A amnesia de Clío

A amnesia de Clío é unha ópera con música de Fernando Buíde sobre un libreto en galego de Fernando Epelde. A súa estrea tivo lugar no Auditorio de Galicia da cidade de Santiago de Compostela o 10 de novembro de 2019 baixo a batuta de Paul Daniel á fronte da Real Filharmonía de Galicia. [1] A posta en escena foi dirixida por Marta Pazos nunha produción da compañía Voadora.[2] Trátase da primeira ópera do compositor compostelán, escrita grazas ao mecenado da bolsa Leonardo da Fundación BBVA.[3][4][5]

A amnesia de Clío
A ópera estreouse no Auditorio de Galicia De Santiago de Compostela.
FormaÓpera
Idioma orixinal do libretoGalego
LibretistaFernando Epelde
Estrea10 de novembro do 2019
Teatro da estreaAuditorio de Galicia
Lugar da estreaSantiago de Compostela
Música
CompositorFernando Buíde
Personaxes

Emitiuse na Televisión de Galicia o 17 de maio (o 16 de maio na tvG2) de 2020, dentro da programación especial co gallo do Día das Letras Galegas.[6]

Personaxes editar

Personaxe Tesitura Intérpretes na estrea o 10/11/2019
(Director: Paul Daniel)
Clío, musa da historia soprano Raquel Lojendio
George W. Bush, ex-presidente dos Estados Unidos de América barítono Sebastià Peris
Leslie Zimmerman/Angela Merkel mezzosoprano Marina Pardo

Argumento editar

Acto I: O ano no que Bush comezou pintar os soldados que enviou morrer a Iraq no ano 2003 editar

O expresidente dos Estados Unidos George W. Bush obsesiónase con pintar os soldados que enviou á Guerra de Iraq, partindo dunha anécdota real que emprega como detonante do surrealismo, parcialidade e excentricidade que rodean a idea de "perspectiva histórica".[7]

O desenvolvemento do acto inicial é como un encontro político entre Clío e Bush, dúas figuras antagónicas, con detalles e flashbacks musicais entre o real e o ficticio.[7]

Acto II: Guerra editar

Oito anos despois dos acontecementos narrados no primeiro acto, estala unha guerra política entre Bush (de novo presidente electo dos Estados Unidos) e Clío, quen conseguiu chegar ao posto de gobernadora italiana.[7]

O segundo acto permite comprender mellor as motivacións de Clío, o seu pasado e as dificultades que se atopou e que a converteron nunha icona complexa e contraditoria. Na voz da musa revívense as estratexias para fuxir da mecánica do patriarcado e as interseccións do seu camiño ata o posto que ocupa. Finalmente Clío trama un plano para desfacerse do seu rival.[7]

Acto III: Clío editar

A metamorfose da muller finaliza, converténdose finalmente na músa da historia, Clío. Detállase a estratexia política para derrocar a George W. Bush da presidencia dos Estados Unidos. Clío revélase como a muller escollida para rexer os designios dunha Europa sumida en profundas mudanzas.[7]

Instrumentación editar

A amnesia de Clío é unha ópera escrita para orquestra de cámara, cunha orquestra reducida de tan só uns 38 integrantes.[7] Como único requisito para a sección de corda sinálase que esta debe conter canto menos catro violonchelos e tres contrabaixos, mentres que a sección de ventos engade contrafagot e clarinete baixo que reforzan os graves, e a de percusión engade instrumentos resonantes como as campás, o vibráfono ou o tam-tam, que xunto coa arpa actúan como prolongación sonora das harmonías da orquestra.[8]

Notas editar

  1. "La Coruña / Ser musa y ser mujer" (en castelán). Consultado o 10/5/2020. 
  2. "Voadora | La amnesia de Clío". voadora (en castelán). Consultado o 10/5/2020. 
  3. "Fernando Buide presenta ‘La amnesia de Clío’, su primera ópera". Red Leonardo (en castelán). 29/10/2019. Consultado o 10/5/2020. 
  4. Santiago, Antón de (14/11/2029). "«A amnesia de Clío», una sobresaliente ópera del compositor compostelano Fernando Buide". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9/5/2020. 
  5. "Presentación da ópera “A amnesia de Clío” de Fernando Buíde" (en castelán). Real Filharmonía de Galicia. 29/10/2019. Arquivado dende o orixinal o 26/05/2020. Consultado o 9/5/2020. 
  6. "TVG 2 emitirá «A amnesia de Clío» o sábado 16". La Voz de Galicia. 15 de maio de 2020. Consultado o 17 de maio de 2020. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 "Dossier distribución 2020" (PDF) (en castelán). VOADORA. Consultado o 17 de maio de 2020. 
  8. García Balado, Ramón (15 de maio de 2020). "Dos pases de “A amnesia de Clío”, de Fernando Buide del Real, en la TVG". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 17 de maio de 2020.