Wikipedia:Artigo destacado/xullo 2012

O ácido desoxirribonucleico (ADN, ou DNA, nas súas siglas en inglés) é un ácido nucleico que contén instrucións xenéticas usadas no desenvolvemento e funcionamento de todos os organismos vivos coñecidos e algúns virus. O papel principal da molécula de ADN é o almacenamento a longo prazo de información. O ADN é comparado a miúdo cun plano ou unha receita, ou un código, xa que contén as instrucións necesarias para construír outros compoñentes das células, como as proteínas e as moléculas de ARN. Os segmentos de ADN que levan esta información xenética son chamados xenes, pero as outras secuencias de ADN teñen propósitos estruturais ou toman parte na regulación do uso desta información xenética.

Quimicamente o ADN consiste en dous longos polímeros de unidades sinxelas chamadas nucleótidos, con columnas feitas de azucres e grupos fosfato unidos por vínculos éster (eixe pentosa-fosfato). Estes dous eixes van en direccións opostas, polo que se di que son antiparalelos. Unidas a cada azucre hai un dos catro tipos de moléculas chamados bases. Son as secuencias formadas por estas catro bases as que codifican a información. Esta información é lida usando o código xenético, o cal especifica os aminoácidos que se deben utilizar durante a tradución das proteínas. A expresión dos xenes realízase copiando o anaco do ADN corespondente a ese xene noutro ácido nucleico, o ARNm, nun proceso chamado transcrición, e traducindo este ARNm a proteínas nos ribosomas.