Uniforme
Un uniforme é a vestimenta específica e distintiva dos membros dunha entidade ou organización mentres participan nas actividades dese colectivo levándoo segundo unha serie de regras establecidas. Os uniformes poden incluír insignias ou distintivos co nome. Adoitan levar uniformes os militares e membros das forzas de seguridade, servizos de emerxencia, gardas de seguridade, os reclusos, os alumnos de determinados colexios, pilotos, carteiros e moitos outros colectivos.
HistoriaEditar
A orixe do uniforme é militar, na antigüídade os exércitos distinguíanse pola roupa tradicional do pobo de cada banda, aínda así houbo casos de unidades militares que tiñan un alto grao de estandarización na súa aparencia, como o caso das lexións romanas, pero coa caída do Imperio Romano desapareceron esas primeiras formas de uniforme. A Guerra dos Trinta Anos (1618-1648), unha guerra longa, que se desenvolveu en boa parte de Europa e que mobilizou unha gran cantidade de soldados destinados en unidades militares durante moito tempo, supuxo o comezo da adopción de signos distintivos, como é o caso do uniforme[1], aínda así durante a guerra só unha pequena parte das unidades vestían uniforme fronte a 1660 cando xa era algo xeral en exércitos como o francés[2], adoptando uniformes a maioría dos exércitos europeos entre 1650 e 1720[3] aínda que as normas e directrices sobre os uniformes non sempre se cumprían, mesmo xa avanzado o século XVIII[4], Contribuíu a este desenvolvemento dos uniformes o establecemento de exércitos permanentes e o desenvolvemento da industria téxtil que se produciu entre mediados do século XVII e o XVIII. No século XVIII as cortes europeas, agás a francesa, adoptaron os uniformes, sendo costume ou obrigatorio levalo cando se acudía a ela, creándose uniformes civís para os diplomáticos e altos funcionarios[5] e para o comezos do século XIX as cortes europeas adoptaron uniformes para os funcionarios ao seu servizo [6] espallándose tamén para todos ou parte dos funcionarios públicos.
TiposEditar
Un uniforme militar indica que quen o leva é un combatente legal e polo tanto protexido pola tratados internacionais sobre leis de guerra. Os uniformes civís indican a capacidade para exercer autoridade pública de quen os leva, e os uniformes de traballo identifican a quen o leva como membros dunha determinada profesión ou mesmo empresa. Ademais existen uniformes para actos específicos, como os uniformes de gala e etiqueta para a asistencia a determinas actividades ou cerimonias, para alén da existencia de uniformes de diario, de traballo, de campaña, de voo e especiais para determinados climas ou labores.
Uniformes militaresEditar
Evolución dos uniformes militares[7]Editar
Uniforme militar | Traxe civil á moda | Comentarios | Uniforme militar | Traxe civil á moda | Comentarios |
---|---|---|---|---|---|
Tanto o chapeu, o pano de pescozo, a casaca, os calzóns, as medias e os zapatos son case idénticos para o uniforme e para o traxe civil segundo a moda do último terzo do século XVII. | Uniformes e traxes civís seguen a comezos do século XVIII unha evolución paralela, as abas dos chapeus elévanse (tricornes), as casacas acurtánse, os calzóns tórnanse estreitos e as medias van ao longo dos xeonllos. | ||||
Cara a 1740 os uniformes militares e os traxes á moda diferían en moitos detalles; a roupa militar vai máis cinguida e as medias convértense nunha especie de polainas que pasan por riba dos zapatos. A roupa civil pola contra ten un corte máis solto, dando unha impresión de elegancia e as medias van por riba das calzas. | Tanto a chaqueta militar como a civil teñen cada volta un corte máis estreito, tirando cara a un frac, os chapeus pasan de tricornes a bicornes. Son claramente militares as botas, a cinta de oficial e o cinto da tropa | ||||
O uniforme militar xa non pode ser confundido cun traxe civil, non obstante segue as leis da moda civil, impoñéndose o frac con dobre ringleira de botoeiras e colo alto, as calzas longas dos civís derivan en pantalóns, e o sombreiro de copa alta nun shakó, de orixe húngara. | A partir da década de 1840 os exércitos abandonan os fracs en beneficio das túnicas, nunha tendencia que facilitaba a comisión do servizo pero tamén seguindo as modas civís, non obstante o uso de xarreteiras indican claramente que se trata dun uniforme de filiación militar |
Cores dos uniformes nacionais no século XVIIIEditar
Infantería | Francia España Sardeña Austria Saxonia desde 1734 |
Gran Bretaña Hannóver Dinamarca Hamburgo Lübeck Saxonia ata 1734 Portugal ata ca 1750 rexementos irlandeses no exército francés rexementos suízos no exército francés |
Rusia | Baviera | Suecia Prusia Países Baixos Holstein-Gottorp Würtemberg Savoia Portugal desde ca. 1750 |
En contraste coa cabalería, a infantería de cada país adoitaba utilizar unha cor predominante nas casacas dos seus uniformes.
