Alanos

(Redirección desde «Alano»)

Os alanos foron un pobo indoeuropeo da familia irania. Crese que procederon das estepas de Centroasia ou do norte de Irán. Eran nómades, probablemente de orixe escita - sármata (alain, en lingua escita, significa ‘montaña’). Son mencionados por Ovidio, Xosefo, Amiano Marcelino e Claudiano.[1]

O emperador bizantino Nicéforo III e María de Alania.

Parece que antes do século -I vivían no norte do Cáucaso e aínda que despois efectuaron varias incursións a territorio romano (e parto) seguían establecidos na zona no século III, pero no século IV foron expulsados de alí polos hunos; os que permaneceron nas montañas do Cáucaso deberon dar orixe ao actual pobo dos osetos.

Desprazáronse cara ao oeste expulsados polos hunos e alcanzaron a actual Ucraína. No seu contacto cos godos transmitiron a estes algunhas das súas artes e destrezas, especialmente o tiro con arco dacabalo e algunhas artes metalúrxicas. Os alanos uníronse aos visigodos e a parte dos ostrogodos, establecéndose con eles en Tracia e Mesia, e rebelándose tamén con eles o 377 contribuíndo á vitoria de Adrianópolis sobre as forzas imperiais, obtendo terras en Panonia o 383. O 387 unha parte dos alanos aliáronse aos hunos e o 405 os alanos de Panonia uníronse a unha confederación organizada en torno a Radagaiso que fracasou. Os grupos de suevos, vándalos, alanos e outros que quedaron alén do Rin, reforzados despois cos que regresaron da desafortunada expedición a Italia, invadiron as Galias o 406.

Dos alanos di Amiano Marcelino que eran moitos, e estaban estendidos por todos os países. Os alanos eran louros, fermosos e arrogantes. Consideraban unha felicidade morrer na guerra e conservaban restos dos inimigos mortos, especialmente a pel do cranio que colgaban como trofeo do petral dos seus cabalos. Non adoraban a ningún deus e rendían culto a unha espada cravada en terra. As súas autoridades eran uns xuíces nomeados entre os guerreiros anciáns máis valentes. Non coñecían a escravitude.

No ano 409 entraron na Península Ibérica xunto a suevos e vándalos, tras cruzar rapidamente a Galia nunha campaña de saqueo e estiveron deambulando por ela ata que no ano 411 o emperador Honorio lles ofreceu un pacto de terras. Os alanos establecéronse entón na zona comprendida entre as actuais provincias de Ávila, Salamanca, Cáceres e Toledo. Non formaron nunca un reino propio en Hispania.

Ante a chegada dos visigodos os alanos hispanos pasaron á África noroccidental xunto cos vándalos.

Notas editar

  1. Alvar Ezquerra 2003, p. 20

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Alvar Ezquerra, Jaime (coord.) (2003). Diccionario de Historia de España. Colección Fundamentos nº 200 (en castelán). Madrid: Istmo. ISBN 84-7090-366-7. 

Outros artigos editar