Víctor Fernández

adestrador de fútbol español

Víctor Fernández Braulio, nado o 28 de novembro de 1960 en Zaragoza, é un exfutbolista e actual adestrador de fútbol español. Xogaba de centrocampista. Entre 1998 e 2002 adestrou con éxito o Celta de Vigo.

Modelo:BiografíaVíctor Fernández

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Víctor Fernández Braulio Editar o valor en Wikidata
28 de novembro de 1960 Editar o valor en Wikidata (63 anos)
Zaragoza, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista, adestrador de fútbol Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoCentrocampista Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
Club Deportivo Sariñena
  Real Betis Balompié
  Adestrador Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
  Real Betis Balompié Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Como futbolista non chegou a destacar, e só conseguiu xogar co Stadium Casabranca en Rexional Preferente e co Sariñena en Terceira División. Adoitaba actuar como mediapunta.

Estivo adestrando ós equipos xuvenís do Stadium Casabranca un par de anos, e en 1988 foi o primeiro da súa promoción cando sacou o carné de adestrador nacional. De aí deu paso directamente ó Real Zaragoza, como segundo adestrador de Radomir Antić.

Por espazo de dúas tempadas ocupou ese posto, ata que en 1990 se fixo cargo do Deportivo Aragón, conxunto filial do equipo zaragocista. Esa mesma tempada, xa en 1991, substituíu a Ildo Maneiro como adestrador do Real Zaragoza, con tan só 30 anos de idade. Colleu ó equipo na xornada 25 situado na 12º posición de Primeira División e deixouno no posto 17º. Tivo que xogar a promoción contra o Murcia, pero finalmente o equipo salvou a categoría.

A tempada seguinte, 1991/1992, continuou a cargo do Real Zaragoza e empezouse a gañar un nome no fútbol nacional como o adestrador máis novo e con gran proxección, deixando ao equipo en 6º lugar. Ó ano seguinte foi 9º en Primeira División e quedou subcampión da Copa do Rei tras perder na final contra o Real Madrid por 2-0.

A súa confirmación definitiva chegaría na campaña 1993/1994, na que o Real Zaragoza fixo unha segunda volta espectacular e quedou 3º na clasificación, cun xogo que namorou a toda España. Ademais, gañou a Copa do Rei ante o Celta nos penaltis, tralo empate a cero. Así quitou a espiña do ano anterior e engadiu o primeiro título ó seu palmarés.

E na 1994/1995 logrou o título máis importante da historia do club: a Recopa de Europa. Derrotou na final ó Arsenal por 2-1, nun dos partidos máis emocionantes que se recordan.

Coméntase que tiña un gran equipo, pero o certo é que el xogou en papel fundamental para que aqueles xogadores marabillasen. Por exemplo, reconverteu a Gustavo Poyet, que era dianteiro, á posición de centrocampista, onde se converteu nun xogador clave. Tamén con el deron o seu máximo nivel futbolistas como Alberto Belsué, Santiago Aragón, Francisco Higuera ou Juan Eduardo Esnáider.

Con todo, a súa mala relación con algúns xogadores do persoal, como Andoni Cedrún ou Miguel Pardeza, afectou ó rendemento do equipo, e na 1995/1996 só puido quedar 13º en Liga, moi por baixo do nivel de anos anteriores. A costa abaixo definitiva chegou a campaña seguinte cando foi destituído o 7 de novembro de 1996, co equipo en postos de descenso.

A seguinte tempada comezou dirixindo ao Tenerife, onde só durou 10 xornadas e foi destituído o 9 de novembro de 1997, co equipo en 13º lugar.

Fíxose cargo do Celta para a campaña 1998/1999, onde volveu dar un gran rendemento, conseguindo sempre moi boas clasificacións, despregando un gran fútbol e converténdose nun dos adestradores máis exitosos e queridos pola afección celeste. En 2000, deulle ao equipo galego a Copa Intertoto da UEFA, o seu primeiro título internacional. En Vigo, estivo ata o ano 2002, deixando ó equipo 5º e coa espiña de non poder disputar a Liga de Campións.

Despois asinou polo Betis, onde fixo dúas irregulares tempadas, sen lograr meter ó equipo en postos de clasificación para a Copa da UEFA.

Na 2004/2005 saíu por primeira vez a adestrar fóra de España facéndose cargo do Porto, en Portugal, que viña de gañar a Liga de Campións a tempada anterior. Con todo, a metade de tempada foi cesado cando mantiña ó equipo en terceira posición.

A campaña 2005/2006 estivo inactivo (aínda que colaborou no Carrusel Deportivo da Cadena SER) e para a seguinte volveu ó Real Zaragoza, como base para un proxecto do novo propietario do equipo: Agapito Iglesias. No ano do seu regreso conseguiu clasificar ó eqiupo para disputar a Copa da UEFA.

Foi destituído como adestrador do Real Zaragoza o día 13 de xaneiro de 2008. O equipo encontrábase na duodécima posición e levaba máis de oito partidos de liga consecutivos sen obter a vitoria. Ademais, fora eliminado da UEFA na primeira rolda. Tras a súa marcha, chegaron ata tres novos adestradores ao banco aragonés e o equipo acabou descendendo de categoría.

En xaneiro de 2010, na xornada número 22, repite experiencia como adestrador do Real Betis co único obxectivo de levalo á máxima categoría do fútbol español. Con el, o Betis converteuse no mellor equipo da segunda volta ao ser o que máis puntos sumou, pero non logrou alcanzar o ascenso. Quedou cuarto, empatando a puntos con Hércules CF e Levante UD, que si subiron á máxima categoría.

En xaneiro de 2013 volveu aos bancos tres anos despois da man do KAA Gent belga. A melloría dos resultados do equipo valeulle a renovación. De feito, colleu ao equipo a tres puntos do descenso e nesa tempada 2012-13 deixouno ás portas de competición europea xa que perdeu a final do playoff por xogar a Europa League. O 30 de setembro de 2013 o Gante anunciou a destitución do técnico español Víctor Fernández e o seu axudante Julián Jiménez, tras sumar tres vitorias, todas na casa, catro empates e dúas derrotas na competición ligueira.

O 10 de xullo de 2014 comprometeuse por unha tempada co Deportivo da Coruña, logo da destitución de Fernando Vázquez.[1] O 8 de abril de 2015 anunciouse o seu cesamento, debido aos malos resultados, aínda que deixando o equipo fóra do descenso, a falta de 8 xornadas para o remate do calendario.[2] O seu substituto foi Víctor Sánchez del Amo.[3]

Palmarés

editar
Zaragoza
Celta
Porto

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar