Abrir o menú principal

Acordos de Basilea

páxina de homónimos de Wikimedia

Os Acordos de Basilea (Basilea I, Basilea II e Basilea III) son os acordos de supervisión bancaria ou recomendacións sobre regulación bancaria emitidos polo Comité de Supervisión Bancaria de Basilea (BCBS, siglas de Basel Committee on Banking Supervision). Reciben este nome polo lugar onde o BCBS mantén a súa secretaría do Banco de Pagos Internacionais e onde o comité se reúne con frecuencia, Basilea (Suíza).

O Comité de BasileaEditar

Anteriormente, o Comité de Basilea compoñíase por representantes dos bancos centrais e as administracións reguladoras do G-10 máis Luxemburgo e España. Dende 2009, están representadas tódalas economías principais do G-20 así como outras das principais prazas bancarias como Hong Kong e Singapur.

O Comité non ten a autoridade para impoñer as súas recomendacións, aínda que a maioría dos países membros, así como outros países, tenden a implantar as políticas do Comité. Isto significa que as recomendacións se executan a través de leis e regulamentos tanto a nivel nacional como europeo, máis que coma un resultado das recomendacións do Comité. Deste xeito pode pasar un tempo entre a publicación das recomendacións e a súa execución como lexislación nacional.

NomenclaturaEditar

Nas primeiras publicacións, o Comité empregaba indistintamente a forma inglesa Basle e a francesa Bâle, nomes que a día de hoxe aínda están presentes nos medios. Máis tarde, o Comité decidiu compracer a poboación predominante de fala xermana e adoptou a forma Basel, cuxa pronuncia coincide coa inglesa. En galego emprégase o nome que se coñece para esta rexión, Basilea.[Cómpre referencia]

AcordosEditar

Basilea IEditar

Basilea I é o conxunto de decisións acordadas polos bancos centrais de todo o mundo. En 1988 o Comité de Supervisión Bancaria de Basilea publicou unha serie de requirimentos de capital mínimo para as entidades bancarias. Este Acordo tamén é coñecido como o Acordo de Basilea de 1988 e foi imposto por lei nos países membros do G-10 en 1992. Un novo conxunto de normas coñecidas como Basilea II elaborouse máis tarde coa intención de emendar os Acordos de Basilea I. Porén, recibiron críticas por permitir que os bancos asumisen outros tipos de riscos, o que se considerou parte do detonante da crise financeira de 2008 por mor dos préstamos hipotecarios de alto risco. De feito, os reguladores bancarios dos Estados Unidos reclamaron ós bancos o seguimento do conxunto de regras (Basilea I e Basilea II) para conseguir un enfoque máis conservador. Por isto, prognosticouse que só os bancos máis importantes dos EEUU operarían segundo o establecido nas normas de Basilea II, mentres que os outros se rexerían polas normas de Basilea I.

Basilea IIEditar

Basilea II publicouse por primeira vez en xuño de 2004 para emendar as normas internacionais que controlan canto capital precisan os bancos para asegurar a súa protección fronte os riscos financeiros e operativos. As normas pretenden garantir que canto maior é o risco ó que un banco está exposto, maior sexa a cantidade de capital necesaria para salvagardar a súa solvencia e estabilidade económica. Basilea II establecía uns requisitos de xestión de capital e risco para asegurar que un banco posuía a cantidade de capital suficiente para afrontar os riscos ó que estaba exposto polas súas propias operacións comerciais, de préstamo e de investimento. Un dos principais obxectivos era o de manter unha homoxeneidade nos regulamentos tal que permitise así limitar a competencia desleal entre os bancos en activo internacionais. Aínda que Basilea II foi elaborado nos anos anteriores ó 2008 non foi ata comezos deste ano cando as principais economías o implantaron, mais a crise financeira fixo que non chegase a ser efectivo.

Basilea IIIEditar

Basilea III ou Terceiro Acordo de Basilea é un marco regulador mundial e voluntario que rexe a adecuación do capital bancario, as probas de resistencia e o risco de liquidez dos mercados. Foi acordado entre os membros do BCBS en 2010-2011, e programouse a súa introdución entre 2013 e 2015. Non entanto, os cambios producidos a partir do 1 de abril de 2013 ampliaron a súa execución até o 31 de marzo de 2018 e posteriormente até o 31 de marzo de 2019. O terceiro dos Acordos de Basilea redactouse en resposta ás deficiencias da regulación económica que saíron á luz durante a crise financeira de 2008, mais non tiña como obxectivo substituír os acordos anteriores, senón que se centra noutras cuestións relacionadas principalmente co risco de pánico bancario. Ademais, Basilea III reforzaría os requirimentos de capital bancario aumentando a liquidez e reducindo o apancamento dos bancos.

Durante as negociacións de Basilea III, a crise era unha prioridade e, en consecuencia, tomáronse medidas más severas que foron adoptadas rapidamente por algúns dos países chave da economía incluíndo a rexión europea e os EEUU.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar