Alameda da Praza de Compostela
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2013.) |
Coordenadas: 42°14′22″N 08°43′17″O / 42.23944, -8.72139
A Alameda é un parque-xardín da cidade de Vigo, situado na praza de Compostela, unha zona comercial e de servizos á beira do porto e da cidade vella. É un xardín urbano de deseño formal, con árbores aliñadas, esculturas e fontes. Ocupa unha superficie duns 9.000 metros cadrados.
Historia e deseñoEditar
Os xardíns históricos da praza de Compostela créanse a finais do século XIX sobre dun recheo gañado ao mar, e constituíndo o primeiro xardín público urbano da cidade. O lugar para crear o parque fixo que o concello de Vigo entrase en conflito coa empresa (Empresa de los Muelles y Terrenos del Puerto de Vigo) que asumira o recheo entre o peirao da Laxe e a prolongación da rúa do Ramal (hoxe rúa de Colón). O preito remata en 1877, cando finalmente se ceden os terreos da 'Nova Poboación' ao concello.
O deseño do parque foi variando ao longo dos anos. Na súa orixe, era un xardín con forma de rectángulo cuxo lado maior estaba orientado á liña da beiramar; nel unicamente había un conxunto de árbores, 56 álamos brancos, de aí o nome de alameda.
A configuración actual comeza a se consolidar a partir de 1928; está formada por un gran corredor central con parterres laterais e unha gran fonte central, con xogos de auga e luces, así como diferentes esculturas distribuídas ao longo do parque.
Hoxe a alameda é un pulmón no corazón da vila, unha zona parcialmente peonil con importantes edificios históricos e ateigada de cafetarías, hoteis e locais de lecer nocturno. É tamén unha das zonas inmobiliarias máis caras da cidade olívica.[Cómpre referencia]
Patrimonio naturalEditar
Os xardíns da alameda non contan actualmente con lamigueiros (álamos). Cómpre salientar porén a riqueza e valor botánico dalgunhas árbores, moitas delas centenarias. Abundas as árbores caducifolias, coma os castiñeiros das bruxas, tamén hai numerosas camelias, magnolias, teixos, araucarias e piñeiros. As sebes dos parterre son de buxo e evónimo. Abundan as flores de tempada como tulipáns, cáncaros e pensamentos.
É polo xeral un xardín sombrizo.
O piñeiro de Australia (Casuarina equisetifolia) que se atopa cara a zona final da alameda, preto do Areal, figura no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia pola súa monumentalidade.
Outros xardíns achegadosEditar
A seguir da Alameda están os xardíns de Eijo Garay, no mesmo Areal, con pérgolas de roseiras rubideiras e palmeiras.
Patrimonio artísticoEditar
EsculturaEditar
As esculturas do parque son obra de Camilo Nogueira Martínez e José Luis Medina[1]
As esculturas de Camilo Nogueira son, entre outras:
- “Maternidade”: figura dunha nai que sostén un neno no colo apoiado no ombro esquerdo.
- “Paz”: esvelta figura feminina que xoga cunhas pombas sobre a súa cabeza.
- “Despedida”: unha nai cos seus dous fillos.
As obras de José Luís Medina son de tipo animal, en granito, e así atopamos a escultura dunha hiena, un cisne ou un caracol.
No centro dos xardíns atópase a estatua de Casto Méndez Núñez, obra do escultor Agustí Querol, construída en bronce. Méndez Núñez foi un mariño vigués que tivo baixo o seu mando a fragata Numancia, o primeiro acoirazado que deu a volta ao mundo.
ArquitecturaEditar
Entre as edificacións senlleiras que teñen fachada á praza de Compostela están a Casa de Prudencio Nandín (1892 e 1900) de Jenaro de la Fuente Domínguez, a Casa Yáñez (1900) de Michel Pacewicz, a Casa de Correos e Telégrafos (1920-1929) de Manuel Gómez Román ou o Edificio Iglesias Curty (1940) de Jenaro de la Fuente Álvarez.
EventosEditar
Na Alameda da praza de Compostela celébranse periodicamente as feiras do libro novo e do libro usado.
Galería de imaxesEditar
|
NotasEditar
- ↑ José Luis Medina Castro, nado en Serrada (Valladolid) o 9 de abril de 1906 e finado ibídem o 19 de setembro de 2003, foi un pintor, escultor e debuxante castelán.
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alameda da Praza de Compostela |