Tordo real

(Redirección desde «Turdus pilaris»)

O tordo real[2][3] (Turdus pilaris) é un paxaro da familia dos túrdidos que se reproduce en zonas boscosas e arbustivas do norte de Europa e Asia, que en Galicia é unha ave invernante pouco común.[3] É unha especie moi migratoria, e moitos dos exemplares do norte trasládanse ao sur durante o inverno. Inverna en grandes cantidades nas illas británicas (onde uns poucos exemplares tamén se reproducen), e no sur de Europa, norte de África e Próximo Oriente. É omnívoro, e come unha ampla variedade de moluscos, insectos e miñocas de terra en verán e bagas, cereais e outras sementes en inverno.

Adoitan nidificar en pequenas colonias, posiblemente como protección contra os predadores. Constrúen o niño nunha árbore, no que poñen cinco ou seis ovos. Os polos son alimentados polos dous proxenitores e abandonan o niño pasados quince días. Poden criar dúas roladas na parte sur da súa área de distribución, pero só unha máis ao norte. As aves migrantes e invernantes a miúdo forman grandes bandadas, frecuentemente en compañía de tordos rubios.

O tordo real ten unha lonxitude duns 25 cm, cun píleo, pescozo e mitra grises, un dorso marrón puro, ás e cola escuras e parte inferior da á branca. O peito e flancos teñen moitas manchas. O peito ten un ton avermellado destinguido e o resto das partes inferiores son brancas. Os sexos son similares en aparencia pero as femias son lixeiramente máis marróns. Os machos teñen unha canción simple e a ave fai varias chamadas guturais en voo e de alarma.

Etimoloxía editar

A especie foi descrita por Linnaeus na súa obra Systema naturae (1758) co seu actual nome científico.[4] O nome Turdus pilaris procede de dúas palabras distintas que significaban 'tordo'.[5] Non se recoñecen subespecies.[6]

Taxonomía editar

No xénero Turdus hai unhas 65 especies de tordos de tamaño medio a grande, caracterizadas por ter cabezas arredondadas, ás longas e bicudas e xeralmente cancións melodiosas. Aínda que os dous tordos europeos, o tordo común e o tordo charlo, separáronse temperanmente da liñaxe euroasiática de Turdus despois de que estes se espallasen polo norte de África, o tordo real descende de devanceiros que colonizaron as illas do mar Caribe desde África e despois chegaron a Europa desde América.[7]

Descrición editar

O tordo real é doadamente recoñecible coa súa cabeza, caluga e mitra grises lousa, dorso marrón escuro, cola anegrada e peito con moitas manchas. En voo, as súas cobertoiras da parte inferior da á son brancas e as axilares son conspicuas. A áspera chamada de voo de tipo "tsac tsac" é tamén distintiva.[8]

A fronte e píleo do macho son grises azulados e cada pluma ten unha banda central negra amarronada. Os loros e rexións debaixo do ollo son negros e teñen unhas liñas claras débiles sobre os ollos. As cobertoiras do oído, caluga, parte de atrás do pescozo e mitra son grises azlados, xeralmente cunha liña branca preto do talo de cada pluma da mitra. As escapulares e plumas do manto son castaas escuras con liñas centrais escuras e puntas claras. Teñen catorce plumas na cola, cada unha cun extremo agudo, as dúas máis externas son lixeiramene máis curtas que as outras orixinando unha cola arredondada. Son negros amarronadas, con barras máis escuras pouco marcadas visibles con certa luz. A beira externa de cada pluma da cola é gris preto da base e o par externo de plumas ten un bordo branco estreito na beira interna. O queixo, gorxa e peito superior son de cor beixe crema con liñas intensas e manchas de cor negra amarronada. A parte inferior do peito é de cor branca crema cun ton beixe cada vez menos intenso e con menos manchas e a barriga é igualmente de cor branca crema, con manchas restrinxidas á parte máis superior. As primarias son negras amarronadas co bordo de ataque beireado de gris e o bordo interno das plumas externas gris preto da base, mentres que as plumas internas están beireadas de marrón preto da base. As secundarias son similares, pero beireadas de castaño no bordo de ataque. As cobertoiras das ás superiores son negras amarronadas e similares ás primarias externas na coloración das marxes. As axilares e cobertoiras das ás inferiores son brancas e as cobertorias da parte que está baixo a cola teñen bases e marxes marróns agrisados escuras e centros e extremos brancos. O peteiro é forte, facendo unha curva lixeira e unha amosega preto da punta. É de cor amarela laranxa en inveno, e a mandíbula superior é algo amarronada e ambas puntas da mandíbula negras amaronadas. No verán ambas as mandíbulas do peteiro do macho son amarelas. O iris é marrón escuro e as patas e pés son marróns. A lonxitude media do adulto é de 25 cm, a lonxitude das ás é de 14,5 cm e a lonxitude tarsal é de 3,5 cm.[9]

