A illa de Wrangel (en ruso: Остров Врангеля; Ostrov Vrangelya, tamén se atopa transliterado ás veces como Ostrov Vrangl'a.) é unha illa do Ártico, localizada entre o mar de Chukchi e o mar de Siberia Oriental, no meridiano 180º, a 140 km da costa de Siberia, da que a separa o estreito de Long. Cunha lonxitude de 150 km e 125 km, na súa maior anchura, ten unha superficie de 7.608 km².

Modelo:Xeografía físicaWrangel
(ru) Остров Врангеля Editar o valor en Wikidata
Imaxe
Tipoilla Editar o valor en Wikidata
EpónimoFerdinand von Wrangel (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaChukotka, Rusia Editar o valor en Wikidata
Mapa
 71°14′N 179°24′O / 71.23, -179.4
Bañado porOcéano Ártico Editar o valor en Wikidata
Características
Altitude1.096 m Editar o valor en Wikidata
Dimensións80 (ancho) × 150 (lonxitude) km
Superficie7.600 km² Editar o valor en Wikidata
Categoría Ia da UICN: reserva natural estrita
Historia
Data de descuberta ou invención1764 Editar o valor en Wikidata

Administrativamente, pertence ao distrito autónomo de Chukotka da Federación de Rusia.

No ano 2004 a illa de Wrangel foi inscrita como integrante do Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

A illa leva o nome do barón Ferdinand von Wrangel (1797-1870), que emprendeu en 1.820 unha viaxe de investigación á illa tras observar os voos de partida das aves do Norte e interrogou á poboación nativa tchouktche. Nunca atopou a illa, pero leva o nome na súa honra.

Xeografía

editar

A illa está cuberta, na súa parte central e meridional, por dous macizos montañosos erosionados, de orientación leste-oeste. O punto máis alto da illa, o monte Sovetskaïa (1.093 m), está situado ao sur da illa. As montañas do centro están percorridas por numerosos vales protexidos, que se benefician dunhas condicións meteorolóxicas comparativamente máis leves durante o breve verán ártico. A metade norte da illa consiste en grandes chairas baixas, salpicadas de numerosos lagos e ríos (5 deles con máis de 50 km de longo). As chairas de tundra menos extensa cobren a costa sueste. As costas son variadas, con altos cantís, lagoas costeiras, zonas húmidas e praias de area, rochas ou croios.

Ecosistema

editar
 
Paisaxe de tundra da illa de Wrangel

O Sistema natural da Reserva da illa de Wrangel, inscrito no Patrimonio da Humanidade da UNESCO en 2004, inclúe a illa de Wrangel, a illa Herald, un illote rochoso situado a 60 km ao leste da illa de Wrangel, e unha zona marítima de 12 millas mariñas ao redor de cada illa, cun total da unidade 19.163 km².

A Reserva da illa de Wrangel é un ecosistema insular autónomo. É evidente que sufriu un longo proceso evolutivo sen interrupción pola glaciación que cubriu a maior parte do Ártico durante o Cuaternario. O número e tipo de plantas endémicas, a diversidade de comunidades vexetais, a rápida sucesión e os mosaicos de tipos de tundra, a presenza de caveiras e cranios relativamente recentes de mamuts, a variedade de tipos de terreos e formacións xeolóxicas nun pequeno espazo xeográfico son todos testemuñas da rica historia natural de Wrangel e o seu lugar único na evolución do Ártico. Ademais, o proceso continúa como se pode observar, por exemplo, coas densidades excepcionalmente altas e os comportamentos particulares de poboacións de lemmings de Wrangel en comparación con outras poboacións no Ártico ou adaptacións físicas dos renos de Wrangel, que agora poderían ser parte dunha poboación distinta da do continente. As estratexias de interacción entre especies están moi desenvolvidas e son visibles en toda a illa, especialmente preto dos niños bufos nivais, que actúan como protectorado doutras especies e balizas para as especies migratorias, ao redor dos tobos de raposos.

A Reserva da illa de Wrangel ten o máis alto nivel de biodiversidade no alto Ártico. A illa é unha zona de aniñación para a única poboación asiática de ganso nival, que aos poucos está recuperándose duns niveis sumamente baixos. O medio mariño é un sitio de alimentación cada vez máis importante para a balea gris, que migra desde México (algunhas procedentes doutro lugar Patrimonio Mundial, o santuario de baleas de Vizcaíno, en México). As illas son o fogar das maiores colonias de aves mariñas do mar de Chukchi e son os sitios de aniñación máis setentrionais de máis de 100 especies de aves migratorias, incluíndo varias en perigo como o falcón peregrino. Eles teñen importantes poboacións de especies de paxaros residentes na tundra, mesturadas con especies migratorias do Ártico e outros lugares, e teñen a maior densidade de goridas ancestrais do oso polar. A illa de Wrangel conta coa maior poboación de morsas do Pacífico, con preto de 100.000 exemplares que se congregan en calquera tempo, nunha das grandes colonias costeiras da illa. Dado que a illa de Wrangel ten unha alta diversidade de hábitats e climas e que as condicións varían considerablemente dun lugar a outro, practicamente nunca houbo unha desaparición total da reprodución dunha especie, o que dado o tamaño relativamente pequeno da rexión é extremadamente infrecuente no alto Ártico.

