Verducido, A Lama

parroquia civil do concello da Lama

San Martiño de Verducido é unha parroquia que se localiza no concello pontevedrés da Lama. Segundo o padrón municipal en 2013 tiña 216 habitantes (106 mulleres e 110 homes), un máis ca en 2004. Ten once entidades de poboación.

Verducido
Igrexa parroquial.
ConcelloA Lama[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°21′16″N 8°25′02″O / 42.354358333333, -8.4170888888889
Poboación184[2] hab. (2019)
Entidades de poboación11[1]
editar datos en Wikidata ]

Limita ao leste coa freguesía de Abelenda (Avión), ao sur coa de Barcia de Mera (Covelo), ao oeste coa de Fornelos de Montes e ao norte coa de Antas.

Historia

editar

San Martiño de Verducido aparece citada con 63 parroquianos nas Relaciones de vecindario mandadas por los corregidores, gobernadores, alcaldes y otras justicias, a petición de S.M., para el mejor repartimiento de los moriscos de Granada (decembro de 1570 - xullo de 1571). No Catastro de Ensenada aparece como pertencente ao señorío da Casa de Soutomaior, anexa á xurisdición de Soutomaior e suxeita á xustiza que o citado duque nomeaba.

Despois dun longo proceso iniciado en 1739 na Laxe, en 1785 o bispo da diocese de Tui Domingo Fernández Angulo creou as parroquias de San Bartolomeu de Xesta, Santa María das Estacas e San Xosé da Laxe, separándoas da matriz de Verducido.

Patrimonio

editar
 
Tumbas de Francisco Garrido de la Vega e Francisco Antonio Albán Barreiro.

O actual templo parroquial que data do século XVIII[3], substituíu un outro edificio anterior do que, posibelmente, fican como únicas pegadas dúas imaxes de granito policromado, representando unha a San Bieito e a outra a unha Virxe co Menino no Colo. Esta segunda imaxe, actualmente na sancristía e coñecida como Santa da Fonte ou das Augas, é probabelmente unha virxe tardo-gótica na que xa agroman algunhas influencias da arte flamenga. A imaxe presenta a Virxe coroada, ergueita, ofrecéndolle ao meniño Xesús, sentado no seu colo, unha pequena esfera coa man dereita (un símbolo da divindade, unha alegoría do mundo ou, sinxelamente, un froito). Destaca o longuísimo cabelo da Virxe caendo polos ombreiros e baixando case ata os cóbados. Este longo cabelo atópase, fóra de Galiza, no treito final do século XV e no primeiro terzo do século XVI, naquelas obras de influencia flamenga, especialmente na pintura e nas tallas dos retablos. Posteriormente esta imaxe da Virxe, co cabelo tan longo, será habitual nas representacións de pintores españois da primeira metade do século XVII (Zurbarán, Murillo e discípulos). As súas formas son arcaizantes, resolvéndose en base a figuras xeométricas e a repetición mecánica e, ás veces, pouco afortunada de clichés (as ondas dos bordos dos grosos panos e os tubos de órgano que deseñan os pregues da roupa). As figuras, frontais e ríxidas, incapaces de romper o bloque no que foron esculpidas aplástanse dentro del, sen crear apenas espazo, xerando esa inorganicidade do meniño, que máis que sentar semella que quere pular dos brazos da nai.

No arco triunfal do templo parroquial aparece a seguinte inscrición: ESTA OBRA HIZIERON LOS VEZINOS COMO PATROS IN SOLIDUN POR DERECHO LOCAL SIENDO ABAB D.FR.GARIDO HIJO DE VEZINO. AÑO DE 1776. Hai unha segunda inscrición na varanda da fermosa torre do campanario de difícil lectura, mas da que parece poder extraese a data de 1790 como a de finalización da torre.

No adro da igrexa están soterrados os bispos católicos Francisco Garrido de la Vega (1713-1776) e Francisco Antonio Albán Barreiro (1764-1837), ambos os dous nados na parroquia.

Galería de imaxes

editar

Lugares e parroquias

editar

Lugares de Verducido

editar
Lugares da parroquia de Verducido no concello da Lama (Pontevedra)

A Cavadiña | Cortegada | O Cruceiro | O Eido de Baixo | A Feixa | A Fraga | As Gándaras | A Nogueira | O Piñeiro | Portasouto | O Porto | A Rabilonga | O Taraído | Val das Rodas

Parroquias da Lama

editar
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias da Lama

Antas (Santiago) | A Barcia do Seixo (Santa Ana) | Covelo (San Sebastián) | Escuadra (San Lourenzo) | Gaxate (San Pedro) | A Lama (San Salvador) | Seixido (San Bartolomeu) | Verducido (San Martiño) | Xende (San Paulo) | Xesta (San Bartolomeu)

Notas

  1. 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
  2. INE.(2019). Nomenclátor: Población del Padrón Continuo por Unidad Poblacional. Madrid:Instituto Nacional de Estadística. Recuperado de: www.ine.es.
  3. Igrexa de San Martiño de Verducido na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar