Vilachán, Negreira, Negreira

lugar da parroquia de Negreira, no concello de Negreira


Vilachán é un lugar da parroquia de San Xián de Negreira, no concello de Negreira, na comarca da Barcala.

Vilachán
ParroquiaNegreira
ConcelloNegreira
editar datos en Wikidata ]

Xeografía editar

Está situado á beira do río Barcala ao seu paso polas terras da parroquia de San Xián de Negreira, aos pés do monte Corpachón, a pouco da desembocadura no río Tambre no Picoto de San Sidre. Vilachán está conformado por dous núcleos habitados; Vilachán de Arriba e Vilachán de Abaixo, que aínda son diferenciados con estes nomes polos veciños da aldea e da contorna.

Etimoloxía editar

O topónimo Vilachán procede do latín UĪLLA PLĀNA, que designaba na súa orixe a unha granxa ou conxunto pequeno de casas de uso agrícola, asentadas nun terreo chan. Foi seguramente unha forma medieval UILLAR PLANUM, baseada na anterior, a que deu lugar ao topónimo actual.

Historia editar

 
Territorio dos celtici supertamarici.

As terras de Vilachán estaban xa ocupadas na Idade de Ferro, atopándose un castro (Os Castros) nas terras de labranza e de monte abranguidas entre río Barcala e propia aldea de Vilachán. Pola súa morfoloxía e localización no fondo do val estímase que este castro puido xurdir na segunda Idade do Ferro, supoñéndoselle por isto unha cronoloxía iniciada arredor dos séculos V-IV a.C. e unha posible ocupación como mínimo ata o inicio da época romana (s. II-I a.C.), podendo mesmo estenderse ata o período tardoantigo ou altomedieval.

Reforzando esta opinión dunha ocupación durante a época romana está o achado dunha mostra epigráfica en latín (hoxe en paradoiro descoñecido). Dita inscrición aparece no Corpus Inscriptionum Latinarum II 5643 ([- - -] AS / [- - -] SA / [- - -] NO / [- - -] M / [). Este rexistro dunha inscrición incompleta foi levado a cabo no 1869 por Emil Hübner. Esta falsa transcrición semella que aconteceu nun erro na comunicación entre Antonio López Ferreiro, o antigo cóengo de Santiago do s. XIX, quen á súa vez comunicou a Aureliano Fernández-Guerra, de quen dependía Hübner, que a inscrición copiáraa en "Vilachán, fregresía de Negreira" tendo esa forma exposta no CIL [1]. O Prof. Juan Manuel Abascal Palazón (Universidade de Alacant) fai referencia nunha das súas publicacións a un antropónimo URSA, tirado desta inscrición[2]. A este investigador da epigrafía foille posible atopar uns textos de José Cornide que se atopan na Real Academia da Historia, nos que se fai referencia á viaxe deste xeógrafo por Galicia e á súa estadía en Negreira, onde puido testemuñar esta inscrición en estado completo, sendo esta DMS VRSA ANO UM [3]. Nela, unha muller galaico-romana de nome latino, Ursa, pónlle esta ofrenda ás almas dos seus antepasados mortos (DMS, Diis Manibus Sacrum) nun rito completamente integrado nas prácticas relixiosas romanas.

O castro de Vilachán estivo ocupado posiblemente polo pobo dos celtici supertamarici, que habitaban as partes máis occidentais da beira norte do río Tambre, como o seu nome indica. A presenza deste pobo está testemuñada tanto por fontes clásicas grecolatinas (p. ex. Plinio o Vello, Naturalis Historia, lib. IV), coma polo rexistro epigráfico en estelas funerarias de xentes deste territorio sobre o Tambre que se desprazaran a outras zonas do leste da antiga Gallaecia e facían referencia á súa terra de orixe (vex. Estela de Crecente). Un vestixio deste xentilicio prerromano ficou ata hoxe no nome arciprestado de Céltigos, que colle aínda hoxe unha pequena parte do concello de Negreira e abrangue tamén parte dos concellos limítrofes da Baña, Dumbría e Santa Comba.

 
Estela de Crecente.