A illa de Wrangel goza dun clima de tipo polar. Os invernos son moi fríos e os veráns son moi frescos. En febreiro, o mes máis frío, a temperatura media diaria aproxímase a -25 °C. En xullo, o mes máis caloroso, a temperatura media diaria supera lixeiramente os 0 °C. As augas frías do océano Ártico desempeñan un papel moderador e axudan a manter baixas temperaturas ao longo do ano. A precipitación é baixa e teñen lugar principalmente no verán. A neve non cobre o chan máis que uns 79 días por ano de media. O vento sopra con forza a maior parte do ano (media anual de velocidade do vento: 5 m/s). A néboa é frecuente.

  • Temperatura máis fría rexistrada: -57,7 °C (decembro de 1926)
  • Temperatura máis quente rexistrada: 18,2 °C (xullo de 1927)
  • Media de número de días con neve nos anos: 158
  • Media de número de días chuviosos durante o ano: 57
  • Media de número de días con tormenta no ano: 0
  • Media de número de días con nevasca no ano: 71
  • Media de número de días con néboa no ano: 69

Historia

editar
 
Fotografía en cor verdadeira MODIS de illa Wrangel (2001)

A principios de 1820, o explorador ruso Ferdinand von Wrangel intentou en balde atopar a illa. Foi descuberta en 1867 polo baleeiro americano Thomas Long, que a nomeou en honra de Wrangel. Unha expedición rusa foi enviado á illa en 1911, e a illa foi reclamada por Rusia en 1916. O explorador canadense de orixe islandés Vilhjalmur Stefansson enviou un equipo de colonos á illa en 1921, coa intención de reclamar a illa para o Canadá, pero agás unha dos membros, todos os integrantes do equipo pereceron. En 1924, un buque soviético expulsou pola forza a unha pequena colonia de inuit estabelecidos alí polos Estados Unidos en 1923. En 1926, a URSS estabeleceu unha colonia permanente na illa, onde hoxe en día hai unha estación comercial e meteorolóxica (Ouchakovskoïe).

Prehistoria

editar

Descubríronse probas dunha ocupación humana prehistórica en 1975, no sitio coñecido como Chertov Ovrag, onde se atoparon varias ferramentas de pedra e marfil, incluíndo un arpón. A datación por radiocarbono puxo de manifesto que a ocupación humana coincidiu aproximadamente cos últimos mamuts da illa, ao redor do 1.700 a.C., aínda que non se atoparon probas directas da caza de mamuts.

Unha lenda frecuente entre os chukchi siberianos conta que un xefe Krachai ou Krahay fuxiu co seu pobo (os krachaianos ou krahays) a través do xeo para asentarse nas terras do norte. Aínda que a historia é mítica, deuse crédito á existencia dunha illa ou continente cara ao norte pola migración anual de renos a través do xeo, así como pola aparición de puntas de lanza de lousa lavada nas costas do Ártico, feitas dun xeito descoñecido polos chukchi.

Primeiras noticias

editar

En 1764 o sarxento cosaco Andrejew afirmou avistar a illa, chamándoa "terra Tikegen" e atopou probas dos seus habitantes, os Krahay. A illa leva o nome do barón Ferdinand von Wrangel (1797-1870), que, logo de ler o informe de Andrejew e de escoitar as historias que contaban os chukchi de terras e illas, e tras observar a dirección que tomaban as bandas de aves, realizou unha expedición (1820-24) para descubrir a illa, aínda que non logrou ter éxito.

Expedicións británicas e americanas

editar

En 1849, Henry Kellett, capitán do HMS Herald, puxo pé e nomeou a illa de Herald, e dixo ver outra illa ao oeste; posteriormente, foi indicada nas cartas do Almirantado británico como «Terra de Kellett».

En agosto de 1867, Thomas Long, un capitán baleeiro americano, «achegouse a ela a unhas quince millas. chamei a esta terra do norte Terra Wrangell [sic]... como un tributo apropiado á memoria dun home que pasou tres anos consecutivos ao norte do paralelo 68°, e demostrou a cuestión deste mar polar aberto hai corenta e cinco anos, aínda que outros, moito máis tarde trataron de reclamar o mérito dese descubrimento».

George W. DeLong, comandante do USS Jeanette, conduciu unha expedición en 1879 tratando de chegar ao Polo Norte, esperando ir polo «lado oriental da terra Kellett», que ao seu xuízo estendíase moito no Ártico. O seu barco quedou atrapado na banquisa (no xeo movible) e seguiu á deriva cara ao leste, á vista de Wrangel, antes de ser esmagado e afundido. Os primeiros que puxeron pé na illa de Wrangel, o 12 de agosto de 1881, foron os membros dunha partida do USRC Thomas Corwin, que reclamaron a illa para os Estados Unidos.

