Wallacea é o nome dunha área bioxeográfica que abrangue un grupo de illas da zona leste de Indonesia, que están separadas por estreitos de augas profundas tanto das plataformas continentais de Asia coma de Australia. Comprende a illa de Sulawesi, que é a máis grande do grupo, e as illas de Lombok, Sumbawa, Flores, Sumba, Timor, Halmahera, Buru, Seram, e moitas illas pequenas.

Wallacea é o territorio formado polo grupo de illas dentro da área vermella do mapa. Indícase en azul a liña de Weber.

As illas de Wallacea están situadas entre Sondalandia (a Península Malaia, Sumatra, Borneo, Xava, e Balí) ao oeste, e Oceanía Próxima incluíndo Australia e Nova Guinea ao sur e leste. A área total de Wallacea é de 347.000 km².

As plataformas de Sahul e Sonda. Wallacea é a área que queda en medio.

Xeografía editar

A fronteira entre Sondalandia e Wallacea segue a liña de Wallace, chamada así pollo naturalista Alfred Russel Wallace, que se decatou das diferenzas na fauna de aves e mamíferos entre as illas a ambos os lados da liña. As illas de Sundalandia no oeste desta liña, como Sumatra, Xava, Balí, e Borneo, teñen unha fauna de mamíferos similar á do leste de Asia, incluíndo tigres, rinocerontes e monos, mentres que as illas desde Lombok cara ao leste están maioritariamente poboadas por marsupiais e aves similares aos de Australasia. En Sulawesi están presentes representantes de ambas as faunas.[1]

Durante as eras glaciares, os niveis do mar eran máis baixos que os actuais, polo que a plataforma da Sonda estaba emerxida e seviu de ponte entre as illas de Sondalandia e Asia,[2] o que permitiu que os animais terrestres asiáticos colonizasen as illas. As illas de Wallacea teñen poucos mamíferos terrestres, aves terrestres, ou peixes de auga doce de orixe continental, que tiveron dificultades á hora de atravesar o mar aberto. Porén, moitas especies de aves, réptiles, e insectos mostraron unha maior capacidade de cruzar os estreitos, e moitas desas especies de orixe asiática ou australiana poden atoparse alí. As plantas de Wallacea son predominantemente de orixe asiática, e os botánicos inclúen Sundaland, Wallacea, e Nova Guinea na provincia florística de Malaia.

De xeito similar, Australia e Nova Guinea ao leste están ligadas por unha plataforma continental pouco fonda, e estiveron conectadas por unha ponte terrestre durante as eras glaciares, formando unha soa masa continental que os científicos denominaron con varios nomes como Australia-Nova Guinea, Meganesia, ou Sahul. En consecuencia, Australia, Nova Guinea, e as illas Aru albergan moitos mamíferos marsupiais, aves terrestres, e peixes de auga doce que non se encontran en Wallacea.[3]

A liña que separa Wallacea de Australia–Nova Guinea denomínase liña de Lydekker. As illas Filipinas considéranse xeralmente unha rexión non incluída en Wallacea.[3] A liña de Weber sitúase no punto medio onde as faunas e floras asiáticas e australianas están aproximadamente igual de representadas, e segue os estreitos máis profundos do arquipélago Indonesio.

Biota e conservación editar

 
Un mapa de Wallacea, limitada polas liñas de Wallace e de Lydekker.

Aínda que os antepasados distantes das plantas e animais de Wallacea puideron ser de Asia ou Australia-Nova Guinea, Wallacea alberga moitas especies endémicas. Houbo unha ampla especiación autóctona e proporcionalmente orixináronse un gran número de endemismos, o cal é unha importante contribución á mega-biodiversidade global do arquipélago Indonesio.[4] Como moitas das illas están separadas unhas doutras por augas profundas, hai moita diversidade de especies entre unha illa e outra.

As especies da fauna inclúen o búfalo anano endémico de Sulawesi e o súido babirusa. As illas Molucas mostran un certo grao de semellanza de especies con Sulawesi pero con menos flora e fauna. Os mamíferos pequenos como os primates son comúns. A illa de Seram ten sona polas súas bolboretas e aves, entre as que está o papagaio Alisterus amboinensis.

Wallacea orixinalmente estaba case completamente forestada, principalmente por bosques de folla ancha húmidos subtropicais e tropicais, con algunhas áreas de bosques de folla ancha secos subtropicias e tropicais. As montañas máis altas estaban cubertas de bosques de montaña e subalpinos, e eran comúns os mangleirais nas áreas costeiras. Segundo a Conservation International, Wallacea alberga unhas 10.000 especies de plantas, das cales aproximadamente 1500 (15%) son endémicas.

Os endemismo é maior entre as especies de vertebrados terrestres; de 1.142 especies que se encontran aquí, case a metade (529) son endémicas. O 45% da rexión conserva algún tipo de cuberta forestal, e só 52.017 km², están en estado inalterado. Da área total de Wallacea duns 347.000 km², só uns 20.000 km² están protexidos.

En Wallacea viven 82 especies ameazadas de vertebrados terrestres e 6 en perigo crítico.

Ecorrexións editar

En Wallacea distínguense as seguintes ecorrexións:

Bosques de folla ancha húmidos subtropicais e tropicais

Bosques de folla ancha secos subtropicais e tropicais

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Abdullah MT. (2003). Biogeography and variation of Cynopterus brachyotis in Southeast Asia. PhD thesis. University of Queensland, St Lucia, Australia.
  • Corbet, GB, Hill JE. (1992). The mammals of the Indomalayan region: a systematic review. Oxford University Press, Oxford.
  • Hall LS, Gordon G. Grigg, Craig Moritz, Besar Ketol, Isa Sait, Wahab Marni and M.T. Abdullah. (2004). Biogeography of fruit bats in Southeast Asia. Sarawak Museum Journal LX(81):191–284.
  • Wilson DE, Reeder DM. (2005). Mammal species of the world. Smithsonian Institution Press, Washington DC.

Ligazóns externas editar