A contrafío

novela de Joris-Karl Huysmans
(Redirección desde «À rebours»)

A contrafío[1] (en francés: À rebours) é unha novela do escritor francés Joris-Karl Huysmans publicada por vez primeira en 1884. O editor e poeta inglés Arthur Symons cualificouna como "o breviario da decadencia"[2], mentres que os galos Guy de Maupassant e Paul Alexis a describiron, respectivamente, como "a historia dunha neurose"[3] e "o estudo naturalista dun caso de neurose"[4]. Tamén é habitual cualificar a obra como un manifesto estético[5][6].

A contrafío
Título orixinalÀ rebours
Autor/aJoris-Karl Huysmans
OrixeFrancia
LinguaFrancés
Xénero(s)Novela
EditorialFrancia G. Charpentier
Galicia Editorial Hugin e Munin
Data de pub.Francia 1884
Galicia 2016
FormatoTapas duras e brandas
Páxinas322
ISBNISBN 978-84-944422-9-2
TraduciónIsabel Soto
editar datos en Wikidata ]

Foi traducida ao galego por Isabel Soto[7] e publicada en 2016 por Editorial Hugin e Munin.[1]

Trama editar

 
Huysmans, autor de A contrafío.

A narración céntrase no seu personaxe protagonista, Jean des Esseintes, e ofrece un extenso catálogo dos seus gustos e forma de vida. Trátase dun home excéntrico, cualidade de esteta e antiheroe; odia a burguesía e o utilitarismo do século XIX, polo que trata de retirarse nun mundo artístico creado por el mesmo.

A contrafío aborda diversos temas simbolistas. Representa a ruptura co naturalismo e a miúdo é considerada a Biblia do decadentismo[8].

Na novela de Oscar Wilde O retrato de Dorian Gray, este é o libro que Lord Henry Wotton lle entrega a Dorian Gray e que o acaba por levar á súa completa corrupción[9].

Influencia sobre a literatura galega editar

Se ben o movemento decadentista tivo escasa implantación en Galicia, o certo é que A contrafío si xoga un papel relevante en canto á constitución da literatura galega[10], como obra de referencia para diversos autores da Xeración Nós (de maneira notable, para Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco) así como para outros xa da segunda metade do século XX, como Lois Pereiro.

Risco sinala de maneira explícita no seu ensaio Nós, os inadaptados (1933) a súa admiración por Huysmans, a súa obra A contrafío e, en concreto, por Jean des Esseintes en tanto que arquetipo do dandi:

O tipo [inadaptado] deuse adoito na fin do século derradeiro, e atopou cecais a máis nidia expresión literaria no Des Esseintes de Huysmans. O tíduo da novela de Huysmans dío todo: À rebours; porque eso é o que son os inadaptados, os que van a contrafío do seu tempo, os que non acaen cos seus contemporáneos.

Nese sentido, o crítico Manuel Rodríguez Alonso sostivo que a estética de Huysmans está presente en O porco de pé de Risco.[11]

Por outra banda, Pedrayo, en Arredor de si (1930), cita expresamente a Huysmans en dúas ocasións. Unha desas veces traza un paralelismo entre Adrián Solovio e as experiencias que Des Esseintes vive no capítulo XI da novela gala. Di así:

Unha noite Adrián lembrara unhas páxinas de À rebours de Huysmans. Deberíase traducir en castelán “a contrapelo”. Tivo a mesma fame de vida inglesa, salgada e forte, do wiking dono dos ronseis do mar. Baixoas arcadas de Rivoli o título “Bodega” arredondeábase groso e cheo, seguro e ditoso como un tonel.

Aludindo a Solovio e a Des Esseintes, Ramón Lugrís escribía (orixinalmente en lingua castelá) en 1967:

Hai dous tipos de Inadaptados: o que rompe coa sociedade e illa dela, e o que busca abrir novos camiños. Ao primeiro corresponde o protagonista de À Rebours; ao segundo corresponde Adrián, o protagonista de Arredor de si.

Anos máis tarde, o escritor Lois Pereiro incluíu a Huysmans ("sen dúbida Huysmans") no artigo sobre grandes escritores do Decadentismo que escribiu para A Naval.[12]

Manuel Outeiriño tamén viu a vinculación entre a obra de Huysmans e Pereiro.[13].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 A contrafío. Traducido por Isabel Soto (1ª ed.). Santiago de Compostela: Editorial Hugin e Munin. 2016. ISBN 978-84-944422-9-2 – vía Biblioteca da Tradución Galega. 
  2. No orixinal inglés, "the breviary of the decadence". Delineating Decadence: The Influence of J.-K. Huysmans on Arthur Symons Arquivado 11 de abril de 2017 en Wayback Machine., por Cevasco, G. A. para a revista de estudos académicos Nineteenth-Century Prose, o 22 de marzo de 1996. (en inglés)
  3. Huysmans and the Decadent Aesthetic of Madness: Boredom, Loneliness, and Psychoneurosis, en Oscar Wilde and the French Decadents (en inglés).
  4. Wolter, Jennifer Kristen (2003). The Médan Matrix: Huysmans and Maupassant following Zola's model of naturalism (PhD) (en inglés). Ohio State University,. p. 172. Consultado o 17 de decembro de 2018. 
  5. Des Esseintes & le parfum Arquivado 23 de outubro de 2017 en Wayback Machine., artigo en chyprerouge.com o 17 de febreiro de 2012 (en francés).
  6. Ficha da obra na páxina da Bibliothèque Numérique Nondiale (en francés).
  7. Editorial Hugin e Munin (ed.). "Catálogo da Editorial Hugin e Munin (actualizado o 1 de xaneiro de 2019)" (PDF). p. 41. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de marzo de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2019. 
  8. Charles Marie Georges, dit Joris-Karl Huysmans, como extracto do artigo "Dictionnaire mondial des littératures, recollido pola edición dixital da Enciclopedia Larousse. (en francés)
  9. Linking The Picture of Dorian Gray and Huysmans’ A rebours (Exercise #3), en Oscar Wilde and the French Decadents o 23 de outubro de 2012. (en inglés)
  10. '"Huysmans e a literatura galega" Arquivado 06 de abril de 2017 en Wayback Machine. en Algunhas claves para ler A contrafío, unha novela de Joris-Karl Huysmans, pp. 71-77.
  11. Co gallo da sexta edición de O porco de pé Arquivado 06 de abril de 2017 en Wayback Machine., entrada no blog Bouvard e Pécuchet o 12 de febreiro de 2014.
  12. «Dandys, eterómanos e infames. O vicio como luxo» (1986), A Naval, nº 5.
  13. Esteticismo e terribilità na obra poética de Lois Pereiro Arquivado 20 de agosto de 2016 en Wayback Machine. no Boletín 372 da Real Academia Galega, p. 132-133.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • J.-K.Huysmans, À rebours. Gallimard, Folio classique. París, 1977. ISBN 978-2-07-036898-3
  • Françoise Court-Perez, Joris-Karl Huysmans, À rebours, PUF, 1987.
  • Nathalie Limat-Letellier, Le Désir d'emprise dans À rebours de J.-K. Huysmans, Minard, 1990.
  • Pierre Jourde, Huysmans - À rebours : l'identité impossible, Champion, 1991.
  • François Livi, J.-K. Huysmans, À rebours et l'esprit décadent, Nizet, 1991.
  • Daniel Grojnowski, À rebours de J.-K. Huysmans, Gallimard, 1996.
  • Jérôme Solal, Huysmans et l'homme de la fin, Minard, 2008.