Ángela Molina
Ángela Molina Tejedor, nada en Madrid o 5 de outubro de 1955, é unha actriz española. Pertence a unha coñecida saga de artistas, os inicios cinematográficos de Ángela Molina, que inclúen traballos para Luis Buñuel ou para Manuel Gutiérrez Aragón, convertérona nunha das actrices máis representativas da etapa que se coñece como a da Transición española. A súa notábel presenza internacional permitiulle rodar en Italia, Francia ou Latinoamérica, así como superar o centenar de filmes e atesourar premios como o David de Donatello da Academia italiana ou a Cuncha de Prata do Festival de San Sebastián.
Ángela Molina en 2007 | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Ángela Molina Tejedor 5 de outubro de 1955 (69 anos) Madrid (España franquista) |
Actividade | |
Ocupación | actriz, coreógrafa, actriz de cinema, bailarina |
Período de actividade | 1974 - |
Familia | |
Fillos | Olivia Molina |
Pai | Antonio Molina |
Irmáns | Miguel Molina Noel Molina Mónica Molina Paula Molina |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Medalla de Oro (en) |
|
Biografía
editarFoi a terceira dos oito fillos do cantante e actor Antonio Molina. Os seus irmáns Paula, Miguel, Mónica e Noel, así como a súa filla Olivia, tamén se dedican á interpretación e á música.
Inicios
editarEstudou ballet clásico, danza española e Arte Dramática na Escola Superior de Madrid. Traballou no circo en Francia e foi profesora de baile clásico español antes de aparecer na súa primeira película, No matarás (César F. Ardavín, 1974), a raíz dunha reportaxe fotográfica publicada en Fotogramas.
Coa chegada da Transición e o tirón comercial do destape, do que axiña se desvinculou, enfocou a súa carreira cara a producións con certa calidade e compromiso, decote de temática social, política ou histórica, motivada polo pensamento que acompaña cada guión.[1]
En 1976 rexeitou protagonizar Cambio de sexo, de Vicente Aranda, asumindo papeis relevantes en La ciutat cremada, de Antoni Ribas e Las largas vacaciones del 36, de Jaime Camino. Un ano antes fora proposta para o papel que interpreta Alicia Sánchez en Furtivos, de José Luis Borau, con quen máis tarde traballou en La sabina (1979).
Luis Buñuel elixiuna en 1977 para protagonizar, xunto a Fernando Rey, Ese oscuro objeto del deseo, película que lle deu renome internacional e lle abriu as portas do cine europeo. Nela comparte personaxe coa actriz francesa Carole Bouquet e exhibe un temperamento vivo e enigmático combinado co seu aspecto doce e suave. Buñuel afirmou dela que posúe «o rostro dunha virxe pagá», afianzando así o mito de muller instintiva e pasional que conserva na súa mirada certo primitivismo.[2]
Consolidación e recoñecemento
editarDurante a década de 1980 converteuse en rostro habitual da grande pantalla, reafirmando a súa presenza en España e ampliándoa a Francia e Italia, con incursións no cine alemán e norteamericano. Fala varios idiomas, polo que non adoita necesitar ser dobrada. Intervén en Operación Ogro, de Gillo Pontecorvo; en Bearn o la sala de las muñecas, de Jaime Chávarri, aparece en La Bella Otero nunha coprodución hispano-italiana e roda ás ordes de Jaime de Armiñán, Luigi Comencini, Ricardo Franco, Marco Bellocchio, Bigas Luna e Lina Wertmüller.
Unha frutífera colaboración co director cántabro Manuel Gutiérrez Aragón afianza a súa carreira e afonda no seu potencial dramático mediante papeis principais en Camada negra, El corazón del bosque, Demonios en el jardín e La mitad del cielo, obras que compoñen un retrato alegórico da España ominosa do franquismo e nas que a ideoloxía, o núcleo familiar e a presenza feminina cobran especial importancia. «Esas películas marcaron mi alma y mi forma de trabajar», dixo máis tarde a actriz.[3]
En 1985 recibe o Gran Premio da Crítica de Nova York, e ao ano seguinte convértese na primeira actriz estranxeira en recibir un David di Donatello da academia italiana de cine. Tamén en 1986 consegue con La mitad del cielo a Cuncha de Prata á mellor actriz no Festival de Cine de Donostia e é nomeada na I edición dos Premios Goya.
