Wikipedia:Sobre Galicia/xullo 2015

O Monte Pindo é un macizo granítico de 627 metros de altura que se atopa no concello coruñés de Carnota. Forma un espazo natural xunto coa praia de Carnota, o espazo natural Carnota - Monte Pindo, catalogado coma Lugar de Importancia Comunitaria e que se atopa incluído na Rede Natura 2000. O espazo ten unha superficie de 4 629 ha e abrangue os concellos de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría, entre as rías de Corcubión e a de Muros e Noia.

A particular xeomorfoloxía do Monte Pindo, inzada de relevos en bolos de granito, inspirou gran cantidade de historias e lendas de deidades, esculturas, ou monstros e xigantes míticos, incluídas algunhas sobre o río Xallas, debido a fervenza do Ézaro por caer as súas augas directamente sobre a auga salgada do mar. Atopáronse nel numerosos restos arqueolóxicos, coma petróglifos, útiles de bronce e restos dunha suposta antiga ermida.