Xenxo de Arles
Xenxo de Arles[1] (do latín: Genesius[1]), tamén coñecido por San Xenxo,[1] San Xes[1] ou San Xens,[1] nado no século III e martirizado en Trinquetaille arredor do ano 303.[2] Foi secretario dos arquivos oficiais do maxistrado imperial da cidade romana de Arles.[2]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século III Etiopía |
Morte | 286 ↔ 303 Roma, Italia |
Actividade | |
Ocupación | actor, mimo |
Período de tempo | Imperio Romano |
Enaltecemento | |
| |
Día de festividade relixiosa | 25 de agosto |
Traxectoria
editarNaceu a finais do século III mais non está claro o seu lugar de nacemento. Mentres para algúns é orixinario de Etiopía, outros decántanse pola cidade de Arles, situada na daquela Galia romana, hoxe na Provenza francesa.[2] Fixo carreira de armas, para continuar a tradición familiar, mais rematou dedicádonse á escrita. Foi nomeado secretario dos arquivos oficiais do maxistrado imperial da cidade romana de Arles.[2] Durante esta etapa como funcionario, coñeceu o cristianismo.[2] Nun determinado momento, debido ás súas funcións, foille encomendada a copia e a distribución dun decreto de persecución contra os cristiáns promulgado polo emperador Diocleciano.[2] Indignado, rompeu as táboas de cera onde se atopaba o escrito e fuxiu. O 25 de agosto de 303 (ou 308) foi apresado preto do río Ródano, nos arrabaldes de Trinquetaille, e alí foi decapitado.[2]
Confluencia con Xenxo de Roma
editarNa tradición católica, rexístranse dous santos co nome de Xenxo (ou as súas variantes Xens e Xes), Xenxo de Roma e Xenxo de Arles, aínda que realmente se trata da mesma persoa. Secasí, as súas biografías, que coinciden en cronoloxía e martirio, foron bifurcándose: un, actor de teatro e o outro, escribán na cidade francesa de Arles. Xenxo de Arles, patrón de oito parroquias galegas, é o que maior culto acada en Galicia.[1]
No Martiroloxio Romano, no 25 de agosto pódese ler:
Item Romae sancti Genesii Martyris, qui, primum sub Gentilitate mimus, cum in theatro, spectante Diocletiano Imperatore, Mysteriis Christianorum illuderet, repente, inspiratus a Deo, conversus est ad fidem et baptizatus. Mox, Imperatoris jussu, fustibus crudelissime caesus, deinde suspensus in equuleo, et ungularum diutissima laceratione vexatus, lampadibus etiam adustus est; ac tandem, cum in fide Christi persisteret, dicens: « Non est Rex praeter Christum, pro quo si millies occidar, ipsum mihi de ore, ipsum mihi de corde auferre non poteritis », martyrii palmam obtruncatione capitis promeruit.
Galicia
editarTrátase dun dos nomes que conseguiron evitar a castelanización en apelidos e topónimos.[1] Dálle nome ao concello de Sanxenxo e vila e lugar homónimos, ademais dos lugares de San Xes e San Xens, dispersos pola xeografía galega. A fonte de San Xes (Paderne de Allariz), que ten figura de orella, crese que é boa para curar os males de oído.[1]
É avogoso das espullas e dos fenómenos meteorolóxicos adversos (pedrazo, raios, treboadas...).[1]
Tamén está presente na tradición oral:[1]
Notas
editar- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 Ferro Ruibal, Xesús; et alii (1992). Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Abad, Xoán C. (2022). In hac lacrimarum valle. Guía ilustrada para recoñecer os santos patróns dos templos da provincia de Pontevedra. Instituto de Estudos Vigueses.