Os asentamentos castrexos máis próximos ao castro de Vilachán son o castro de Logrosa (a 2 km) , á beira do Tambre, e o Cotón do Castro (a 2 km) na parroquia veciña de Santa María de Covas, ambos no concello de Negreira. O castro de Vilachán foi agredido severamente a finais do s. XX ao seren construídas sobre a súa croa (zona de habitación do castro) unha casa, valados e piscinas, entre outros elementos, privando deste xeito á xente de Vilachán e de Negreira do privilexio de poder pór en valor este patrimonio insubstituíble e invalorable.

A falta dunha investigación máis exhaustiva que inclúa documentos anteriores, Vilachán aparece xa mentada en varios documentos do s. XVI do arquivo da Biblioteca da Catedral de Santiago (hoxe dixitalizado en parte, véxase abaixo). Estes son, por orde cronolóxica:

  • Ano 1550: Venda de Ares da Baña, veciño da parroquia de Santa María de Covas, a Artemio de Triáns, veciño de dita parroquia e a María de Triáns, a súa muller, de todos os bens que herdara da súa nai Isabel de Triáns, sendo estes, os lugares de Coucelo, Covas e Padín na parroquia de Santa María de Covas, os lugares de Campos e Vilachán na parroquia de San Xián de Negreira, o lugar de Celeiros na parroquia de Santa María de Portor, así como o Val de Lanas e máis a aldea de Duomes na parroquia de San Mamede de Sanamede (San Mamede) do Monte, por dezaoito ducados.[4]
  • Ano 1582: Admisión do mosteiro de San Martiño a favor de Juan de Gonte, labrador, veciño de San Xián de Negreira, como segunda voz do foro que tivera a súa nai María de Guzmán, do lugar de Vilachán, na citada fregresía por renta de 10 rapadas de centeo[4]
  • Ano 1586: traspaso de Juan de Gonte, labrador, veciño de San Xián de Negreira con licenza de frei Pedro de Baños, prior do mosteiro de San Martiño, do lugar de Vilachán sito na citada fregresía a favor de Gregorio de Negreira, da mesma veciñanza cas condicións do foro que tiña o citado Juan do mosteiro e pagando de renta anual 10 rapadas de centeo[4]
  • Ano 1591: Consentimento outorgado por Juan González, clérigo reitor de Santa Baia de Logrosa, a Gregorio de Negreira, veciño de San Xián de Negreira, para que este último poida levar auga do rego do lugar de Vilachán de Abaixo[4]

O primeiro destes documentos data do ano 1550, ano no que Vilachán era propiedade de Ares da Baña e foi traspasada en venda á casa dos Triáns. Así, pódese afirmar case con total rotundidade, que Vilachán xa existía na Idade Media, non excluíndose unha habitación ininterrompida dende a Idade de Ferro. No ano 1581 a diferenciación entre Vilachán de Arriba e de Abaixo xa fica documentada polo último documento da listaxe.

No catastro de Ensenada (1762) aparece citada como "Coto de Vilachán". Tamén aquí aparecen diferenciadas Vilachán de Arriba e de Abaixo. Neste catastro aparece unha descrición moi detallada do número e nome dos veciños do lugar, as súas pertenzas (casa, leiras, gando, industria, etc). Algunhas das familias mencionadas neste documento aínda teñen hoxe a casa neste lugar.

Patrimonio material editar

 
Muíño de Os castros de Vilachán á beira do río Barcala, ao pé da aba do castro antes da adecuación do paseo fluvial (anos 90).
(Foto cedida pola familia Quiroga Negreira)

Ao pé do castro atopábanse dous muíños para a moenda de millo, dos cales hoxe só un se conserva (muíño dos Castros), na beira esquerda do río. Este estivo en uso ata fins do S XX, e foi definitivamente inhabilitado durante os traballos para a construción do paseo fluvial que percorre a beira do río entre o Cotón e o refuxio de Cobas. A día de hoxe o seu potencial uso aínda está na mans das familias de parceiros de Vilachán e doutras aldeas da parroquia que fixeran uso del tradicionalmente nos últimos séculos.

Tamén ao pé dos castro atópase a única ponte antiga de Negreira que cruza o río Barcala, en mal estado de conservación.

A comezos do s. XX Segundo Negreira Campos doou unha parcela de terra para facer a fonte de Vilachán, que marca o límite entre Vilachán de Arriba e de Abaixo. Dita fonte e o seu contorno foi restaurada na década de 1990.