A expedición, baixo o mando de Calvin L. Hooper, foi á procura da Jeannette e de dous baleeiros desaparecidos, ademais de realizar unha campaña de recoñecemento xeral. Incluía ao naturalista John Muir, que publicou a primeira descrición da illa de Wrangel.

Expedición Hidrográfica ao océano Ártico

editar

En 1911, unha expedición científica rusa, a Expedición Hidrográfica ao Océano Ártico, dirixida por Boris Vilkitsky cos quebraxeos Vaygach e Taymyr, fixo terra na illa.

Sobreviventes da Expedición Stefansson

editar

En 1914, os sobreviventes da mal equipada Expedición Ártica canadense, organizada por Vilhjalmur Stefansson, foron abandonados alí durante nove meses despois de que o seu buque, o Karluk, fose esmagado nos xeos. Os sobreviventes foron rescatados polo pesqueiro motorizado King & Winge, despois de que o capitán Robert Bartlett cruzase a pé o mar de Chukchi ata Siberia para pedir axuda.

O fracaso da segunda Expedición de Stefansson (1921)

editar

En 1921 a illa de Wrangel converteríase no escenario dunha das traxedias da historia ártica cando Stefansson enviou cinco colonos (un canadense, tres estadounidenses, e un inuit) nun intento especulativo para reclamar a soberanía da illa para Canadá. Os exploradores foron seleccionados por Stefansson sobre a base da súa anterior experiencia e credenciais académicas. Steffanson considerou que tiñan coñecementos avanzados en xeografía e ciencia suficientes para esta expedición. O primeiro grupo estaba integrado polo canadense Allan Crawford, e os norteamericanos Fred Maurer, Lorne Knight e Milton Galle. En 1923, o único sobrevivente desta expedición, a muller inuit Ada Blackjack, foi rescatada por un barco que deixou outro grupo de 13 (o americano Charles Wells e outros 12 inuits). En 1924, a Unión Soviética desaloxou aos membros deste asentamento e estableceu o asentamento que sobrevive ata o día de hoxe na illa.

Dominio soviético

editar

En 1926, un equipo de exploradores soviéticos, equipado con tres anos de subministracións, desembarcou na illa de Wrangel. As augas estaban libres de xeo, o que facilitou a súa chegada en 1926, pero os seguintes anos a illa permaneceu bloqueada. Os intentos de chegar á illa por mar foron infrutuosos e temíase que o equipo non sobreviviría ao seu cuarto inverno.

En 1929, o quebraxeos Fyodor Litke foi elixido para unha operación de rescate. Navegou a partir de Sebastopol co capitán Konstantin Dublitsky ao mando, chegando a Vladivostok o 4 de xullo de 1929; aí todos os mariñeiros do mar Negro foron relevados e substituídos por persoal local. Dez días máis tarde, o Fyodor Litke navegou cara ao Norte, pasando sen complicacións o estreito de Bering, pondo rumbo cara ao estreito de Long para intentar achegarse á illa desde o sur. O 8 de agosto un voo de recoñecemento informou de que o xeo no estreito era infranqueable, e o Fyodor Litke dirixiuse ao norte, en dirección á illa Herald. Non puido escapar ao xeo: o 12 de agosto o capitán apagou os motores para aforrar carbón e tivo que esperar dúas semanas ata que o xeo aliviou a presión. Facendo uns poucos centos de metros ao día, o Fyodor Litke alcanzou o asentamento o 28 de agosto. O 5 de setembro emprenderon o regreso con todos os exploradores a salvo. Esta operación supúxolle ao Fyodor Litke a orde da Bandeira Vermella do Traballo (20 de xaneiro de 1930), así como placas conmemorativas para a tripulación.

Na década de 1930, a illa de Wrangel converteuse no escenario dunha estraña historia, cando caeu baixo a cada vez máis arbitraria autoridade de Konstantin Semenchuk, designado o seu gobernador, que controlaba a poboación local e o seu propio persoal, por medio da extorsión e o asasinato. Prohibiu aos nativos cazar morsas, o que os puxo en perigo de inanición. Posteriormente, foi implicado na misteriosa morte dalgúns dos seus opositores, incluído o médico local. O posterior xuízo en Moscova en xuño de 1936 condenou á morte Semenchuk acusado de "bandidaxe" e da violación da lei soviética.

Durante e logo da segunda guerra mundial moitos prisioneiros de guerra alemáns da SS Schutzstaffel e membros do Exército Ruso de Liberación de Andrey Vlasov foron encarcerados e morreron na illa de Wrangel. Un preso que máis tarde emigrou a Israel, Efim Moshinsky, afirma ver a Raoul Wallenberg alí en 1962.

Segundo algúns norteamericanos, oito illas árticas actualmente controladas por Rusia, incluída a illa de Wrangel, son reclamadas polos Estados Unidos. Con todo, segundo o Departamento de Estado dos Estados Unidosa devandita reclamación non existe.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar