie cría en pasteiros alpinos e prados altos de montaña con praderíaas curtas e rochas, arbustos ou árbores espallados, xeralmente con algunhas zonas húmidas, moitas veces en ladeiras de montañas e tamén en zonas pedregosas con silveiras no lado leste das serras. No inverno atópase en zonas costeiras salgadas, lagoas, marismas, bordos herbosos de lagos e ríos, granxas, arrozais e outros cultivos de rega. En Europa, a posta de ovos ocorre desde finais de abril até principios de xullo. O niño é unha cunca feita de talos e follas de herba con algo de musgo incorporado e forrado de material máis fino e algúns pelos. Sitúase no chan no costado dunha marxe ou oco, xeralmente ben disimulado pola vexetación ou ás veces ao final dun túnel. Normalmente póñense de catro a seis ovos. Aliméntase principalmente de invertebrados, pero tamén toman algo de materia vexetal. A especie é principalmente un migrante de curta distancia ou altitudinal, con migracións regulares desde as altas montañas até as terras baixas no outono.[7]

Reprodúcese entre abril e xuño, podendo facer unha ou dúas niñadas.[Cómpre referencia]

Poboación editar

En Europa a poboación reprodutora estímase entre 1,62 e 3,16 millón parellas, o que equivale a 3,23-6,32 millóns de individuos maduros. A poboción europea é un 25 % do total global, polo que unha estimación moi preliminar do tamaño da poboación mundial é de 12,92 a 25,28 millóns de individuos maduros, aínda que é necesaria unha validación adicional desta estimación. Sospéitase que a poboación é estábel a falta de probas de calquera descenso ou ameaza substancial. Estímase que a poboación europea é estábel [8]

Ameazas editar

Nalgunhas zonas demostrouse que os animais de pastoreo teñen un impacto negativo significativo no éxito da nidificación desta especie.[9] Tamén se pensa que está ameazada polo cambio climático.[10][11] Ademais, tamén se demostrou que a expansión das pistas de esquí é prexudicial para esta especie.[12]

Estado de conservación editar

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), tendo en conta que esta especie ten unha área de distribución extraordinariamente grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel baixo o criterio do tamaño da área de distribución, combinado coa extensión/calidade do hábitat, que a tendencia de poboación parece ser estábel e, polo tanto, a especie non se aproxima aos limiares de vulnerábel baixo o criterio de tendencia de poboación. O tamaño da poboación é extremadamente grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerabel segundo o criterio de tamaño da poboación, por todos estes motivos o status da especie é avaliado como LC (pouco preocupante).[1]

En Galicia editar

Distribución editar

En Galicia habita nas montañas da metade oriental, cunha máis grande presenza nas da provincia de Ourense, habitualmente entre os 600 e os 1 600 m de altitude. A súa falta nas serras que dividen as provincias de Lugo, Coruña e Pontevedra, suponse que se debe a unha prospección incompleta.[5]

Status editar

É sedentaria, aínda que efectúa desprazamentos altitudinais. É pouco común, aínda que pode ser abundante en zonas axeitadas.[5]

Hábitat editar

Vive en rochedos entre matos de Vaccinium, Erica e Genista.[5]

Fenoloxía da migración editar

Aínda que varía segundo as condicións climáticas, a especie realiza movementos de aproximación aos cumios desde primeiros de abril, comezando o descenso a zonas máis cálidas a partir de primeiros de novembro.[5]

Reprodución editar

O período de aniñamemto vai desde finais de maio até finais de xullo.[5]

Ameazas editar

A principal é a alteración do seu hábitat polos continuos incendios forestais.[5]

Galería editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2018): Anthus spinoletta na Lista vermella da UICN. Versión 2021-3. Consultada o 9 de decembro de 2021.
  2. Conde Teira, M. A. (1999): "Lista de nomes galegos para as aves ibéricas" Chioglossa 1: 121-138.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Anthus spinoletta (Linnaeus, 1758) no GBIF. Consultad o 9 de decembro de 2021.
  4. 4,0 4,1 Svensson & Grant 2001, p. 246.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 VV.AA. 1995, p. 483.
  6. Bernis, F. (1971): Aves migradoras ibéricas. Vol. II, Fascículos 7-8. Madrid: Sociedad Española de Ornitología.
  7. Tyler 2016.
  8. BirdLife International (2015): "European Red List of Birds". Office for Official Publications of the European Communities, Luxembourg.
  9. Pavel, V. (2004): "The impact of grazing animals on nesting success of grassland passerines in farmland and natural habitats: a field experiment". Folia Zoologica-Praha 53 (2): 171-178.
  10. Ebenhöh, H. (2003): "Zur Bestandsentwicklung von Berg-und Wiesenpieper (Anthus spinoletta und A. pratensis) am Feldberg im Schwarzwald". Naturschutz südl. Oberrhein 4 (2003).
  11. Melendez, L. & Laiolo, P. (2014): "The role of climate in constraining the elevational range of the water pipit Anthus spinoletta in an alpine environment". Ibis 156 (2): 276-287.
  12. Caprio, E., Chamberlain, D. & Rolando, A. (2014): "Skiing, birds and biodiversity in the Alps". Proceedings of the BOU’s 2014 Annual Conference: Ecology and conservation of birds in upland and alpine habitats.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Liagzóns extrnas editar