Uniformes militares no século XXEditar
Tropas coloniais alemáns con uniformes de campaña con camuflaxe caqui na África Oriental Alemá, con oficiais e mandos intermedios europeos e tropas askari.
A experiencia da guerra dos bóers e da guerra ruso-xaponesa levou a que a maioría dos exércitos adoptaran uniformes de campaña antes da Primeira Guerra Mundial
Alemaña adoptou un novo uniforme de campaña en 1907.
Uniforme de campaña de Austria-Hungría en 1909.
A guerra de trincheiras que se desenvolveu durante a Primeira Guerra Mundial obrigou á adopción de novos equipos, especialmente os casco de aceiro que mudou a traza dos soldados.
A partir da Segunda Guerra Mundial os uniformes de camuflaxe fixéronse a norma como uniformes de campaña estándar. Uniforme finés de 1962.
Editar
Os uniformes das unidades navais desenvolvéronse máis tarde que a das forzas de terra, moitas mariñas empregaban uniformes azuis por mor da superioridade naval británica. Os uniformes dos oficiais navais convertéronse na base dos uniformes civís da mariña mercante.
MariñeirosEditar
O uniforme dos mariñeiros caracterízase polo gorro de mariñeiro, xeralmente branco que pode presentar abas cara arriba, o pescozo azul e camisa de mariñeiro, nalgúns países como Francia tamén é característico unha camiseta de raias
Infantería de mariña rusa con pucha.
OficiaisEditar
É caracerístico do uniforme do oficial naval a gorra con viseira, chaqueta cruzada e as insignias nas mangas; no uniforme de verán a insignia vai no ombreiro. Os suboficiais adoitan levar un uniforme do mesmo tipo que os oficiais.
Capitán de navío sueco con gorra con viseira e chaqueta azul, 2008.
Sarxento alemán da Kriegsmarine, 1941.
Divisas do Capitán Xeneral da Armada Española, emprego obstentado polo rei. Nas armadas o común é que o rango figure nas mangas do uniforme, pero tamén poden ir no ombreiro, no pescozo ou no peito para uniformes de manga curta, para aqueles que pola súa cor impedirían distinguilo ou por calquera outro motivo.
Uniformes das forzas aéreasEditar
As forzas aéreas establecéronse logo da primeira guerra mundial como unha organización militar permanente e independente. A primeira en establecerse foi, en 1918, a Royal Air Force no Reino Unido, e o seu uniforme converteuse nun modelo para outras forzas aéreas, aínda que en menor medida que o fora o da súa mariña. O primeiro uniforme adoptado foi de cor azul clara[9] para uso dos oficiais pero axiña foi substituído polo desde entón característico azul gris adoptado en setembro de 1919[10] con gravata e como na mariña as insignias nas mangas. Os recrutas levaron uniformes caqui ata 1924 cando tamén se substituíron por uniformes da mesma cor que os dos oficiais.