A femia é moi similar ao macho, pero as partes superiores son algo máis amarronadas e as plumas do píleo teñen liñas centrais negras máis estreitas. A gorxa e peitos son máis claros con marcas máis pequenas e en menor número. O peteiro é similar ao peteiro do macho en inverno. O xove é de cor máis clara que adulto con liñas de cores claras nas plumas que teñen liñas escuras nos adultos. O xove adopta a súa plumaxe adulta despois da súa primeira muda no outono.[9]

A chamada desta ave faina principalmente en voo e é un áspero "tsak tsak tsuk". O mesmo son, pero máis suave, faino máis ocasionalemnte cando os individuos se xuntan nas árbores. Cando está incomodado ou alarmado emite varios sons de advertencia que lembran os do tordo charlo (Turdus viscivorous). O macho ten unha canción bastante feble que canta na estación reprodutora. É unha mestura dunhas poucas frases como as do merlo (Turdus merula) intercaladas con asubíos, chíos guturais e notas de chamada. Cántaa en voo e tamén desde as árbores e unha versión tenue desa canción con máis notas de trilos é cantada por un grupo de aves en pousadeiros comunais.[9]

Distribución e hábitat editar

 
Tordos reais en inverno
 
Tordos reais en fronte dunha fiestra

O tordo real é unha especie migratoria cunha distribución paleártica. Reprodúcese no norte de Noruega, norte de Suecia, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Suíza, Austria, a República Checa, Eslovaquia, Hungría, Polonia e Siberia cara ao leste ata Transbaikal, o río Aldán e as montañas Tian Shan no noroeste da China. No inverno a súa área de distribución esténdese polo oeste e sur de Europa e Norte de África, aínda que non é común na rexión mediterránea. As poboacións do leste migran a Anatolia, Israel, Irán e noroeste da India e ás veces ao nordeste da India. É unha ave que chega errante a Islandia, Groenlandia, Spitsbergen, as illas Canarias, as illas Baleares, Madeira, Córsega, Sardeña, Sicilia, Malta e Chipre.[9] O voo do tordo real é lento e directo. Dá varios fortes batidos de ás e despois pecha as ás brevemente antes de volver a batelas. É moi gregario, bastante tímido e asústase doadamente no inverno e é máis afouto e ruidoso na estación reprodutora. Cando un grupo está nunha árbore tenden a mirar na mesma dirección, mantendo unha constante charla.[10] Cando buscan alimento no chan, a miúdo en asociación cos tordos rubios, o grupo avanza a favor do vento, e cada ave fai unha pausa cada pouco para erguerse e mirar arredor antes de volver a alimentarse. Cando están alarmados vanse voando e o grupo de alimentación volve formarse noutro sitio.[10] En zonas boscosas non vagan polo sotobosque como fan os merlos ou os tordos comúns, senón que se pousan en zonas abertas en arbustos e ramas altas. Póusanse socialmente, ás veces en setos crecidos e matogueiras ou arbustos, pero máis xeralmente no chan. Sitios comúns son as zonas de herbas bastas entre arbustos ou matas de xuncos, en plantacións xoves, en restroballos e nos sucos dos campos arados.[9]

Hábitat editar

No verán os tordos reais frecuentan zonas boscosas mixtas de bidueiros, amieiros, piñeiros, piceas e abetos, a miúdo preto de marismas, páramos ou outras zonas abertas. Non evita a veciñanza dos humanos e poden verse en áreas cultivadas, hortas, parques e xardíns. Tamén habita en tundras abertas e ladeiras de montañas sobre a liña de árbores. No inverno, os grupos de tordos charlos encóntranse principalmente en campo aberto, terras agrícolas, hortas e zonas boscosas. Son nómades, e roldan por onde hai unha abundancia de bagas e insectos. Posteriormente no ano trasládanse a zonas de pasto e campos cultivados.[8]