 
Pé, moa e moega no interior do muíño de Os Castros de Vilachán, antes de ser inutilizado (anos 90). (Foto cedida pola familia Quiroga Negreira)

Patrimonio inmaterial editar

No lugar de Vilachán foron recollidas algunhas lendas, informacións e cantigas de tradición oral.

  • Lenda do Pozo do Pego: na noite de San Xoán (23 de xuño) a xente ía ao lugar de Vilas (terra de monte na beira do río oposta a Coínle) e alí, á beira do río Barcala, lían o libro do Ciprianillo. Aqueles que conseguían ler o texto sen perder o fío ata a fin verían saír do pozo do pego dous bois cun xugo de ouro e unha galiña con sete pitos de ouro. Chegaba con que o vento movese a folla cando se estaba a ler a derradeira páxina, para que o tal rexurdir daqueles seres non chegase a acontecer (lenda recollida a Gloria Negreira en Vilachán, casa do Xastre, nos anos 90).
  • Lenda do Picoto de San Sidre: o Picoto de San Sidre é un pequeno outeiro que se ergue sobre o lugar da confluencia dos ríos Barcala e Tambre, a aprox 1 km de Vilachán. Por mor da construción do encoro de Barrié de la Maza, o picoto fica illado da terra firme durante os meses de inverno, semellando ser unha pequena illa no encoro. No ambiente natural do río antes da tal construción o picoto estaba permanentemente unido á terra firme. Deste picoto dise que a Virxe estivo alí coa súa mula levando o Neno con ela. As pegadas das couces da mula ficarían nas laxes do chan do picoto (lenda recollida a Gloria Negreira en Vilachán, casa do Xastre, nos anos 90). Non se conservan restos ningún dunha edificación para o culto deste santo (santo Isidro) no picoto, se ben o lugar non foi aínda nunca escavado nin investigado.
  • Do castro de Vilachán contábase que de vello había xente alí, nos tempos dos mouros, cando Deus aínda andaba polo mundo (recollido a Gloria Negreira en Vilachán, casa do Xastre, nos anos 90).
  • O microtopónimo de Coínle designa un grupo de terreos próximos ao castro. A súa etimoloxía é descoñecida, mais expertos da Universidade de Vigo supóñanlle unha orixe escura, moi posiblemente non latina, concretamente prerromana (información non publicada). De ser así, sería este topónimo un orónimo que podería estar describindo algún elemento da paisaxe, ou nunha interpretación máis atrevida - e no campo da especulación- mesmo podería ser un resto do nome orixinario do poboado da Idade do Ferro.
  • No eido da música popular, Vilachán aparece cantado a ritmo de muiñeira nos seguintes versos (recollidos a Celia de Vilachán na década dos 90):

O lugar de Vilachán

moi bonito pode ser,

ten un loureiro no medio

que afumía sen arder.

Notas editar

  1. Fita y Colomé, Fidel (1880). Recuerdos de un viaje a Santiago de Galicia. ISBN 9780483073258. 
  2. Abascal Palazón, Juan Manuel (2018). "Sobre algunas inscripciones romanas de Gallaecia (Hispania Citerior)". Universidad de La Rioja. Servicio de Publicaciones: 47. 
  3. Abasal Palazón, Juan Manuel (2009). Los viajes de José Cornide por España y Portugal de 1754 a 1801. Real Academia de la Historia. ISBN 978-8496849556. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Arquivo dixital do arquivo da catedral de Santiago". Archivo - Biblioteca Catedral de Santiago. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2021. Consultado o 20 de decembro de 2021. 

Lugares e parroquias editar

Lugares de Negreira editar

Lugares da parroquia de Negreira no concello de Negreira (A Coruña)

Campos | Corpachón | O Cotón | Negreira | Negreiroa | O Patrocinio | Vilachán

Parroquias de Negreira editar

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Negreira

Alvite (San Tomé) | Aro (San Vicenzo) | Arzón (San Cristovo) | Broño (San Martiño) | Bugallido (San Pedro) | Campelo (San Fins) | Campolongo (Santa Cruz) | Covas (Santa María) | Gonte (San Pedro) | Landeira (Santo Estevo) | Liñaio (San Martiño) | Logrosa (Santa Baia) | Lueiro (Santa Baia) | Negreira (San Xián) | A Pena (San Mamede) | Portor (Santa María) | Xallas (San Pedro) | Zas (San Mamede)