Gran parte dos países Commonwealth adoptaron uniformes que seguen o modelo do da RAF. Na imaxe militares da Forza Aérea India
Os uniformes da forza aérea da Bundeswehr seguen tamén a mesma traza.
O xeneral sueco Bengt Nordenskiöld en uniforme de voo.
Uniforme dun xeneral, Merrill McPeak, da forza aérea estadounidense en 1993.
Uniformes civísEditar
Os primeiros uniformes civís foron os empregados nas cortes reais europeas e aínda que houbo casos illados de introdución nalgúns órganos da administración, como a aprobación en 1785 dun regulamento para a adopción do uniforme para os empregados do correo prusiano[11], a súa difusión aos funcionarios e empregados da administración débese á Revolución Francesa, ao adoptaren as autoridades revolucionarias uniformes civís en 1795 para diferenciar os funcionarios públicos do resto da poboación e que o pobo honrase e respectase o que representaban [12]. Cos cambios que se introduciron nos países europeos como reacción á Revolución Francesa, outros países adoptaron o costume, así Prusia en 1804 publicou un regulamento de uniformes civís, onde distinguía os uniformes de gala e os uniformes de traballo diario[13]
Uniformes cortesánsEditar
Uniformes diplomáticosEditar
Os uniformes diplomáticos introducíronse en Europa a comezos do século XIX deseñados seguindo o modelo dos uniformes cortesáns, no decurso do século XX a maioría dos países abolíronnos, aínda que algúns países mantéñenos para algunhas cerimonias, como a presentación de credenciais[14]
Sinatura do Tratado de Gante que puxo fin á Guerra angloestadounidense de 1812, a delegación británica, á esquerda, con uniformes diplomáticos, deseñados seguindo o modelo dos uniformes cortesáns.
Joachim von Ribbentrop con uniforme diplomático alemán, 1939.
Uniformes diplomáticos soviéticos 1943
O xeneral soviético Vasili Chuikov en uniforme militar e o seu conselleiro político, Vladimir Semyonov, á súa dereita con uniforme diplomático, durante a proclamación da RDA en 1949
Uniformes policiaisEditar
En Europa coexisten dúas tradicións, a anglosaxoa onde a policía era eminentemente local, aínda que co tempo se foi nacionalizando e a tradición continental que creou organizacións policiais centralizadas. Case todos os países de fóra de Europa seguiron algunha desas dúas tradicións, que se reflicte tamén nos uniformes, as policías que seguen a tradición continental adoitan ter uniformes que lembras aos dos militares mentres que a da tradición anglosaxoa seguen os uniformes azuis da policía londiniense. A primeira policía puramente civil en uniforme xorde en 1829, os sarxentos da vila en París [15], aínda que unidades militares xa exercían funcións de policía en uniforme, a Xendarmería de Francia, da que xurdiu a Maréchaussée en 1720, antecesora da Xendarmería Nacional[16] creada en 1791 tamén con uniforme e principalmente con funcións de policía civil pero cun status militar.
Xendarme con uniforme prévôté, os destacamentos prévôtaux están compostos por xendarmes que o ministerio de defensa envía en misións exteriores para acompañar o exército, e que teñen por misión asegurar a policía xudicial no exército, perdendo ou quedando en segundo plano as súas funcións de policía civil.
Unidade antidisturbios da Ertzaintza
Policía local de Boiro co uniforme en uso entre 2005 e 2011. En España as policías municipais teñen uniformes unificados por lei[17], a partir de 2012 o uniforme é azul claro na parte superior da camisa e azul escura no resto, aínda que a súa implantación é progresiva.