 
Tordos reais comendo vermes

Migración editar

 
As bagas forman unha importante parte da súa dieta invernal

A migración cara ao sur desde as zonas de reprodución empeza en outubro, pero en países como o Reino Unido a maior masa de aves chega en novembro. Algunhas destas aves están de paso e continúan cara ao continente europeo, pero outras permanecen. Os migrantes de paso volven en abril e eles e os migrantes residentes parten do Reino Unido principalmente a inicios de maio.[9]

Alimentación editar

O tordo real é omnívoro. O alimento de orixe animal da súa dieta inclúe caracois e lesmas, miñocas, arañas e insectos como escaravellos e as súas larvas, moscas e saltóns. Cando maduran as bagas no outono cómenas en grandes cantidades. Os froitos de estripeiros, acivros, Sorbus, teixos, xenebreiros, Rosa canina, Cotoneaster, Pyracantha e Berberis son tamén preferidos. Máis avanzado o inverno comen mazás que tirou o vento, nabos nos campos e cereais e sementes.[9] Cando estes están exhaustos ou en tempo particularmente malo, as aves poden trasladarse a marismas ou incluso ás costas onde poden encontrar moluscos.[8]

Reprodución editar

 
Ovos da especie na colección do Museo de Wiesbaden, Alemaña
 
Niño e polos

A tempada reprodutora comeza en maio en Polonia, pero máis ao norte, en Escandinavia, pode non empezar ata inicios de xullo. A femia constrúe un niño con forma de copa que non intenta agochar. A localización adoita ser unha zona boscosa pero pode ser unha liña de setos, un xardín, entre rochas, nunha morea de troncos, nun alpendre ou no chan.[9] Xeralmente nidifican en estreita proximidade con outros individuos da súa mesma especie. Os adultos defenden o seu niño agresivamente e a nidificación gregaria pode ofrecer protección dos predadores. O niño constrúese con herbas secas e outras plantas con algúns taliños e algo de musgo, e ten unha cuberta de barro e un forro interno de herbas finas. A posta é normalmente de cinco ou seis ovos, pero ás veces pode ser de tres, catro, sete ou mesmo oito ovos. Os ovos varían de tamaño desde 28,8x20,9 mm a 33,5x23,4 mm e son de cor variable. Moitos son de cor azul clara salferida de pintas pequenas azuis e lembran os do merlo. Outros son azuis brillantes, con ou sen manchas marróns avermelladas máis grandes. A incubación comeza antes de que se puxeran todos os ovos e dura de trece a catorce días. A femia encárgase de toda ou da maioría da incubación. Os polos son altriciais e ambos os proxenitores lles levan comida. Están normalmente listos para abandonar o niño en de catorce a dezaseis días e poden criar dúas roladas por tempada, especialmente na parte sur da súa área de reprodución.[9]

Status e conservación editar

O tordo real ten unha ampla área de distribución, estimada en 10 millóns de km2 e unha gran poboación que só en Europa é de 42 a 72 millóns de individuos. Pénsase que hai uns 20000 individuos en Rusia e a poboación global calcúlase entre 44 e 96 millóns de individuos. O tamaño da poboación parece ser estable e a especie non se cre que estea dentro dos criterios de declive de poboación da lista vermella da IUCN, polo que foi avaliada cun status de "especie pouco preocupante".[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Turdus pilaris". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Linnaeus, C (1758). Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio decima, reformata. (en latín). Holmiae. (Laurentii Salvii). p. 168. T. rectricibus nigris : extimis margine interiore apice albicantibus, capite uropygioque cano. 
  5. Jobling, James A (1991). A Dictionary of Scientific Bird Names. Oxford University Press. pp. 306, 393. ISBN 0-19-854634-3. 
  6. "Fieldfare (Turdus pilaris) Linnaeus, 1758". Avibase. Consultado o 2013-08-10. 
  7. Reilly, John (2018). The Ascent of Birds. Pelagic Monographs. Exeter: Pelagic. pp. 221–225. ISBN 978-1-78427-169-5. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Coward, T. A. (1941). The Birds of the British Isles and their Eggs. Frederick Warne. pp. 201–203. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 9,8 Witherby, H. F., ed. (1943). Handbook of British Birds, Volume 2: Warblers to Owls. H. F. and G. Witherby Ltd. pp. 107–111. 
  10. 10,0 10,1 Coward, T. A. (1941). The Birds of the British Isles and their Eggs. Frederick Warne. pp. 201–203. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar