Abrir o menú principal

A estrela misteriosa (L'étoile mystérieuse) é o décimo álbum de aventuras de As aventuras de Tintín, o famoso personaxe do debuxante e guionista de cómics belga Hergé, e o primeiro en ser publicado directamente en cor. A versión inicial da historieta fíxose en plena guerra mundial, cando Bélxica estaba baixo a ocupación nazi, o que se reflicte no argumento. Como outros álbums da serie ten dúas versións, a primeira realizada en 1942 e a segunda en 1952.

As modificacións introducidas en 1952 suavizan un tanto o aire pronazi do argumento, aínda que tampouco son substanciais: Bohlwinkel segue sendo un apelido xudeu (aínda que menos recoñecible que Blumenstein) e o personaxe segue tendo os trazos que se atribúen aos xudeus na propaganda antisemita: gran nariz, grosos beizos...

Neste álbum o capitán Haddock fai a súa segunda aparición. Se no anterior (O caranguexo das tenaces de ouro) era un alcohólico sen remedio, neste é presidente da Liga de Mariños Antialcohólicos, aínda que sen moita convicción.

ArgumentoEditar

Tintín observa unha estrela que parece achegarse cada vez máis á Terra. No observatorio, coñece ao profesor Calys, que lle di que se trata dun meteorito que en poucas horas impactará contra o planeta provocando o fin do mundo. Afortunadamente, os científicos equivocáronse nos cálculos e o meteorito pasa de longo aínda que un fragmento cae no Mar do Norte. Algunhas análises revelan que o meteorito contén un metal descoñecido con estrañas propiedades, que o profesor Calys bautiza como calysteno. Organízase unha expedición para recuperar o fragmento que caeu no mar.

Na expedición participan, xunto a un grupo de prestixiosos científicos de todo o mundo, Tintín e o capitán Haddock. Con todo, deberán competir cun empresario sen escrúpulos que fretou outra expedición e que fará o imposible por evitar que os protagonistas cheguen ao aerólito antes que os seus homes.