Uniformes políticosEditar
Non é habitual que os membros das organizacións políticas leven uniformes mesmo é común que os militares ou policías teñan prohibido levar o seu uniforme en actos de organizacións políticas e nalgúns países existe a prohibición absoluta para os militares de formar parte de partidos políticos. Historicamente o seu uso foi habitual nas organizacións paramilitares, Freikorps, que formaron os ex-combatentes alemáns tras a redución do exército polo Tratado de Versalles, a súa ideoloxía era protofascista e nacionalista, logo da prohibición aos ex-combatentes de participaren en organizacións paramilitares, moitos ingresaron en organizacións políticas extremistas, nese caldo xurdiu o Partido Nazi, e as súas organizacións paramilitares uniformadas, en toda Europa multitude de grupos políticos ou paramilitares adoptaron ese gusto polos uniformes. Co acceso ao poder dos nazis, os uniformes xeneralizáronse masivamente entre a poboación, como boa parte formaba parte por obriga ou por vontade, de organizacións vencelladas aos nazis. Na Italia fascista ou na España do primeiro franquismo déronse situacións parecidas, logo da Segunda Guerra Mundial, nalgúns países como foi o caso de Alemaña prohibíronse ás organizacións políticas levar uniformes.
Unidade da SA, a organización paramilitar do Partido Nazi, a elección dunha camisa parda como parte do uniforme debeuse a que eran baratas xa que había moita oferta xa que se ordenaran como uniforme durante a Primeira Guerra Mundial para as tropas coloniais alemás e tras perder a guerra quedaran sen uso[18]
Membros de Stahlhelm, Bund der Frontsoldaten en 1932, grupo paramilitar do conservador Partido Nacional do Pobo Alemán, que como fixeran anteriormente outros grupos acabarían integrados no aparello nazi.
As organizacións de esquerda tamén crearon as súas propias unidades paramilitares a primeira foi Proletarische Hundertschaften en 1923 con comunistas, socialistas e sindicalistas, logo da súa prohibición o Partido Comunista Alemán creou o Rotfrontkämpferbund. Na imaxe membros desa organización desfilando en 1927, distinguíanse pola banda vermella no brazo.
Uniformes escolaresEditar
Nalgúns países é habitual que os alumnos das escolas vistan uniformes, como é o caso do Reino Unido, noutros países como España úsanse principalmente en colexios privados. Nos Estados Unidos tradicionalmente os uniformes estaban asociados coas escolas privadas pero desde que en 1987 a primeira escola pública adoptou unha política de uniformes obrigatorios, a situación está mudando e segundo unha enquisa do ano 2000 o 21% das escolas públicas tiñan unha política de uniformes[19] Os uniformes escolares poden ir desde unha simple camisa estándar a un rigoroso equipamento de roupa formal en colexios privados, nalgúns países o tipo de uniforme varía de escola a escola e noutros, como no Reino Unido, é común para todas as escolas.
Uniformes de grupos xuvenísEditar
Organizacións xuvenís como o sokol ou os scouts, dedicados á realización de actividades deportivas os primeiros ou a actividades ao aire libre os segundos tamén adoptaron uniformes para reducir as diferenzas entre os membros e sentirse membros da mesma irmandade.
Desfile de scouts en Escocia na década de 1940. O uniforme orixinal consitía nunha camisa ampla de cor caqui, un chapeu de campaña, un pano atado ao pescozo, pantalóns curtos e camisa de manga longa pero que se leva polo común coas mangas enroladas, o uniforme orixinal adaptouse a cada país e á época, e aquí os scouts desfilan con kilt
Uniformes de traballoEditar
Despois da Segunda Guerra Mundial, os uniformes civís, agás aqueles que representan autoridade, progresivamente derivaron en uniformes de traballo, todos os elementos militares que simbolizan rango e función no seo dunha organización xerárquica desaparecen. Os uniformes de traballo convértense en parte da identidade corporativa, que comunican a súa visión e os seus obxectivos e axuda a que o empregado se identifique coa empresa e os seus obxectivos.
Camareira nun restaurante da antiga RDA 1988.
Tráfico aéreoEditar
No tráfico aéreo é habitual que o piloto e outros membros da cabina mais os auxiliares de voo vaia en uniforme.
RestauraciónEditar
Na maioría dos hoteis e boa parte dos restaurantes é habitual que o persoal atenda ao público con uniforme.