Artista multidisciplinar
editarNesta época proba sorte no mundo da canción, co disco Con las defensas rotas (1986) que inclúe un dueto con Georges Moustaki na canción "Muertos de amor". Porén, foi nas dçuas partes de Las cosas del querer (Jaime Chávarri, 1989 e 1995), onde desenvolveu con éxito a súa faceta musical, dando vida a un personaxe moi querido na súa carreira. Pouco antes roda Esquilache, de Josefina Molina, que protagoniza Fernando Fernán Gómez.
Considerada unha das actrices españolas mellor pagadas canda a Ana Belén e Victoria Abril, espaza os seus traballos nacionais a partir de 1990, coincidindo coa súa negativa a protagonizar a versión de Bigas Luna de Las edades de Lulú -polo escabroso dalgunhas escenas-, e especialmente co agravamento da enfermidade e morte de Antonio Molina en 1992. Destaca en Sandino, de Miguel Littín, que narra a vida do líder revolucionario nicaraguano Augusto César Sandino, e en El hombre que perdió su sombra, de Alain Tanner, xunto a Francisco Rabal. Traballa tamén con Marcello Mastroianni e aparece en 1492: Conquest of Paradise, superprodución de Ridley Scott que protagoniza Gérard Depardieu. Con Viggo Mortensen roda Gimlet en 1995.
Debuta con Pedro Almodóvar en Carne trémula (1997), un traballo que non se afasta de todo da moza sensual dos seus inicios, pero aproximándose xa á muller madura, marcada polas pegadas da vida, que representa nos últimos anos. A rodaxe con Almodóvar supuxo certas dificultades para a actriz, que volveu saborear o recoñecemento profesional. Conseguiu o seu cuarto Fotograma de Prata e logrou unha cuarta candidatura ao Premio Goya.
Teatro
editarPosteriormente protagonizou a comedia televisiva Hermanas e ofreceu un variado rexistro en proxectos moi dispares, decote independentes e comprometidos, tanto españois como estranxeiros. Destacan El mar, Punto de mira (One of the Hollywood Ten), Sagitario, Al sur de Granada, Los Borgia e La caja.
En 2002 debuta no teatro no Festival de Teatro Clásico de Mérida con Troya, siglo XXI. En 2005 encarna á sedutora Mrs. Robinson en El Graduado, montaxe dirixida por Andrés Lima, onde tamén actúa a súa filla Olivia, cun papel antagónico. Regresa tres anos despois aos escenarios con La dama del mar, adaptación de Susan Sontag do texto de Henrik Ibsen para Robert Wilson.
En 2007 estrea El destino de Nunik, crónica do xenocidio armenio a cargo de Paolo e Vittorio Taviani que protagoniza xunto a Paz Vega. Tras colaborar en dçuas películas de Giuseppe Tornatore, repite con Almodóvar en Los abrazos rotos, dando vida á nai de Penélope Cruz.
En recoñecemento á súa extensa carreira cinematográfica recibiu en 2002 o primeiro Premio Málaga do Festival de Cine Español de Málaga, e inaugura un monólito na súa honra no Paseo de Antonio Banderas da cidade andaluza.
Ángela Molina ten tres fillos da súa primeira unión co fotógrafo e realizador francés Hervé Tirmarche, e dous (a última nada en 2003) co seu actual marido, Leo Blakstad.
Filmografía
editarObras de teatro
editar- La dama del mar, de Robert Wilson (2008)
- El Graduado, de Andrés Lima (2005)
- Troya, siglo XXI, de Jorge Márquez (2002)
Televisión
editar
|
|
Discografía
editar- Las cosas del querer. 2ª parte (1995)
- B.S.O. Las cosas del querer. Xunto a Manuel Bandera (1989)
- Con las defensas rotas. Colabora Georges Moustaki (1986)
Notas
editar- ↑ Aguilar, Carlos e Genover, Jaume (1992) El cine español en sus intérpretes. Editorial Verdoux.
- ↑ Borau, José Luis, dir. (1998) Diccionario del cine español. Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España.
- ↑ "Carlos Heredero retrata la filmografía de Gutiérrez Aragón" Diario El País (1998).
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Biofilmografía (en castelán).
- "Perfiles de Cine: Ángela Molina. Arrebatadora y terrenal". El País, 9 de agosto de 2004 (en castelán).