Servizo domésticoEditar
En moitos países o servizo doméstico das grandes casas aristocráticas e burguesas levaban uniforme sendo común que asistentas, axudas de cámara e aias os levasen , espallándose o costume tamén ao servizo doméstico dos fogares da clase media, aínda que o uso de uniformes desde as últimas décadas do século XX tendeu a diminuír. No caso das mulleres era habitual o mandil.
Transporte de viaxeiros terrestreEditar
É habitual o seu uso nos condutores de autobús, metro e maquinistas, mais nalgúns países, como é o caso de Australia, tamén os taxistas han de levar uniforme[20]
Uniformes deportivosEditar
A maioría, senón todos, dos deportes profesionais por equipos requiren uniformes, coas cores distintivas do equipo, club ou selección. En Gran Bretaña, en rugby arredor de 1840 empregánbase roupas ou complementos peculiares como as gorras de veludo ou xerseis pero que non constituían uniformes estandarizados[21], os uniformes estándar desenvoléronse ao longo da década década de 1870, ao igual que no fútbol[22]. Nos Estados Unidos, o uso de uniforme no béisbol comezou en 1849 [23].
NotasEditar
- ↑ Roche, Daniel (1996) The Culture of Clothing: Dress and Fashion in the Ancien Régime, Cambridge University Press, p. 222
- ↑ Thion, Stéphane (2008) French Armies of the Thirty Years' War LRT Editions, p. 117
- ↑ Mansel, Philip (2005) Dressed to Rule: Royal and Court Costume from Louis XIV to Elizabeth II Yale University Press, p. 19
- ↑ Roche, Daniel (1996) The Culture of Clothing: Dress and Fashion in the Ancien Régime, Cambridge University Press, p. 228
- ↑ Mansel, Philip (2005) Dressed to Rule: Royal and Court Costume from Louis XIV to Elizabeth II Yale University Press, p. 28
- ↑ Mansel, Philip (2005) Dressed to Rule: Royal and Court Costume from Louis XIV to Elizabeth II Yale University Press, p. 98
- ↑ A información deste apartado procede do libro de Preben Kannik, Uniformer i färg, Almqvist & Wiksell: Estocolmo, 1969
- ↑ Andrew Steven, Peter Amodio: Uniformen der Waffen-SS in Farbe, Verlag Karl-Heinz Dissberger, 2. berichtigte Auflage, Düsseldorf 1992
- ↑ Officer's Light Blue 1918 Pattern. britairforce.com
- ↑ Hobart, Malcolm (2000) Badges and Uniforms Of The Royal Air Force Leo Cooper, Pen & Sword Books, p. 26
- ↑ Postarchiv, vol. 33. 1905 Reichspostministerium, p. 456
- ↑ Hunt,Lynn Avery (1984)Politics, Culture, and Class in the French Revolution. University of California Press, pp. 77-78
- ↑ Ziviluniformen, LWL, portal educativo da autoridade rexional de Westfalia-Lippe
- ↑ Hackspiel-Mikosch, Elisabeth (2005). "Uniforms, diplomatic". In Steele, Valerie. Encyclopedia of Clothing and Fashion vol. 3. Thomson Gale. pp. 362–364
- ↑ Histoire, web da police nationale
- ↑ "Le justaucorps : 1720-1769, Web da Xendarmería Nacional". Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2014. Consultado o 16 de marzo de 2014.
- ↑ La policía está de estreno, La Nueva España, 16 de xaneiro de 2012
- ↑ Toland, John (1976). Adolf Hitler. Garden City, New York: Doubleday & Company, p. 220
- ↑ Education Bug
- ↑ Taxi Driver. Code of Conduct
- ↑ Eric Dunning e Kenneth Sheard (2005) Barbarians, Gentlemen and Players: A Sociological Study of the Development of Rugby Football Psychology Press, p. 78 (1ª ed. 1979)
- ↑ David Moor. HistoricalFootballKits.co.uk, ed. "A Brief History of Football Kit Design in England and Scotland". Consultado o 14 de 19 de marzo de 2014.
- ↑ A History of Baseball Uniform